Concerto de Nadal

O Grupo de Música ofreceu un concerto de Nadal para o alumnado de 2º ESO e 3º ESO o xoves 21 de decembro.

Mantivo parte do repertorio do concerto do día anterior nos colexios da contorna aínda que nesta ocasión a homenaxe foi dirixida á nosa querida Ángeles López Rielo, Xefa do Departamento de Música que pon fin á súa traxectoria profesional.

Toda unha celebración de alegría no inicio dunha nova etapa vital. Moita saúde e felicidade para ti, Ángeles!


Historia de Vigo

O Roteiro de Coia xunto co Departamento de Xeografía e Historia e o Departamento de Tecnoloxía tiveron a ben organizar unha saída para coñecer polo miúdo a historia de Vigo.

Aproveitando os dous últimos días de clase do primeiro trimestre, todo o alumnado de 4º ESO que quixo puido profundizar na historia da cidade tanto dende un punto de vista histórico como tecnolóxico facendo un percorrido a pé dende o Castro deica a Praza da Constitución.

O profesor Daniel Rodríguez foi explicando con todo luxo de detalles os pormenores dalgúns dos lugares máis emblemáticos tanto do Vigo antigo (murallas, castelo de San Sebastián, a oliveira …) coma do Vigo máis industrial.

Na segunda parte da saída, o alumnado dividiuse en dous grupos: mentres unha metade visitaba a zona do xardín do cable inglés, a outra accedeu á exposición guiada de Afundación “Vigo no tempo” para despois rotar.

Unha xornada do máis interesante e intensa para coñecer a nosa realidade máis inmediata!

Concertos de Nadal nos colexios

Como xa vén sendo tradición, o grupo de música do instituto, coordinado pola profesora Judit Alonso Comesaña, ofreceu dous concertos de Nadal nos colexios CEIP Balaídos e CEIP ADR Castelao o mércores 20 de decembro.

Con todo, este ano o evento en Balaídos tivo un engadido de emotividade. A profesora Bea Pérez Homem de Almeida, tan querida por parte do noso alumnado formado no colexio na etapa de primaria, xubilábase, así que o concerto tamén serviu de colofón a toda unha carreira na que se lembrou os últimos vinte e cinco anos animando ao alumnado a descubrir a música, organizando a biblioteca e a aula virtual, formando nas esencias do teatro negro, preparando cancións de Nadal e polo día da Paz... O grupo de música quixo sorprendela interprentando “Yesterday” dos seus tan queridos Beatles.

Vai por ti, Bea!


Recital de Nadal

A profesora de música Marta Barreiro organizou o martes 19 de decembro un recital de Nadal en que participou parte do alumnado de 2º ESO e o dos Bacharelatos Escénicos.

Velaquí o programa de música co que nos deleitaron:

                                    (I)


Mix: Jingle Bell Rock & Santa Claus is Coming to Town

                                   (II)

Rock my soul – Canon (Espiritual)
Ipharadisi (música espiritual coral sudafricana)
Vois sur ton chemin (BSO Les Choristes)
Merry Christmas (versión de Elton John & Ed Sheeran)

                                   (III)

Swing Low (Espiritual)
Gaudete! (Panxoliña medieval)
Caresse sur l'ocean (BSO Les Choristes)
What a Wonderful World (arranxo a voces)

Nadal de Caroi e Reis de Rinlo (arranxo dunha peza tradicional galega)

Proxecto Bosque Atlántico: “Dentro do bosque”

E para completar a xornada de formación teórica do luns 18 deseñada polo Departamento de Xeografía e Historia e o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, o alumnado de 1º ESO A e 1º ESO E participou na saída “Dentro do bosque”.

