Plan Proxecta: Mestres Gandeiros

Semana da prensa: Noticias agropecuarias

Biblioteca  Mestres Gandeiros

No cole celebramos a semana da prensa, así que os xornais estiveron moi presentes na nosa biblioteca. O alumnado que o desexou manipulou e pescudou sobre novas relacionadas coas actividades agropecuarias e a vida no rural, clasificándoas segundo o tipo de noticia: cultural, social, tecnolóxica-científica... Estamos máis informados que nunca!

8 M. Obradoiro de artesanía

Mestres Gandeiros

Outro dos actos relacionados coa celebración do Día Internacional da Muller no noso centro foi a realización dun obradoiro de artesanía para o alumnado de 1º, 2º e 3º de educación primaria a cargo de Macu Díaz, artesá emprendedora de Cotá.

Os nenos e nenas experimentaron co barro distintas formas, realizando galletas, flores, volcáns, tazas, xarróns, etc, e tamén puideron desfrutar da súa textura e moldeabilidade. Foi unha sesión moi do agrado do alumnado. 

Mesa redonda "Mulleres Gandeiras"

Mestres Gandeiros

Un dos puntos fortes da celebración do 8 M foi a mesa redonda que protagonizaron as mulleres gandeiras de Friol, que explicaron ao alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria o seu día a día nas súas explotacións e tamén na súa condición de nais, empresarias e coidadoras.

As nais participantes foron Gemma Modia, nai de Leo e Borja Arias; María Jose Pena, nai de Noa Mouriz; Inés Jul, nai de Erea, Uxía e Iria Pacín e, por último, Sandra Varela, nai de Antón Corral. Todas elas falaron do orgullo e paixón que sinten por adicarse a unha profesión que se enmarca dentro da identidade de vida do pobo e que supón un dos sectores productivos e financieiros máis importantes da nosa comunidade.

Sesición de Breakdance

 Dep. Ed. Física 

O alumnado de 5º e 6º de educación primaria asistiu a unha sesión de iniciación ao breakdance a cargo do grupo lucense Gravity, especialistas en bailes contemporáneos.

Tanto os nenos como as nenas destes cursos tiveron unha sesión técnica dos pasos e movementos fundamentais para elaborar as distintas coreografías e coñecer máis de primeira man todas estas particularidades.

Proxección do documental "Os segadores da Órrea na Castela"

Mestres Gandeiros

Por segunda vez no presente curso escolar, a Asociación de Veciños da Órrea estivo presente no noso centro educativo para presentar o seu coñecido documental Os segadores da Órrea na Castela, no que narra as duras condicións de vida dos habitantes desta aldea do Concello de Riotorto que no verán ían a sega a Castela.

Desta volta foi o alumnado de 5º e 6º de educación primaria o que tivo a oportunidade de presenciar e debatir acerca dun documental que xa leva percorrido moitos concellos da nosa comunidade e que está a causar unha gran crítica entre a comunidade educativa e social e nos que, ademais de tratar unha temática referida o proxecto de “Mestres Gandeiros”, tamén toca de xeito moi transversal a comunicación interxeracional a través das distintas visións do traballo na infancia das distintas épocas que tiveron que vivir os protagonistas en idade escolar daquela época e os da actualidade.

Rosalía de Castro: a poetisa ecoloxista galega

Biblioteca  Mestres Gandeiros  EDLG

Rosalía de Castro é considerada unha das primeiras poetisas ecoloxistas de Europa, pois nas súas obras fai numerosas referencias á biodiversidade da nosa contorna e critica a tala masiva dos seus bosques. Para coñecer esta faceta de Rosalía, interactuamos dende os obradoiros da biblioteca co libro “O Herbario de Rosalía”, co que realizamos xogos de atención no que trala lectura das súas estrofas o alumnado tiña que identificar as prantas que nelas se mencionaban fixándose nas características de cada unha: as súas flores, froitos. forma das follas, cores... e como produto final elaboramos un mural expositivo. Desta forma non só afondamos sobre a obra de Rosalía senón que potenciamos a comprensión lectora, aumentamos a noso coñecemento sobre a flora e tomamos conciencia sobre o coidado da natureza. 

Andy Warhol´s Farm (A Granxa de Andy Warhol)

Mestres Gandeiros

O alumnado de 1º de Educación Primaria afondou sobre os animais domésticos, especialmente dos da granxa, ao mesmo tempo en que adentrouse no movemento artístico Pop Art a través da figura de Andy Warhol. Para iso creamos a nosa propia obra inspirándonos neste estilo pictórico de maneira cooperativa dende a materia Plástica Bilingüe. Así non só coñecemos o Arte Pop e o nome dos animais da granxa en inglés, senón que tamén traballamos a psicomotricidade fina (coloreando, recortando...) e aprendemos a facer un deseño en conxunto cos nosos compañeiros/as, respectando e tendo en consideración as aportacións alleas.

Charla Veterinaria

Mestres Gandeiros

O profesor da Facultade de Veterinaria de Lugo, Luís Quintela, estivo presente no noso centro educativo para impartirlles unha charla sobre o papel do veterinario na sociedade ao alumnado de 3º da ESO.

A veterinaria é unha rama da medicina dedicada á prevención, control, diagnóstico e tratamento das enfermidades que afectan aos animais domésticos e salvaxes, así como á prevención da transmisión de enfermedades animais aos humanos e garantir a seguridade alimentaria monitorizando a calidade dos alimentos e mantendo a saúde dos animais de produción.

Esta charla enmárcase dentro do programa de actividades do proxecto Mestres Gandeiros, que o noso centro está a desenrolar durante o presente curso escolar.

Visita Veterinaria

Mestres Gandeiros

O alumnado de 4º da ESO realizou o pasado xoves, 15 de febreiro, unha visita a Facultade de Veterinaria de Lugo.  Alí puideron asistir a unha pequena charla onde se lles explicou ós nenos e nenas do noso centro o funcionamento de dita facultade, os graos que oferta, as instalacións, etc.

Despois visitaron a aula de habilidades clínicas, onde practican os alumnos de veterinaria en simuladores. Por último, remataron coa visita ao Museo de Anatomía Veterinaria da facultade.

Esta visita enmárcase dentro do catálogo de actividades propostas polo proxecto Mestres Gandeiros, que está a desenvolver o noso centro educativo no presente curso escolar.

Charlas sobre apicultura

Mestres Gandeiros

O noso alumnado de Educación Primaria tivo a oportunidade de afondar no marabilloso mundo da apicultura, actividade agropecuaria de gran importancia socioeconómica e ecolóxica, grazas a que contribúe á polinización e enriquece a biodiversidade da contorna. Da man de David Liñares, apicultor lalinense, coñecemos os diferentes tipos de abellas, colmeas e produtos extraídos das mesmas. Tamén informáronnos sobre a figura do apicultor/, o seu atavío e utensilios (caretas, luvas, tenaces, afumador, panais, desoperculador, extractor...).
Esta actividade foi posible gracias a colaboración co GDR local, que se enmarca dentro da liña de colaboración habitual que temos no noso centro escolar con dita institución.

Distribuir contido