Polos Creativos
Tarde argalleira con multitude de ferramentas no Polo Creativo
Hoxe pola tarde seguimos con xente argalleira polo Polo Creativo. Ademais dun semáforo programado coa Microbit, houbo chapas, Plotter, impresión 3D... Este é un Polo Creativo que cada vez suma máis adeptos polas tardes...
Alumnado maker polas tardes con makey makey
Nesta ocasión, varios alumnos de 6º viñeron pola tarde ao Polo Creativo a facer música empregando cartón, placas Makey-Makey, papel de aluminio e Scratch. Este era o reto de marzo que tiñamos no noso Polo Creativo para as tardes e puxéronse as pilas.
Crearon os instrumentos e contaron coa axuda da mestra de música, Leticia, para preparar a partitura... Hoxe iniciaron os ensaios e o produto final está en proceso pero van polo bo camiño.
Aprendendo a deseñar en 3D...
Moito alumnado de 6º de EP quixo vir aprender a deseñar en 3D no recreo do luns para crear algo moi especial e que están desexando que chegue... Que poderá ser? Seguimos argallando...
Creando modelos de ferramentas reais cos kits de Nezha
Comprender como funciona un sensor de luz, un sensor de humidade ou o funcionamento dunha porta automática... En definitiva, comprender o mundo que nos rodea é posible e... necesario! Esta semana tocou argallar cos kits de Nezha estas e outras propostas...
Chaveiros en 3D... 3º debuxa e 6º deseña...
Dúas semanas despois das encargas, o alumnado de 6º que asumiu a responsabilidade de deseñar os chaveiros do alumnado de 3º interesado e de darlle unha nova dimensión aos seus debuxos, fixéronlle entrega dos primeiros e vaia se gustaron...
Foi entregárllelos e xa recibiron máis encargas...
Tarde maker creando un secador de mans co kit de Nezha
Hoxe pola tarde tivemos no Polo Creativo un alumno argalleiro de 6º creando en Makecode co kit de Nezha un secador de mans. Despois do proceso de construción, deseñou o código de programación e a funcionar.
Xornada formativa no Polo Creativo
Esta tarde o Equipo de Polos estivemos formándonos no uso e manexo do Plotter do noso Polo Creativo. O Equipo de Polos xa anda procurando ideas para deseñar e darlle uso no noso centro.
Velaquí unha imaxe que resume esta sesión formativa enmarcada no PFPP.
Día da Muller en Polos
Comezamos marzo con talleres de chapas no recreo para conmemorar o 8M. O noso polo creativo a prol dunha igualdade de xénero real e efectiva. Asemade, este ano o lema é: "Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero".
Deseño en 3D
A impresión 3D está gustando entre o alumnado do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel. Despois do éxito dos lapis 3D, varios alumnos e alumnas de 6º de EP animáronse a vir pola tarde a axudarlle a alumnado de 3º a facer en 3D os seus debuxos.
A idea é crear minichaveiros con eles... Nuns días veremos como quedaron.
Final 1º Torneo de Xadrez
O 1 de marzo tivo lugar a final do 1º Torneo de Xadrez do CEIPP Vicente Otero Valcárcel na Biblioteca do noso centro e como non podía ser doutro xeito, dende o Polo Creativo creamos o trofeo do gañador e unha peza impresa en 3D para a finalista. Foron semanas de emoción e desfrutaron moito durante o desenvolvemento do torneo. Tamén quedaron abraiados/as co trofeo! Tanto que agora queren aprender a deseñar en 3D e moito máis alumnado está interesado no Xadrez.
Velaquí unha imaxe do trofeo, da final que contou con moita expectación e dos finalistas na entrega de trofeos.
Entroido en Polos Creativos en familia
Este mes de entroido tivemos reto de antifaz STEAM para as familias e o alumnado en polos pola tarde. Podedes ver o ben que lle quedou a Nerea, de 2ºC , o seu antifaz maker.
Animádevos a seguir argallando en familia nos próximos meses!
Corazóns 3D
Hoxe o alumnado de 5º de Educación Infantil descubriu a aula de Polos Creativos. Estiveron a probar os lapis 3D e fixeron uns corazóns para celebrar o día do amor (San Valentín). Aquí podedes velos traballando:
Minimakers nos recreos de febreiro
Este mes de febreiro durante os recreos moito alumnado está deseñando colgantes de corazóns con xornais. Asemade tamén están creando máquinas de todo tipo con LEGO e iniciándose no uso dun robot moi interesante: o Mind Designer.
Velaquí algunha fotos das súas producións:
Candeloria STEAM
Este mes festexamos a Candeloria no noso Polo Creativo co reto: Candeloria STEAM. Está dispoñible na aula de polos durante o horario lectivo para aquel profesorado que se anime a argallar co seu alumnado mesturando papiroflexia, circuítos e moita creatividade. Creouno profesorado integrante do equipo de Polos.
Aquí podedes ver algunha produción dos nosos minimakers: