Saltar navegación.
Inicio

Apuntamentos sobre literatura

Xéneros e figuras literarias

 

   

Definición.

Ata o século XVIII literatura referíase a todo aquilo que estaba escrito. A partir dese momento, o concepto aplícase só as obras creadas grazas á  imaxinación  e que teñen vontade de estilo, é dicir, que buscan a beleza.

   
a20

   

http://www.culturagalega.org/lg3/

   
   

A linguaxe literaria.

Como vimos, fronte á linguaxe natural que busca simplemente comunicarnos, a linguaxe literaria busca a estética. Os escritores fan da lingua o seu instrumento de traballo e atopan matices novos, apreciacións que cando falamos non achamos. A linguaxe literaria pode dividirse en prosa ou verso.

A literatura oral

No mundo existen un gran número de linguas que non se escriben, por outra banda, historicamente naquelas linguas que si se escribían unha boa parte dos seus falantes eran analfabetos. Iso non quería dicir que esas xentes carecesen de literatura. Eles posuían a literatura oral.

A literatura oral cumpriu unha función primordial na historia da humanidade, pois sempre precedeu á literatura escrita. Á parte, servía para transmitir conceptos, valores, tradicións... A literatura oral é un exemplo da riqueza dun pobo, nunca se debe menosprezar. A base de moitos escritores, como as historias que narra Cunqueiro, será a literatura oral.

   
a14

 

 http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=%C1lvCunqu&alias=%C1lvaro+Cunqueiro

   
   

Funcións da literatura

Na literatura coexisten distintas funcións:

  • Pode servir para divertir, é dicir, busca evadir ó lector e chega a trasladalo a outros lugares e épocas.
  • Tamén pode servir para transmitir as tradicións dun pobo e mesmo grazas a ela podemos descubrir aspectos dunha época que non coñecemos, de tal maneira que indirectamente transmite información.
  • A literatura tamén pode ter unha función pedagóxica. Hai moitas obras que pretendían ensinar algo, mesmo dar leccións de comportamentos morais. Relacionado con isto, a literatura pode denunciar as inxustizas. 
  • A literatura tamén ten unha función simbólica que serve para representar unha cultura e un pobo. Desta maneira a literatura dun país é un símbolo importantísimo da súa cultura, como o son os costumes dos habitantes ou a paisaxe...

Funcións da literatura galega 

Como é natural a literatura galega ten todas as función anteriores. A nosa é unha literatura antiga que foi moi importante na Idade Media e que hoxe está a vivir outra época de ouro.

 http://www.usc.es/~ilgs/santiago.html

Con todo, a literatura galega, como a catalana, a literatura en éuscaro en bretón ou outras escritas en linguas minoritarias ten algunhas características especiais.

Boa parte destas características aparecen porque no territorio de Galicia o galego se atopa claramente en desvantaxe con respecto ó castelán ( pensade nos xornais ou nas canles de televisión que hai en cada lingua). Desta maneira, nalgunha das primeiras novelas escritas en galego os membros da clase urbana falaban castelán e os do rural galego. Hoxe na literatura galega figuras como Suso de Toro ou Manuel Rivas teñen que inventar unha Galiza onde todo o mundo fala galego con normalidade.

   

Por outra banda, debido á situación da nosa lingua a literatura convértese nun medio de resistencia que usamos os galegos para salvar o noso idioma e mesmo para non desaparecer como pobo.

   

Xéneros e Figuras literarias

Os xéneros literarios

O conxunto de obras que comparten con outras unhas características formais e temáticas forman un xénero literario. Os tres grandes xéneros son a poesía ou lírica, a narrativa e o teatro.

A poesía: é un xénero escrito normalmente en verso e que ten ritmo. A poesía pode expresar a visión persoal do mundo do poeta, aínda que na poesía popular adóitanse amosar os valores dunha comunidade. Na poesía existe unha grande variedade de formas como:

  • A cantiga: composición que estaba destinada ó canto
  • O epigrama: composición breve de carácter festivo.
  • O himno: composición cunha finalidade patriótica ou de celebración.
  • A elexía: composición na que se chora a morte de alguén ou outra desgraza colectiva.
  • A égloga: composición protagonizada por uns pastores idealizados.
  • A oda: Era unha composición de exaltación que adoitaba usar unha linguaxe elevada.

A narrativa: son o conxunto de obras onde o autor narra uns feitos reais ou inventados e faino en prosa. A narrativa de ficción divídese en novela e conto.

