Estimadas nais, pais, familias,
O próximo luns 25 de novembro comezaremos a realizar as entradas e saídas de outra forma distinta de como se viña facendo até o de agora.
A razón non é outra que garantir o dereito de todo o alumnado transportado a entrar e saír acompañados das persoas que fan o acompañamento nos autobuses, posto que así se contempla na normativa; así como mellorar a seguridade do resto do alumnado non transportado.
Para isto imos deixar o portal principal para que acceda e saia o alumnado transportado coas acompañantes. Para o resto do alumnado que acude ao centro coas súas familias e/ou responsables, habilitaremos o acceso para entrada e saída do alumnado polo portal lateral.
EXCEPCIÓN: Para o alumnado de educación infantil, tendo en conta a idade deles e a ubicación do edificio de infantil, a entrada e saída seguirá sendo polo portal principal.
Pedímoslle as familias que acompañan ao alumnado de primaria que non accedan ao interior do recinto, e que esperen, tanto para entregalos como para recollelos, nese portal lateral. Os portais abriranse no seguinte horario: O de arriba ás 8:50 para entrada e ás 14:00 para a saída (para que entren as acompañantes de autobús e familias de infantil). O portal lateral abrirase ás 8:50 para entrada e ás 14:05 para recoller ao alumnado de primaria. Saben que en breve iniciaranse as obras do novo comedor e aínda que non haberá maquinaria pesada nin guindastres funcionando neses momentos, o espazo redúcese e sería un pouco caótico con alumnado e adultos dentro.
Comunicarvos tamén que enviamos un escrito ao Concello de Ames para solicitar un novo paso de peóns á altura do portal lateral, así como a proposta de outras medidas a adoptar que consideramos necesarias para aumentar a seguridade neste contorno escolar.
Pedimos a vosa inestimable colaboración para poder facer este cambio, co que esperamos gañar en seguridade para o alumnado que acude a este centro.
Bertamiráns, 20 de novembro de 2019
A directora
Mª Isabel Abelleira Bardanca