Skip to Content

Fornelos

Obradoiro de percusión con refugallo - Marzo 2016

14/03/2016 09:00
15/03/2016 14:00

Esta actividade está desenvolvida por José Troncoso, de “Tía de alquiler”, unha entidade ubicada en Baiona. Lévase a cabo no Polivalente do Concello do Rosal dous días consecutivos. As nenas e nenos están divididos en 6 obradoiros separados por idades para poder sacar o máximo proveito da actividade individualizando os contidos e metodoloxías.

As nenas e nenos do CRA pasárono xenial. Gozaron con diferentes materiais de refugallo, que aprenderon a reutilizar para producir diferentes sons e, incluso, para facer música con eles. Os materiais utilizados foron cubos de pintura de diferentes materiais e tamaños, varas de vasoira, globos, mangueiras, botellas de plástico…

Foi unha actividade, inda que breve, moi divertida e dinámica na que as nenas e nenos traballaron, sobre todo, a área de educación artística (música e plástica) e, como non, a imaxinación, creatividade e o valor de coidar o noso medio natura reutilizando materiais.

 

Contacontos con Paco Nogueiras - Febreiro 2016

29/02/2016 09:00
29/02/2016 14:00

As nenas e nenos do CRA acudimos á Biblioteca Municipal do Rosal para desfrutar dun contacontos con Paco Nogueiras. Contounos varios contos curtos acompañados de música en directo e recollidos no libro titulado “Cantarolas”.

Estivo xenial! Pasámolo moi ben!

 

Entroido - Febreiro 2016

04/02/2016 09:00
04/02/2016 14:00

Celebramos o Entroido todas e todos xuntos na escola de Novás. Alí facemos un desfile por colexios onde as familias poden ver os disfraces que traballaron as nenas e nenos para este día. Todo isto acompañado de música e moita diversión. Despois podemos comer moitas cousas ben ricas que traen as familias para a merenda especial deste día. É unha xornada de festa para desfrutar!

Este ano o tema foron os musicais: "Mary Poppins" (Couso), "Alicia en el País de las Maravillas" (Fornelos), "Cantando Bajo la Lluvia" (Marzán), "Grease" (Novás), ABBA (Pías) e "Cats" (Tabagón).

A semana do entroido fomos recibindo instrucións do "meco" para ir a clase con disfraces: con algo pintado na cara, cun adorno no pescozo, un elemento con flores...

 

Día da Paz - Xaneiro 2016

20/01/2016 09:00
20/01/2016 14:00

Coma o día estaba moi nubrado, non fomos ao Auditorio. Ademais non ía haber concerto educativo. Así que as nenas e nenos do CRA celebramos o Día da Paz cadaquén na súa escola.

Fixemos carteis coa palabra paz en distintos idiomas, decorámolos ao noso gusto e estivemos mirando na esfera do mundo onde estaba situado o país no que se falaba cada un dos idiomas nos que aprendemos a palabra "paz".

En Fornelos escoitaron cancións da paz do libro e disco “A bruxa Discordia”. Os carteis da paz que fixeramos estaban en alemán, inglés, romanés, italiano, catalá, éuscaro, xaponés, chinés, árabe, wolof, hebreo, francés, aimara, kurdo, ruso e lituano.

Tamén cantamos a canción de “No niño novo do vento”, sobre todo a parte de “…quen poidera namorala…”.

Logo vimos a película “Do revés”.

 

Concurso fotográfico "Un bo lugar para ler..." - Xaneiro e Febreiro 2016

08/01/2016 00:00
05/02/2016 13:00

O concurso fotográfico “Un bo lugar para ler…” está aberto á participación das alumnas e alumnos matriculados no CRA María Zambrano de O Rosal, permitíndose a colaboración dalgún familiar ou adulto na realización desta fotografía.
Cada participante pode mandar ata dúas fotografías orixinais e inéditas, realizadas con técnica libre e aparecendo, en calquera caso, na fotografía.

Establécense tres categorías diferentes: á fotografía máis orixinal, á máis artística e á máis divertida.
O tema do concurso é a imaxe de alguén lendo un libro nun lugar especial (tanto exterior coma interior), polo que deben apreciarse estes tres elementos (quen le o libro, o lugar no que se le e o libro).

