Parellas separadas

Organización escolar en caso de parellas separadas

INSTRUCIÓN CONXUNTA 9/2017 DA SECRETARÍA XERAL TÉCNICA E DA DIRECCIÓN DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS, POLA QUE SE ESTABLECEN RECOMENDACIÓNS SOBRE A SAÍDA DOS ALUMNOS ESCOLARIZADOS NOS CENTROS EDUCATIVOS PÚBLICOS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA AO REMATE DO HORARIO LECTIVO E SOBRE A RECOLLlDA DELES NAS PARADAS ESTABLECIDAS NO TRANSPORTE ESCOLAR

Para os efectos previstos nesta Instrución son persoas responsables dos alumnos escolarizados nos centros educativos os seus pais, nais, titores legais, acolledores familiares e, no caso de separación e divorcio, as persoas que teñan ao seu favor a garda e custodia dos menores.

1°.-RECOMENDACIÓNS APLICABLES AO ALUMNADO DE ENSINANZA INFANTIL, DE EDUCACiÓN ESPECIAL E DOS CATRO PRIMEIROS ANOS DE ENSINANZA PRIMARIA

1°.1.-Recollida ao rematar as clases lectivas, actividades extraescolares e excursións ou visitas culturais.

No suposto de país e nais separados ou divorciados, seguirase as determinacións previstas na sentencia xudicial, convenio regulador ou acordo provisional, que terán que presentar no colexio. Neste sentido, a persoa encargada de recoller ao alumno será a que teña ao seu favor a garda e custodia do mesmo ou o adulto ou o irmán ou irmá que curse os niveis educativos descritos anteriormente, aos que ela autorice expresamente, agás nos días de visita asignados ao outro proxenitor, nos cales poderá este recoller ao seu fillo ou a súa filla.

En todo caso, os escolares non poderán ausentarse do centro de ensino antes da hora prevista para as distintas saídas, agás que as persoas identificadas nesta Instrución como os seus responsables así o comuniquen de xeito motivado no centro, procedendo a recoller ao alumno por eles mesmos ou polo adulto ou irmán ou irmá que cursen os niveis educativos xa sinalados, autorizados expresamente para o efecto.

 

 

SOBRE A INFORMACIÓN AO/Á PROXENITOR/A QUE NON TEÑA A GARDA E CUSTODIA PERO SI MANTEÑA A PATRIA POTESTADE (PROTOCOLO DE PROTECCIÓN DE DATOS, PÁXS. 27-28-29):

4.3 Consideracións particulares sobre os proxenitores non unidos legalmente por vínculo matrimonial ou análogo:

No ámbito civil hai dúas situacións e facultades distintas nas relacións paternofiliais : a patria potestade e a garda e custodia.

A patria potestade debe entenderse como o conxunto de facultades e deberes que corresponden aos pais para o cumprimento da súa función de asistencia, educación e coidado dos seus fillos menores non emancipados. Exércese conxuntamente por ambos proxenitores ou por un só co consentimento expreso ou tácito do outro.

A garda e custodia configúrase como unha das prerrogativas e deberes da patria potestade, e abarca todas as cuestións e aspectos derivados do quefacer diario.

Cando os proxenitores non están unidos por vínculo matrimonial ou como parella de feito, poden existir diversas situacións nas que xurdan dúbidas sobre que datos se poden facilitar a cada un dos proxenitores. Para resolver as diferentes situacións que poden presentarse debemos partir das seguintes premisas:

 A patria potestade corresponde a ambos proxenitores, con independencia da existencia ou inexistencia de vínculo matrimonial ou de calquera outro tipo, salvo decisión xudicial expresa. A inexistencia de vínculo entre os proxenitores non afecta a patria potestade respecto aos menores, con independencia de que a garda e custodia sexa compartida ou estea atribuída a un dos proxenitores. É dicir, salvo que exista unha sentenza ou resolución xudicial que diga o contrario, ambos proxenitores teñen a patria potestade, con independencia de que a garda e custodia sexa compartida ou corresponda unicamente a un deles.

 Ambos proxenitores, en tanto non se atopen xudicialmente privados da patria potestade, teñen dereito a recibir información sobre o proceso educativo do seu fillo ou filla.

