A literatura, de loito

     Estamos en abril, achegándonos á gran festa dos libros, e sorpréndenos un ano máis unha mala nova, neste caso por partida dobre. Hai poucos días, o mesmo 13 de abril de 2015 falecían, nos seus respectivos países, o escritor alemán Günter Grass e mais o uruguaio Eduardo Galeano.

     O comprometido autor de "O tambor de folla de lata", "O rodaballo", "O gato e o rato" ou "O meu século", título da última das súa novelas, foi galardoado no ano 1999 co Premio Nobel, así como co Premio Príncipe de Asturias. Morreu na súa terra aos 87 anos. "El País" bríndanos no seu exemplar do día seguinte unha entrevista inédita co autor, que lle fora realizada no seu domicilio alemán o día 21 de marzo.

     Eduardo Galeano foi sempre un activista da palabra. Déixanos libros de gran transcendencia e difusión, entre os que destacan "Las venas abiertas de América Latina" ou, noutra esfera, "Días y noches de amor y de lluvia" ou "El libro de los abrazos" así como "El fútbol a sol y sombra".