Skip to Content

O CRA en común

Día das Bibliotecas - Outubro 2016

25/10/2016 09:00
25/10/2016 14:00

Todas as nenas e nenos do CRA, de infantil e de primaria, celebramos este día visitando a Biblioteca Municipal do Rosal. Alí desfrutamos dunha sesión de contacontos a cargo de Manuel Solla.

Estivo xenial!

 

Revista "O Bufo Fich nº7" - Xuño 2016

28/06/2016 09:00
28/06/2016 14:00

Agora que xa rematamos este curso un ano máis aquí temos a nosa revista do Bufo Fich, a sétima edición xa. Nela amosamos todo o que fixemos ao longo destes meses de curso. Participamos en moitas actividades e traballamos un montón! Velaquí poderedes ver algúns deses momentos!

Preme aquí para descargala en formato "pdf".

Moi bo verán a todas e todos!!!

 

Festa fin de curso - Xuño 2016

22/06/2016 09:00
22/06/2016 14:00

Fomos chegando arredor das 10. Ás 10 e cuarto comezaron a súa actuación dúas magas, Leo e Cris. Sacaron un roedor dun papel que ardía, fixeron que un cabalo branco pintado nunha tea se convertira en negro, que unha nena sacara auga do seu cóbado… e moitos trucos máis. Sacaron a Valeria e Martín.

 

Despois xuntámonos por escolas e xogamos ao circuíto, no que había que reptar, correr, saltar, andar ás voltas e coller un globo e metelo nun contedor. Tamén xogamos ao paracaídas, ao pano, a xogos de auga, por relevos, nos que había que enchoupar unha esponxa e baleirala nunha botella. Ata xogamos a xogos de balón montamos nos inchables.

 

Cando rematamos comemos o que trouxeron as familias e fomos marchando, logo de despedirnos.

Ata o próximo curso!!!

 

Obra de teatro "O bigote de Mimí" - Maio 2016

19/05/2016 09:00
19/05/2016 14:00

Imos todo o CRA, en dúas sesión, ao Polivalente do Concello do Rosal para ver a representación da obra de teatro de Manuel María “O bigote de Mimí” que fai o grupo Lucecús.

Ás 10 da mañá foron as escolas de Couso, Tabagón e Fornelos, e ás 11h foron Novás, Marzán e Pías.

Na representación participaron varias alumnas e alumnos do CRA. Isto sucedeu coa escena na que o neno Fiz ve como ao seu pai o afeita Manuel de Paderna, o barbeiro. Logo representaron o momento no que Fiz decide afeitar ao gato Mimí, imitando así ao barbeiro.

Cando rematou a representación as nenas e nenos dalgunhas escolas volveron ás súas localidades e outros agrupáronse na localidade de Couso.

Esta actuación foi unha maneira de conmemorar o día das Letras Galegas, xa que este ano foi adicado ao autor Manuel María.

 

Lipdub CRA - Maio 2016

01/05/2016 09:00
31/05/2016 14:00

Un lipdub é un vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan os seus beizos, xestos e movementos cunha canción. E no CRA facemos un vídeo así coa canción "Meu o mundo é!", de "Brinca Vai!".

Cada escola toma as imaxes da súa parte da canción e monta a coreografía que máis lle gusta. Ao remate xuntamos todas esas pequenas partes nun vídeo completo e temos finalmente o noso propio lipdub.

Moito ensaio, moito escoitar a canción e moita creatividade para decidir que facer en cada escola... Moitas grazas pola enerxía e gañas postas para facelo. O resultado paga ben a pena!!!

Por certo as mestras e mestres tamén teñen un oco neste vídeo, xa veredes...

 

Obradoiro de percusión con refugallo - Marzo 2016

14/03/2016 09:00
15/03/2016 14:00

Esta actividade está desenvolvida por José Troncoso, de “Tía de alquiler”, unha entidade ubicada en Baiona. Lévase a cabo no Polivalente do Concello do Rosal dous días consecutivos. As nenas e nenos están divididos en 6 obradoiros separados por idades para poder sacar o máximo proveito da actividade individualizando os contidos e metodoloxías.

