Ed. Infantil e Primaria
Como cada ano o alumnado de Infantil e Primaria conmemorou o Día Mundial da Arte, homenaxeando a polifacética artista xaponesa Yayoi Kusuma. No vídeo podedes gozar coas súas obras.
Ed. Infantil Mestres Gandeiros
A contacontos Raquel Queizás, habitual intérprete de contos e teatro no noso centro educativo, estivo presente no noso centro escolar para realizar a función “Raposadas” para o alumnado de educación infantil, que puido desfrutar desta representación.
A raposa é moi lista, é moi curiosa. Gústalle vivir libre no monte, mais tamén achegarse á aldea para ver xogar ás nenas e aos nenos e escoitar os contos que lles contan na lareira.
Canta o galo, sae o sol. A raposa feliz achégase á aldea cantaruxando unha melodía. Vai visitar á galiña para que lle ensine adiviñas, vai escoitar os contos da señora Lela que vive preto da escola. Agarda polas nenas e nenos para xogar con carozos de millo, con paus e con pedras. Vaille botar unha carreira ao sapo e aprender con el traballos do campo.
Xa se pon o sol, a raposa ten que marchar. Para despedirse dela todos póñense a danzar.
Dep. Inglés
O alumnado da ESO asistiu a dúas charlas de cultura inglesa, divididas en sesións para primeiro e segundo da ESO e terceiro e cuarto da ESO , respectivamente, sobre aspectos culturais e sociais da cultura inglesa no contexto educativo. As charlas estiveron adaptadas ó nivel lingüístico do noso alumnado e foi de gran aproveitamento para a súa formación e coñecemento, tanto da linguaxe como dos aspectos típicos da sociedade británica e estadounidense, así como doutros países de fala inglesa.
Equipo Biblioteca Mestres Gandeiros
Equipo Biblioteca Mestres Gandeiros
Este ano a nosa biblioteca conta co recuncho “LectoGandeiros”, onde os nen@s poden acceder a libros relacionados co mundo do rural e as actividades agropecuarias. Aquí vos deixamos algúns grolos de lectura destas obras!
Ed. Infantil Mestres Gandeiros
Ao noso cole chegaron uns novos compañeiros moi especiais, trátanse de ovos de galiñaque o propio alumnado de infantil vixía da súa incubación co obxectivo de que nazan pitiños. Desta forma, os nen@s adquiren a responsabilidade de controlar diariamente a humidade e temperatura dos ovos durante os 21 días que dura o proceso, aprendendo sobre o mesmo e desenvolvendo destrezas científicas.
Dámoslle as gracias ao equipo de infantil por permitirnos esta experiencia relacionada co Plan Proxecta Mestres Gandeiros, en especial á profe Patricia, quen se formou e conseguiu todo o necesario para poder levala a cabo.
EDLG Mestres Gandeiros
Este ano o Día das Artes Galegas foi dedicado a Francisco Asorey, escultor galego considerado un dos grandes renovadores da arte escultórica española do século XX. Con ánimo de afondar sobre a súa figura, o alumnado de 1º de primaria adentrouse na expresión artística deste autor recreando versións da súa escultura “O Tesouro” (1924), obra que enxalza a vida na aldea e a súa economía agrícola e gandeira, pois representa a unha muller co traxe típico das campesiñas e que sostén a un becerro que acaba de mercar na feira, unha imaxe moi típica do rural da época. Os nos@s pequen@s artistas practicaron a creación escultórica coa técnica do ensamblaxe empregando materiais reciclados a prol da arte sostible.
ANPA
O alumnado de 1º,2º,3º e 4º de educación primaria asistiu no Centro Sociocultural de Friol á representación da obra de teatro A Viaxe de Rosalía, a cargo da titiriteira Larraiz, nun evento que foi posible grazas á xentileza da ANPA do noso centro escolar. A obra realizouse coa interpretación de monicreques de mesa de grande talla artística, así como da manipulación de obxectos acompañados dunha música moi acaída, un vestiario fermoso e moi digno para a representación dos personaxes para coñecer a vida e obra de Rosalía de Castro.
FRANCISCA DO CAMPO leva século e medio contando a todo o mundo a historia da súa querida afillada ROSALÍA de CASTRO. Ela foi quen axudou a criala e quen compartiu as vivencias máis cotiás e entrañables. Cargada de maletas con teas, zapatos e moitas cousas queridas para ela, comparte con nós a traxectoria vital e artística dun símbolo irrenunciable para a cultura galega.
Ed. Primaria Mestres Gandeiros
O alumnado de 1° e 2° de primaria visitou o Museo Vivinte do Mel, tamén chamado "O Enredo do Abelleiro", en Arzúa. Alí escoitamos como é o marabilloso mundo da apicultura: os diferentes tipos de abellas, as súas funcións, ciclo de vida, as ferramentas e vestimenta do apicultor...Tamén aprendemos a fabricar candeas nun abradoiro con cera, e como non, probamos e envasamos o produto estrela das abellas: o mel!