Skip to Content

Actualización normativa sobre o uso de teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos

Tal e como o recolle a Orde do 4 de xaneiro de 2024, neste centro, prohíbese o uso de teléfonos móbiles e calquera outro dispositivo electrónico (agás o ordenador Edixgal, dado que se trata dunha ferramenta didáctica de uso diario para o desenvolvemento das distintas materias) durante os períodos lectivos (horas de clase) e non lectivos (as entradas e saídas, o tempo de recreo, de comedor escolar, de desprazamento no transporte escolar e os períodos dedicados ao desenvolvemento de actividades complementarias e extraescolares).

Recoméndase ao alumnado que evite asistir ao centro con teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos, xa que en caso de acudir con eles, durante os citados períodos lectivos e non lectivos, o alumnado deberá mantelos inactivos e debidamente gardados, sen estar á vista.

De incumprirse esta norma, os aparellos serán requiridos ao alumnado e custodiados no centro (Artigo 11.3 da Lei 4/2011) ata a súa recollida por parte dos seus titores legais ou persoa en quen delegue, e ademais, acompañarase da medida correctora correspondente. 

Tan só, e cando o docente o solicite, poderanse empregar como ferramenta pedagóxica. Neste caso, o profesorado remitirá unha autorización ás familias.

Exceptuarase desta restrición o emprego proporcionado e razoable dos dispositivos por cuestións de oportunidade ou necesidade, médicas ou de outra índole, sempre e cando o motivo estea xustificado da maneira que se considere en cada caso atendidas as circunstancias, e así sexa autorizado pola dirección do centro, ou, de non ser isto posible, polo profesorado. 



page | by Dr. Radut