 Esta comunicación da información académica enmárcase dentro do exercicio da patria potestade, xa que os pais ostentan a representación legal dos seus fillos e fillas, e dentro dos deberes inherentes á patria potestade atópase o da educación dos menores.

 

Recomendacións

 Os proxenitores que ostenten a patria potestade teñen dereito a estar informados do proceso de aprendizaxe dos seus fillos. Xa que logo, o centro está obrigado a garantir a posta a disposición da información solicitada relativa ao proceso educativo dos menores seguindo o procedemento que se reflicte a continuación:

– O PROXENITOR QUE NON OSTENTE A GARDA E CUSTODIA DEBERÁ SOLICITAR ESTA INFORMACIÓN POR ESCRITO AO CENTRO, acompañando a esta solicitude, se o centro non conta con ela, de copia fidedigna da RESOLUCIÓN XUDICIAL na que se recolla que se ostenta a patria potestade acompañada dunha DECLARACIÓN RESPONSABLE de que non se teñen producido variacións respecto a dita resolución xudicial.

– Nos supostos en que o centro xa conte coa resolución xudicial, o proxenitor non custodio deberá remitir unicamente a solicitude acompañada da declaración responsable de que non se teñen producido variacións respecto a dita resolución xudicial, identificando correctamente a resolución xudicial co seu número e data.

 Os proxenitores deberán comunicar ao centro educativo calquera modificación das medidas xudiciais que afecten á patria potestade ou á custodia dos menores, coa maior brevidade posible.

 Este dereito de acceso á información sobre os menores vén determinado pola patria potestade, polo que só asiste con carácter xeral ás persoas que a ostentan, pero non a outros familiares ou persoas que poidan intervir no coidado dos menores, como familiares ou novas parellas dos proxenitores. Porén, os proxenitores poden autorizar a que calquera persoa, xa sexa un familiar ou a nova parella dalgún dos proxenitores teña acceso á información sobre o menor.

 

NON SE FACILITARÁ NINGÚN TIPO DE INFORMACIÓN RELATIVA AOS MENORES ÁS PERSOAS PRIVADAS XUDICIALMENTE DA PATRIA POTESTADE SOBRE O ALUMNO/A.

 

A modo de exemplo enumérase a seguinte información que debe ser subministrada a ambos proxenitores (sempre que aquel que non ten a garda e custodia pero si a patria potestade teña manifestado a súa vontade de ser informado):

– Cualificacións escolares, finais e trimestrais.

– Informe psicopedagóxico.

– Convocatorias trimestrais, xerais e individuais a reunións de titoría.

– Calendario escolar, programa de actividades complementarias e extraescolares.

– Urxencias médicas de carácter grave (que requiran atención sanitaria) acaecidas ao alumno en horario escolar.

– Ausencias, e o seu carácter de xustificadas ou non para o centro, na forma en que teña establecido o centro con carácter xeral.

– Inscrición no servizo de comedor e/ou transporte.

– Menú do comedor escolar.

– Calendario de eleccións ao Consello Escolar.

Non se trata, en absoluto, dunha lista pechada. En xeral asiste aos proxenitores o dereito a recibir calquera tipo de información sobre a educación e progreso académico dos seus fillos sobre os que ostenten a patria potestade.

 

Este dereito de información respecto aos fillos dos que se ostenta a patria potestade, refírese unicamente aos datos relativos aos menores, pero non a calquera dato do outro proxenitor que figure na documentación do centro, polo que, nos supostos nos que un proxenitor solicita copias dalgún documento que figura no centro, no que consten datos persoais do outro proxenitor, deberán eliminarse os ditos datos na copia que se entregue, para garantir o pleno respecto á protección de datos de carácter persoal do outro proxenitor.

A tal fin:

– Farase unha fotocopia na que se eliminarán os datos que se refiran ao outro proxenitor, como teléfono, enderezo, lugar de traballo etc. cun corrector que non permita a súa lectura.

– Reproducirase de novo ese documento e entregarase a copia, co fin de que non se poida eliminar o corrector e ter acceso aos datos do outro proxenitor.

Distribuir contido