  • O conto: será unha narración breve que conta un acontecemento que normalmente sucede a uns personaxes moi determinados nun tempo e nun espazo moi concretos.
  • A novela: é unha narración máis longa onde se narran distintos feitos que suceden a varios personaxes que son tratados con máis detemento. Estas historias poden acontecer en distintos lugares e poden ocupar máis tempo. Entre as novelas máis importantes da nosa literatura están as de Otero Pedrayo

    http://www.arrakis.es/~trasalba/default.htm

   

O teatro

Son o conxunto de obras pensadas para seren representadas diante do espectador. Os personaxes falan, e mediante os seu diálogos nós coñecemos a historia. Os diálogos do teatro poden estar escritos en verso ou prosa. Houbo momento nos que predominou o verso pero hoxe faino a prosa. As formais teatrais principais son:

  • A traxedia: Os personaxes son importantes e sufrirán un final terrible. Chegan a este remate por culpa duns sentimentos incontrolables.
  • A comedia: Os personaxes son normais e rematarán cun final feliz. Representan conflictos normais, vistos ás veces como complicacións que xorden por mor de equívocos.
  • O drama: Os personaxes son xentes normais que sofren un problema serio. O final non está predeterminado.

Probablemente a obra de teatro máis coñecida da nosa literatura sexa Os vellos non deben de namorarse, de Castelao.

www.museocastelao.org

As figuras literarias e os recursos estilísticos 

Na literatura adóitanse usar determinados recursos. A función que teñen é darlle orixinalidade e expresividade ao que nos di o autor. Os recursos e figuras son os medios que ten un escritor para construír a linguaxe literaria.

Aliteración: consiste en repetir un son nun grupo de palabras para que provoquen un efecto no lector.

Que ben , que bomba vén co seu rebumbio

A bomba, Bong!, a bomba, bom amigo!

                                                    Celso Emilio Ferreiro

Antítese: Contrapóñense dúas realidades para que dese xeito resalten máis.

Se cantan es ti que cantas,

se choran es ti que choras

e es o murmurio do río

e es a noite e es a aurora. 

                                  Rosalía de Castro  

 

http://www.rosaliadecastro.org/

Asíndeto: Suprímense as conxuncións co que o enunciado cobra rapidez e viveza.

Galicia é o que vemos:

a terra, o mar, o vento...

                      Manuel María

Epíteto: adxectivo que dá unha calidade que xa se sobreentende nun substantivo.

Polos montes baixan e ruben

sombras longas resgadas e negras...

                                                   Uxío Novoneyra

Hipérbato: é alteración da orde sintáctica das palabras.

que o que é polo de hoxe

que darvos non teño

                                Curros Enríquez

Ironía: Figura que depende moito do contexto e do ton e que consiste en dar a entender o contrario do que se di .

os mortos que vos matades

gozan de boa saúde

                                 Celso Emilio Ferreiro

Metáfora: Consiste en nomear un ser, un obxecto ou unha calidade co nome doutro co que o autor o identifica.

Ouh Galicia, Galicia, boi de palla

Canta lástima ten de ti o Gaiteiro!

O aguillón que che meten é de aceiro

E con el moita forza te asoballa.

                                                    X. M. Pintos

Onomatopea: Consiste en imitar sons e ruídos reais.

Gli, gli,gli, gli, gli, gli

Canta aquí, canta aló, canta acolá.

Onde diaño canta o grilo?

Onde o grilo cantará?

                               Roberto Blanco Torres

Polisíndeto Repítense as conxuncións cos que se consegue enlentecer o ritmo do enunciado

Denodados e fortes

foran nosos avós,

e varudos e intrépidos

e de nobre tenzón.

                         E. Pondal

 Prosopopea: consiste en atribuírlle a seres inanimados ou abstractos calidades propias de seres animados.

Gota de orballo

tremelucindo,

tes o sol rindo

dentro de ti.

                    Noriega Varela

Símbolo:Cando unha palabra á parte do seu significado habitual pode evocarnos outra cousa.

Unha vez tiven un cravo

cravado no corazón

e non me acordo xa se era aquel cravo

de ouro, de ferro ou de amor.

                                              Rosalía de Castro

Símil: Establécese unha comparación entre seres, obxectos ou calidades, ben por semellanza ou ben por diferenza.

Ceo e terra están espidos

como outrora Adán e Eva

                                          Amado Carballo

Máis información en

http://gl.wikipedia.org/wiki/X%C3%A9neros_e_formas_literarias

Distribuir contido