As nenas e nenos do CRA pasárono xenial. Gozaron con diferentes materiais de refugallo, que aprenderon a reutilizar para producir diferentes sons e, incluso, para facer música con eles. Os materiais utilizados foron cubos de pintura de diferentes materiais e tamaños, varas de vasoira, globos, mangueiras, botellas de plástico…

Foi unha actividade, inda que breve, moi divertida e dinámica na que as nenas e nenos traballaron, sobre todo, a área de educación artística (música e plástica) e, como non, a imaxinación, creatividade e o valor de coidar o noso medio natura reutilizando materiais.

 

Contacontos con Paco Nogueiras - Febreiro 2016

29/02/2016 09:00
29/02/2016 14:00

As nenas e nenos do CRA acudimos á Biblioteca Municipal do Rosal para desfrutar dun contacontos con Paco Nogueiras. Contounos varios contos curtos acompañados de música en directo e recollidos no libro titulado “Cantarolas”.

Estivo xenial! Pasámolo moi ben!

 

Entroido - Febreiro 2016

04/02/2016 09:00
04/02/2016 14:00

Celebramos o Entroido todas e todos xuntos na escola de Novás. Alí facemos un desfile por colexios onde as familias poden ver os disfraces que traballaron as nenas e nenos para este día. Todo isto acompañado de música e moita diversión. Despois podemos comer moitas cousas ben ricas que traen as familias para a merenda especial deste día. É unha xornada de festa para desfrutar!

Este ano o tema foron os musicais: "Mary Poppins" (Couso), "Alicia en el País de las Maravillas" (Fornelos), "Cantando Bajo la Lluvia" (Marzán), "Grease" (Novás), ABBA (Pías) e "Cats" (Tabagón).

A semana do entroido fomos recibindo instrucións do "meco" para ir a clase con disfraces: con algo pintado na cara, cun adorno no pescozo, un elemento con flores...

 

Día da Paz - Xaneiro 2016

20/01/2016 09:00
20/01/2016 14:00

Coma o día estaba moi nubrado, non fomos ao Auditorio. Ademais non ía haber concerto educativo. Así que as nenas e nenos do CRA celebramos o Día da Paz cadaquén na súa escola.

Fixemos carteis coa palabra paz en distintos idiomas, decorámolos ao noso gusto e estivemos mirando na esfera do mundo onde estaba situado o país no que se falaba cada un dos idiomas nos que aprendemos a palabra "paz".

En Fornelos escoitaron cancións da paz do libro e disco “A bruxa Discordia”. Os carteis da paz que fixeramos estaban en alemán, inglés, romanés, italiano, catalá, éuscaro, xaponés, chinés, árabe, wolof, hebreo, francés, aimara, kurdo, ruso e lituano.

Tamén cantamos a canción de “No niño novo do vento”, sobre todo a parte de “…quen poidera namorala…”.

Logo vimos a película “Do revés”.

 

Concurso fotográfico "Un bo lugar para ler..." - Xaneiro e Febreiro 2016

08/01/2016 00:00
05/02/2016 13:00

O concurso fotográfico “Un bo lugar para ler…” está aberto á participación das alumnas e alumnos matriculados no CRA María Zambrano de O Rosal, permitíndose a colaboración dalgún familiar ou adulto na realización desta fotografía.
Cada participante pode mandar ata dúas fotografías orixinais e inéditas, realizadas con técnica libre e aparecendo, en calquera caso, na fotografía.

Establécense tres categorías diferentes: á fotografía máis orixinal, á máis artística e á máis divertida.
O tema do concurso é a imaxe de alguén lendo un libro nun lugar especial (tanto exterior coma interior), polo que deben apreciarse estes tres elementos (quen le o libro, o lugar no que se le e o libro).

O prazo de admisión de traballos comeza o 8 de xaneiro de 2016 e remata o 22 de xaneiro de 2016. A decisión sobre as fotografías gañadoras ten como prazo máximo o 29 de xaneiro de 2016. O anuncio público e entrega de premios é o día 5 de febreiro do 2016, como parte das actividades do día da Festa de Entroido do CRA María Zambrano.

Distribuir contido


by Dr. Radut