Información xeral

Funcións, compoñentes e outros datos

Que é o Departamento de Orientación

    A Orde da Consellería de Educación do 24 de xullo de 1998, pola que se establece a organización e funcionamento da orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia entende a Orientación como un proceso que inclúe a toda a comunidade educativa, que debe garantirse desde as primeiras idades do alumnado permitindo así a prevención e detección temperá das súas dificultades tanto no desenvolvemento persoal ou da aprendizaxe como profesional. De aí a necesidade de que os propios centros educativos conten con profesionais da orientación que colaboraren co profesorado e as familias para lograr o maior desenvolvemento do alumnado e que lle permita ter unha imaxe completa e adecuada de si mesmo e das súas posibilidades no mundo sociolaboral.

   Nesta liña, os Departamentos de Orientación (...) han de constituír o garante de que a orientación forme parte esencial da actividade educativa e de que se estableza unha vía de asesoramento permanente ó alumnado, ó profesorado e ás familias mediante un plan de actuación común entre os diferentes profesionais.

 Funcións do Departamento de Orientación

   Son competencia do departamento de orientación dos colexios de educación infantil e primaria e de educación primaria as funcións seguintes:

     a) Valorar as necesidades educativas, no ámbito da orientación dos alumnos e alumnas do seu contorno e deseñar, desenvolver e avaliar programas específicos de intervención.

     b) De acordo coas directrices establecidas no plan de orientación deseñado conforme o que establece no artigo 13º da presente Orde e da comisión de coordinación pedagóxica do centro, elaborar as propostas do plan de orientación académica e de madureza vocacional e do plan de acción titorial, incidindo no desenvolvemento persoal, social e cognitivo do alumnado e ofrecerlle ó profesorado o soporte técnico para o desenvolvemento deste plan.

     c) Participar na elaboración, seguimento e avaliación dos proxectos educativo e curricular do centro, incidindo nos criterios de carácter organizativo e pedagóxico para a atención á diversidade do alumnado e nos principios de avaliación formativa e, cando cumpra, na adecuación dos criterios de promoción.

     d) Deseñar accións encamiñadas á atención temperá e á prevención de dificultades ou problemas de desenvolvemento ou de aprendizaxe derivadas tanto de condicións desfavorables como de sobredotación que presenten os alumnos e alumnas.

     e) Participar na avaliación psicopedagóxica conforme á normativa ó respecto e participar no deseño e desenvolvemento de medidas de atención á diversidade.

     f) Facilitarlle á comunidade educativa os apoios e o asesoramento necesarios para que o alumnado poida enfrontar adecuadamente os momentos escolares máis decisivos ou de maior dificultade, como o ingreso no centro, o cambio de ciclo ou etapa ou a resolución de conflictos de relación interpersoal.

     g) Impulsar a participación do profesorado en programas de investigación e innovación educativa nos ámbitos relativos a hábitos de traballo intelectual, programas de ensinar a pensar, habilidades sociais, técnicas de dinámica de grupos ou en calquera outros relacionados co seu ámbito de actuación.

     h) Cooperar cos membros dos equipos de orientación específicos no deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de intervención.

     i) Co obxecto de potenciar estratexias de actuación conxuntas, promover a cooperación entre o centro e as familias implicándoas no proceso educativo dos seus fillos: estimulación da motivación e intereses, adquisición de hábitos de hixiene e de autonomía; desenvolvemento motriz e da linguaxe; relacións interpersoais e aqueloutros aspectos que favorezan o desenvolvemento evolutivo do alumnado.

     l) Establecer canles de comunicación cos diferentes servicios ou institucións no ámbito das súas competencias.

    m) Aqueloutras que a Administración educativa lle puidese encomendar no ámbito das súas funcións.

Quen forma parte do Departamento de Orientación

 

  a) O Xefe do Departamento de Orientación, licenciado en psicopedagoxía.

   b) O profesorado que exerce a función  de apoio á atención do alumnado con necesidades educativas especiais.

   c) Os/As Coordinador@s dos Equipos de Ciclo (Educación Infantil, 1º, 2º e 3º Ciclos de E. Primaria).

 
   

 

Distribuir contido