Visita a unha mámoa do Polígono Industrial de Friol

 Carlos Bello Scout

Na clase de Historia do mércores 11 de marzo o grupo de 1º da ESO achegouse andando a coñecer a mámoa denominada “Túmulo 4 do Monte das Tenzas”, situada no polígono industrial.

As mámoas, medorras ou medoñas, son enterramentos construídos entre o IV e III milenio antes da nosa era, isto é, hai entre 5.000 e 6.000 anos. Este tipo de tumbas monumentais constrúense nun momento en que se pretende vincular a poboación co territorio nun momento de expansión da agricultura. É un fenómeno común a toda Europa occidental, no que Friol destaca pola súa alta densidade de xacementos.

Unha mámoa é un túmulo de terra con forma semiesférica cuxa función é protexer a cámara funeraria, que denominamos anta ou dolmen, onde se depositaban os cadáveres. Está composta por unha morea de pedras a xeito de coiraza.

Día de Rosalía

Teresa Estévez

Dende a  Asociación Carballo Vivo convidáronnos a acompañalos o día 29 de febreiro  no Centro Sociocultural de Friol para celebrar xuntos o día de Rosalía, nunha tarde chea de actividades!

Un feixe de rapazas e rapaces, de Educación Infantil, Primaria e Secundaria; a nosa directora, Asunción e máis eu, como coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, constituímos a orgullosa representación do CPI Dr. López Suárez.

Lemos a Rosalía, escoitamos a Xerardo Quintiá na presentación de O PAÍS DO GRAN FURADO, a Suso Rodríguez falarnos da revista NOVA ESCOLA GALEGA, a música de MAHRA e rematamos cunha merenda-degustación de produtos de Tralo agro e viña Frieira. Unha tardiña completa!

Parabéns polo evento!

Amores de libro

Ana Vázquez

No Club de Lectura non fomos quen de escapar ao sentimento amoroso que o vai envolvendo  todo segundo nos imos achegando ao 14 de febreiro. Ben é certo que tampouco nos resistimos moito.

Desta  vez tomamos en  préstamos citas, poemas, fragmentos de obras…, extraídos  dos libros Bicos e non balas deAntonio García Teijeiro, O único que queda é o amor e Aire negro de Agustín Fernández Paz. Lémolos, comentámolos, escribímolose decidimos compartilos expoñéndoos no corredor de secundaria.

Seguramente todos e todas nos vemos reflectidos  nalgunhas destas palabras.

Que deades e recibades moito amor.

Campionato Galego de marcha en ruta (Marín)

Felipe Barata

O sábado 1 de xaneiro tivo lugar en Marín o Campionato Galego de marcha en ruta, onde estiveron presentes ata 14 deportistas do club Atletismo Friol.

Na proba absoluta, Eva Freire lograba rematar na décimo primeira posición global e conquería o cuarto posto na categoría sub 20.

Xa na proba sub 14, Mara Montes facíase coa sétima posición na categoría sub 14, mentres que as súas compañeiras de equipo, Aldara Ceide e Noa Mouriz, o facían na novena e décima posición respectivamente. Polo que respecta a categoría masculina, Ramón Loureiro entraba na quinta posición, Mateo Sánchez era sexto e Lucas Castiñeira sétimo.

No que respecta a categoría sub 12, Ohiane Gómez entraga na sexta posición e Alba Menán na sétima, mentres que Ariadna Paz finalizaba no posto undécimo, Grace Gainsford era décimo segunda e Uxía Platero décimo terceira. Entre os nenos, Martín Díaz finalizaba na quinta posición.

Por último, Anxo Moreno acadaba a cuarto posto na categoría sub 10.

"Maxia pola igualdade" co Mago Richard

O 11 de febreiro, o Mago Richard ofreceu un espectáculo de experimentos máxicos e educativos na bliblioteca do CPI Dr. López Suárez de Friol, tendo como fío condutor do mesmo as mulleres e homes da ciencia e tecnoloxía ó longo da historia recente. Este é o segundo dos espectáculos de máxia pola igualdade que se leva a cabo no noso centro, nos que os magos souberon transmitir a rapazas e rapeces claras mensaxes sobre a igualdade de xénero.

Mira a galería de fotos.

O noso compromiso coa paz e a non violencia

Como cada ano, no CPI Dr. López Suárez de Friol renovamos o noso compromiso coa paz e a non violencia lendo algunhas reflexións e frases alusivas que os distintos cursos, desde Educación Infantil ata ESO, prepararon para o acto. Rematamos o mesmo cantando e bailando todos xuntos a canción de Uxía Lambona e a Banda Malona "De Festa".

Visita a SOGAMA (Cerceda)

Teresa Estévez

O luns, 27 de xaneiro, o alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO visitou o complexo SOGAMA en Cerceda (A Coruña), dentro dunha actividade programada polo Departamento de Tecnoloxía e organizada conxuntamente co Departamento de Ciencias. Agradecemos oa CPI "O Cruce" de Cerceda que nos acollese para xantar, nun día chuvioso e frío.

"Maxia pola igualdade" con Javier Muro

O pasado 28 de xaneiro o mago Javier Muro presentou no Centro Sociocultural de Friol o espectáculo Maxia pola igualdade, dirixido ó alumnado de Primaria do noso centro. A través dos trucos de maxia, que fixeron a ledicia de nenos/as e profesorado acompañante, o mago transmitiu claras mensaxes sobre a igualdade de xénero, facilmente entendibles polos nenos e nenas.

O alumnado de ESO visitou a Liga Santaballesa

Beatriz Blanco

Dentro de proxecto interxeracional, o alumnado de ESO visitou a Liga Santaballesa para poder facer unha viaxe ó pasado, a través das historias que contaron moitas persoas maiores sobre a emigración e sobre a escola e os xogos populares. Os rapaces e rapazas divertíronse moito xogando e visitando unha escola antiga.

Firma no noso centro dun importante convenio para a implementación dos plans de vida activa e saudable nos centros educativos

Felipe Barata

O CPI Dr. López Suárez foi escenario da firma do Convenio de Colaboración de desenvolvemento de actuacións conxuntas para a implementación dos plans de vida activa e saudable en centros educativos e o seu seguimento a través da plataforma de datos de actividade física saudable (DAFIS). A firma deste convenio contou coa presencia da Conselleira de Educación, Dona Carmen Pomar Tojo, e o o Conselleiro de Sanidade, Don Jesús Vázquez Almuiña, ademais do Secretario Xeral para o Deporte, D. José Ramón Lete Lasa, os xefes territoriais de Sanidade e Educación e o alcalde de Friol, entre outras autoridades. 

O CPI Dr. López Suárez leva 8 anos traballando no programa DAFIS e no seu momento foi o centro pioneiro en Galicia en levar a cabo o desenrolo do mesmo, ademais de contar coa colaboración do servicio de pediatría de Friol cara a unha mellora da condición de saúde do noso alumnado.

Mira a galería fotográfica completa

Distribuir contido