O prazo de admisión de traballos comeza o 8 de xaneiro de 2016 e remata o 22 de xaneiro de 2016. A decisión sobre as fotografías gañadoras ten como prazo máximo o 29 de xaneiro de 2016. O anuncio público e entrega de premios é o día 5 de febreiro do 2016, como parte das actividades do día da Festa de Entroido do CRA María Zambrano.

Festa de Nadal - Decembro 2015

17/12/2015 09:00
17/12/2015 14:00

O último día de clase antes das vacacións de nadal facemos un día especial, unha festa!!!

Xogamos, preparamos unha merenda xenial que traen as familias, saímos ao patio... Pero o que máis agardamos é a chegada dos Reis Magos. Van pasando por cada colexio para visitarnos a todas as nenas e nenos do CRA. Alí, na clase, cando chegan saudámolos cunha canción e despois e entregámoslles as nosas cartas co que lles pedimos de agasallos. Como nos portamos moi ben regálannos lambetadas e deixan algúns agasallos en cada clase!!!

 

Saída a Baiona - Novembro 2015

27/11/2015 09:00
27/11/2015 14:00

Día de excursión das nenas e nenos de primaria do CRA ao Museo da Navegación e á Carabela Pinta en Baiona.

Tivemos un día boisimo. Xa tiñamos gañas de coñecer este museo... É que o curso pasado tivemos que anular a visita pola chuvia.

Vimos a “Piolín”, un submarino que chegou dende América, movéndose coa enerxía do sol!!!

Logo fomos ver a carabela “Pinta”, a de Colón. Contáronnos que foi a que chegou a Baiona en 1.493. Nela aprendimos como vivían os mariñeiros daquela época e o que levaron e trouxeron de América.

Gustounos moito a saída!!!
 

Excursión a Indiana Bill - Novembro 2015

24/11/2015 09:00
24/11/2015 14:00

Este día as nenas e nenos de Ed. Infantil do CRA fan unha saída a Indiana Bill, un parque de bólas situado na Ramallosa, no Concello de Nigrán.

Despois dunha espectante viaxe en autobús, por fin chegamos ao noso destino. Xa con moitas gañas e cas sen poder aguantarnos deixamos as cazadoras e calzado ben colocadiño para poñelo de novo antes de marchar.

E por fin... Metémonos na piscina xigante de bólas!!! Non paramos de mergullarnos e de tirarnos polos tobogáns que había. Despois, un descasiño para merendar e volta a xogar no parque de bólas...

Pasámolo xenial!!!

 

Obradoiro de percusión africana - Novembro 2015

16/11/2015 09:00
17/11/2015 14:00

Nas distintas escolas do CRA desenvolveuse un obradoiro de percusión de música africana. O obxectivo principal foi achegar a cultura africana ao noso alumnado a través da música e, por suposto, pasar un rato divertido. A actividade foi desprazándose en dúas mañás polas diferentes escolas para poder facerlles o obradoiro a todas as nenas e nenos do CRA.

No obradoiro as nenas e nenos tiveron a oportunidade de escoitar en directo diferentes ritmos africanos tocados con varios instrumentos de percusión. Tamén puideron usar eses instrumentos para practicar da maneira máis sinxela os ritmos que acababan de escoitar. Incluso puideron ver e participar de diferentes pasos de baile asociados á música que estaban escoitando.

En resumo: as nenas e nenos do CRA escoitaron e puideron ver en directo música tradicional africana, coñeceron de primeira man instrumentos doutra cultura, tocaron eses instrumentos, participaron na interpretación dos ritmos, bailaron e coñeceron persoas e parte da cultura de África. Unha actividade ben interesante!!!

 

Magosto - Novembro 2015

10/11/2015 09:00
10/11/2015 14:00

Como todo os anos, as diferentes escolas reuníronse para festexar o magosto. Xuntámonos en Fornelos e pasamos un día xenial. Comezamos o día facendo xogos en grupos de diferentes idades para fomentar a cooperación e a convivencia. Xogamos co paracaídas, fixemos carreiras de sacos, lanzamos aos comecastañas…


Despois dos xogos e coa axuda dalgunhas nais e pais, asamos unhas castañas e comimos diferentes postres e comidas típicas destas datas feitos polos pais e nais… Puxémonos as botas!!!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut