Fonte do artigo AEBAM.
O lixo mariño supón unha seria ameaza para a vida mariña, tanto pola súa elevada cantidade no medio mariño como pola súa composición (maioritariamente plásticos cuns elevados tempos de permanencia no medio, en ocasións superiores a 200 anos, que se fragmentan en pequenas partículas ou microplásticos), e pode afectar negativamente aos individuos, poboacións e ecosistemas mariños. O lixo mariños é, en particular a acumulación de residuos plásticos, foron identificadas como un problema global xunto con outros temas actuais clave como o cambio climático, a acidificación oceánica e a perda de biodiversidade ( CBD and STAP- GEF, 2012).
Impactos en ecosistemas mariños. Os impactos máis importantes producidos pola contaminación por lixos mariños son o enredo de fauna mariña en lixos, a inxestión de lixos mariños por parte de organismos vivos de todos os tamaños, os efectos derivados do seu potencial como vector de introdución de especies alóctonas, a alteración da estrutura das comunidades bentónicas e a degradación dos fondos mariños. Estes impactos varían en función do tipo e tamaño dos elementos que compoñen os lixos mariños e dos organismos mariños cos que interaccionan. Así mesmo, constatáronse efectos nas capacidades de alimentación, respiración, crecemento e reprodución nunha gran variedade de organismos por mor dos microplásticos. Tamén é importante indicar que os efectos nocivos nos organismos non son só producidos pola incorporación de microplásticos senón tamén polo efecto dos aditivos que estes conteñen.
Impactos sobre a saúde humana. Ademais destes impactos físicos, existe unha crecente preocupación polo impacto sobre a saúde humana como consecuencia das substancias tóxicas liberadas polos residuos plásticos ou a influencia que teñen os microplásticos ao potenciar o transporte e a biodisponibilidad de substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes que poderían entrar na cadea alimentaria. Os organismos mariños como o zooplancton poden inxerir diminutas partículas de plástico (que poden concentrar restos de hidrocarburos e transportar pesticidas como o DDT) e acumulalas nos seus corpos. Estes contaminantes pasan a outros organismos que se alimentan de zooplancton e así sucesivamente. Así, tanto as pezas de plástico como os tóxicos acumúlanse no corpo dos depredadores e aumenta a súa cantidade a medida que se avanza na rede trófica mariña, o que se coñece como bioacumulación e biomagnificación, respectivamente. Os danos non só se circunscriben á vida do mar, senón que poden chegar ao ser humano, cando consome produtos mariños.
Pinchade nas imaxes
Impactos socioeconómicos. O lixo mariño ten tamén un impacto socioeconómico negativo, podendo provocar perdas económicas a industrias como a pesca comercial e o tráfico marítimo (obstrución de hélices), así como ás actividades recreativas e ao turismo. Os lixos mariños poden provocar a degradación dos caladoiros de pesca e producir pesca pantasma cando aparellos de pesca como redes, trampas e nasas que os pescadores abandonaron, perdido ou refugado continúan atrapando e matando un gran número de organismos mariños. Tamén poñen en perigo a saúde e a seguridade humanas tanto polas feridas causadas polos lixos aos bañistas como polos accidentes nas embarcacións debidos aos lixos mariños. Os lixos mariños ademais de producir contaminación estética nas costas que pode afectar o turismo e ás actividades recreativas, impactan ás economías locais, non só pola perda de ingresos procedentes do turismo senón porque a limpeza do lixo das praias e a súa xestión pode chegar a ser moi custosa.