Tristeza ao redor da festa das Letras Galegas

 

María do Carme Kruckenberg

(Vigo, 1926-2015)

           No seu blog Brétemas, Manuel Bragado fala o 17 de maio de 2015 da forza, persoal e lírica, desta poeta viguesa que nos abandonou aos 88 anos, tinxindo de tristeza estes días que máis habían ser de ledicia e de celebración para as letras galegas.

 

          Di así:

          Este 17 de maio quedará na nosa memoria pola tristeza do pasamento de María do Carme Kruckenberg, a poeta viguesa que fixo da súa vida un exercicio continuo de rebeldía. É inevitable lembrar a súa enerxía entusiasta e a súa solemnidade cando recitaba, mostra da súa elegancia humana e dunha vocación literaria que nunca abandonou. Pioneira nunha sociedade literaria moi masculina e machista, como lles sucedeu ás súas compañeiras, as irmás Pura e Dora Vázquez, Luz Pozo Garza, María Mariño, Xohana Torres ou María Xosé Queizán, tivo que loitar arreo para manter a súa independencia e agardar a un recoñecemento serodio da súa obra literaria que chegou a finais da década de 1980, despois de ser vicepresidenta da AELG. Emigrante e viaxeira, como sinalou Mercedes Queixas a súa biógrafa, "respirou polo mar de Vigo", "fixo de Vigo o seu lugar no mundo", porto seguro tras as difíciles travesías. Esta noite sentindo a fragrancia da maruxía da ría lembrámola con saudades e silencioso respecto.