Skip to Content

Concurso fotográfico "Un bo lugar para ler..." - Xaneiro e Febreiro 2016

08/01/2016 00:00
05/02/2016 13:00

O concurso fotográfico “Un bo lugar para ler…” está aberto á participación das alumnas e alumnos matriculados no CRA María Zambrano de O Rosal, permitíndose a colaboración dalgún familiar ou adulto na realización desta fotografía.
Cada participante pode mandar ata dúas fotografías orixinais e inéditas, realizadas con técnica libre e aparecendo, en calquera caso, na fotografía.

Establécense tres categorías diferentes: á fotografía máis orixinal, á máis artística e á máis divertida.
O tema do concurso é a imaxe de alguén lendo un libro nun lugar especial (tanto exterior coma interior), polo que deben apreciarse estes tres elementos (quen le o libro, o lugar no que se le e o libro).

O prazo de admisión de traballos comeza o 8 de xaneiro de 2016 e remata o 22 de xaneiro de 2016. A decisión sobre as fotografías gañadoras ten como prazo máximo o 29 de xaneiro de 2016. O anuncio público e entrega de premios é o día 5 de febreiro do 2016, como parte das actividades do día da Festa de Entroido do CRA María Zambrano.

O xurado está composto por catro persoas: un representante do equipo docente do CRA María Zambrano, un representante da ANPA, un representante do Concello de O Rosal e un profesional relacionado coa fotografía.

En canto aos premios, todos os concursantes reciben un diploma de participación e un agasallo. Os concursantes que presentan as tres fotografías gañadoras reciben, ademais, un diploma que así o acredita e un libro.

Poden consultarse as bases nos carteis informativos expostos en cada aula, nos dípticos impresos repartidos ás familias e no álbum de imaxes deste artigo.

A participación foi moi numerosa cun total de 73 fotografías de 47 participantes (2 participantes de Couso, 15 de Fornelos, 3 de Marzán, 13 de Novás, 14 de Pías e ningún de Tabagón).

 

As fotografías gañadoras foron:

- na categoría da máis orixinal "Martín e os seus pensamentos", de Martín González Martínez (4 anos, Pías);

- na categoría da máis artística "Paraíso de lectura I", de Alicia Portela Rodríguez (6 anos, Marzán);

- na categoría da máis divertida "Lendo no invernadoiro", de Uxía Trigo Martínez (3 anos, Fornelos).

 

Grazas a todas e todos pola colaboración e polas fotografías tan xeniais que fixestes.

 



actividade | by Dr. Radut