Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

ESTACIÓNS DE APRENDIZAXE E ABX

As estacións de aprendizaxe son unha das metodoloxías máis utilizadas en 2º de Primaria.

Mais… Que quere dicir isto? Como nos organizamos? Por que o facemos?

Partimos dunha concepción pechada e entendémolas como un circuito con diversas actividades polas que todo o alumnado ten que pasar e realizar. Estas propostas son previamente deseñadas atendendo ao grupo-clase.

Xeralmente cando as realizamos na aula empregamos 2 sesións, sendo a duración de cada actividade duns 20 minutos aproximadamente aínda que é certo que tamén hai ocasións nas que se plantexan para unha sesión de clase soamente e deste xeito as actividades son curtiñas cunha duración de 8 minutos.

Dependendo dos aspectos que queiramos traballar en ocasións plantéxanse todas as actividades para que o alumnado as realice de xeito autónomo cando pretendemos, por exemplo, reforzar contidos xa vistos estando a mestra de apoio co alumnado que o precise en calquera estación. Noutras ocasións planifícase para que todas as propostas sexan autónomas agás unha na que sempre está a mestra por diversos motivos: tarefas de creación de textos que requiren dunha atención máis individualizada, contidos especialmente difíciles, presentación de contidos novos…

Que vantaxes ten a súa aplicación?

-Atendemos á diversidade do grupo-clase.

-Promovemos o “aprender a aprender”.

-Permítenos traballar cun equipo mentres o resto do alumnado traballa de forma autónoma.

Que actividades se propoñen nas estacións?

As actividades son variadas, mais convén reparar en que na maior parte das ocasións, nunha estación sempre atopamos un xogo de mesa,  pensado especialmente para o traballo dun determinado contido curricular. E é que a aprendizaxe baseada no xogo é otra metodoloxías fundamentais na nosa aula. O xogo ten numerosos beneficios: suscita motivación por parte do alumnado, traballa diferentes funcións executivas precisas nas aprendixaxes…

“Un cerebro que xoga é un cerebro que aprende”

Deixámosvos unha mostra gráfica dalgunhas das propostas levadas a cabo ao longo de todo o curso.