Skip to Content

Premios Olloboi

Esta semana recibimos a comunicación de que a curtametraxe animada realizada o curso pasado polos nenos/as de 1º ciclo de E.P., xunto coas súas mestras, "Non quero ser un polbo", foi seleccionada como finalista dunha das 10 categorías do Olloboi 2015 (podedes consultar todos os candidatos na páxina olloboi.com)

Esta é a mensaxe que recibimos comunicando a selección:

"Estamos xa na recta final dos premios do audiovisual escolar Olloboi 2015. Unha edición que veu marcada pola entusiasta acollida (149 traballos inscritos e case 5000 votos online), polo traballo en equipo de calidade e pola colaboración desinteresada de sectores da educación, a industria, a cultura e o audiovisual do país (empresas locais pequenas e medianas, profesorado de Infantil a Universitario e importantes artistas e xestores da cultura audiovisual: os nosos "Cómplices"). Desde hoxe coñécense xa os 10 aspirantes a gañar cada unha das categorías do Olloboi, premios que consistirán no xenuino trofeo deseñado pola creadora Susana Diz e nun fantástico dron con cámara integrada.

Os premios serán fallados na gala que terá lugar o vindeiro sábado 30 de maio en Boiro, na Casa de Cultura. Pero ademáis dese acto, temos outras actividades que poden ser do voso interese: 

 

 

O día comezará pola recepción de participantes nas instalacións do Náutico de Cabo de Cruz, onde xantaremos xuntos (gratuíto segundo orde de inscrición). Desde alí acudiremos á nave de Asteleiros Triñanes, que por un día se transformará en sala de cine. Alfonso Zarauza e Luis Avilés presentarán nela as súas películas Encallados e Unary. Os actos rematarán na Casa de Cultura da Cachada coa gala de entrega de premios, conducida polos actores Federico Pérez e X.A. Touriñán e coa colaboración musical do alumnado de Músico do CPI de Dodro. Contaremos, asemade, coa presencia dos membros do Xurado: o profesor Nacho Rodiño, o técnico de cultura de Boiro Alberto García e a actriz Sabela Hermida. Aquí tedes enlace ó cartaz dos actos, por se quixerades imprimilo e penduralo no voso centro

 

Sería interesante que enchésedes este formulario se queredes garantir praza na gala e/ou xantar gratuíto.

 

 

Moitos parabéns!"


page | by Dr. Radut