Neste percorrido polo Campus Lagoas-Marcosende, o alumnado foi guiado polo educador ambiental Marcos Guiadanes Figueiras e puido tomar contacto coas vinte e cinco especies autóctonas das Rías Baixas que se convervan: carballo, salgueiro, bidueiro, ameneiro, castiñeiro, acivro, sobreira, texo, etc. Todo un exemplo de recuperación do bosque atlántico galego que foi deseñado hai décadas e que actualmente é coidado cons fins educativos pola oficina de medioambiente (OMA) do Campus Universitario.

Esta actividade enmárcase nos Contratos Programa CP Innova na modalidade EDUsostibilidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.


Belén na parroquia Virxe do Rocío, no barrio do Resío

O luns 18 de decembro a xefa do Departamento de Relixión, Mª Carmen Mauri, levou o alumnado de relixión de 1º ESO á parroquia Virxe do Rocío (O Resío, Coia) para que puidese contemplar o Belén alí instalado.

Con esta saída, o alumnado participa da vida do barrio, ademais de interiorizar dunha forma práctica o recollido na Biblia.

 

Proxecto Bosque Atlántico: “As nosas árbores”

O luns 18 de decembro, o alumnado de 1º ESO A e 1º ESO E participou no obradoiro “As nosas árbores” incluído dentro do proxecto “Bosque Atlántico” e enmarcado nos Contratos Programa CP Innova na modalidade EDUsostibilidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

No obradoiro, o educador ambiental Marcos Guiadanes Figueiras deu a coñecer as especies arbóreas orixinais do subsector bioxeográfico “Rías Baixas”.

Con esta actividade, o Departamento de Xeografía e Historia e o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do instituto, pretenden concienciar o alumnado sobre o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 15 da ONU: Vida de ecosistemas terrestres, polo que se aspira a “promover o uso sostible dos ecosistemas terrestres, loitar contra a desertificación, deter e investir a degradación das terras e frear a perda da diversidade biolóxica”. Queremos así facer que o noso alumnado reflexione sobre a necesidade de conservar e protexer os ecosistemas terrestres, reducindo a contaminación, restaurando ecosistemas danados, evitando a perda da biodiversidade biolóxica e promovendo unha xestión sostible dos recursos que nos proporciona o bosque atlántico.

Porto de Vigo e Zona Franca

O Departamento de Economía organizou unha saída en colaboración coa  Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo ás diversas áreas do Porto de Vigo (porto pesqueiro, porto comercial e porto loxístico) e a varias instalacións da Zona Franca para coñecer máis polo miúdo parte das infraestruturas económicas e tecnolóxicas da cidade.

O alumnado de economía de 2º bacharelato tivo a sorte de afondar nalgunhas das principais arterias económicas da cidade. Toda unha descuberta!

Ensaia: Mil futuros

Tras o remate do primeiro trimestre a finais de novembro, o Departamento de Orientación e a mediación da profesora Ana Álvarez, organizou unha charla profesional con varios mozos e mozas do proxecto Ensaia.

Esta organización ten como meta axudar a que o alumnado galego faga unha mellor toma de decisións no que respecta tanto ao seu futuro académico como laboral, ademais de contribuír a reter o talento galego na nosa comunidade. A conversa, moi reveladora para gran parte do noso alumnado, axudou a disipar moitas dúbidas, conseguindo deste xeito aminorar a presión asociada a este curso e etapa educativa.

Relatorios de economía

Aproveitando o remate do primeiro trimestre nos grupos de bacharelato, o martes 5 de decembro o profesor titular do Departamento Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Vigo Eduardo L. Giménez visitou o noso centro. Impartiu dous relatorios moi ilustrativos sobre o coñecemento económico: “Que estudan as e os economistas e que ferramentas empregan”, para o alumnado de economía de 1º Bacharelato, e “Orientación referente aos graos de Economía e ADE”, para o alumnado de economía de 2º Bacharelato.

Con esta charla iniciamos a programación de sesións colaborativas con algunhas facultades de centros universitarios galegos. O alumnado dos niveis máis altos comeza así a tomar contacto co mundo universitario.


 

Distribuir contido