Premio Cervantes 2014: Juan Goytisolo

De familia de escritores (irmán do poeta José Agustín e mais do tamén narrador Luis Goytisolo -Premio Nacional das Letras 2013-), o novelista Juan Goytisolo naceu en Barcelona no ano 1931.

Fonte: Wikimedia Licenza: CC-BY-SA

Inicia a súa obra narrativa próximo ao Realismo Social, con Juegos de manos (1954) ou Duelo en el Paraíso (1955). Súmase logo á experimentación narrativa coa triloxía formada por Señas de identidad (1966), Reivindicación del conde don Julián (México, 1970)  ou Juan sin Tierra (1975), nas que afonda no problema da identidade, o sentido da vida e a busca do pasado; o protagonista,  somerxido na súa conciencia, rompe co seu país e coa civilización occidental en xeral.

Outras novelas posteriores amosan a súa incesante vontade renovadora, como  Makbara (1980). Tamén escribiu libros de viaxes con clara intención social como Campos de Níjar (1960). Colabora habitualmente na prensa (El País) e ten publicado importantes ensaios, como El furgón de cola, reflexións sobre diversos aspectos literarios e intelectuais. Recentemente tamén cultiva a poesía.

No vestíbulo dispuxemos un panel informativo con
algunhas das súas obras existentes na Biblioteca

 


Permanentemente residiu lonxe de España: en Francia, onde foi asesor da editorial Gallimard; nos EEUU, onde impartiu clases de literatura en varias universidades, e, desde 1996, á morte da súa muller, en Marrocos.

Sempre oposto ao franquismo (desde que súa nai morreu por un bombardeo dos nacionais sobre Barcelona en 1938), nunca abandonou unha actitude crítica e heterodoxa e unha fonda preocupación social.

No ano 2008 recibiu o Premio Nacional das Letras Españolas e neste 2014 recibe o chamado nobel español, o Premio Cervantes, pola súa "capacidade indagatoria na linguaxe en propostas estilísticas complexas" e pola súa "aposta permanente polo diálogo intercultural".