blogue demjosefernandez

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Hoxe, o 3 de decembro, é o DÍA DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE.

Para celebrar esta conmemoración as nenas e os nenos que estudan na Gándara fixeron autorretratos que se colocaron dentro dunha figura humana que colga no centro do patio interior do colexio porque desexamos convivir...

TODAS DENTRO, TODOS DENTRO E NINGUNHA PERSOA FÓRA.

Contacontos: O TEU CORPO É TEU

O TEU CORPO É TEU e ninguén debe tocalo se ti non queres.

O pasado luns, 9 de outubro, Blanca, representante de OUTONÍA, cooperativa que traballa en prol da educación social e da sustentibilidade rural, fixo un obradoiro co alumnado de 4º e 5º de infantil (3 e 4 anos) no que falar do noso corpo, da nosa identidade e do bo trato persoal, colectivo e social. Para iso serviuse do libro: O TEU CORPO É TEU de Lucía Serrano.

Grazas á Asociación de Nais e Pais do CEIP Plurilingüe A GÁNDARA por facer chegar este obradoiro ao noso alumnado de infantil.

 

VENDIMA escolar INFANTIL

O mes de outubro comezou facendo a VENDIMA no patio de infantil do noso centro escolar.

As familias trouxeron acios de uvas que o equipo docente colgou polo valado do patio. Despois de facer grupos de cores formados por alumnado de 3, 4 e 5 anos, mesturados, comezou a vendima cortando os acios de uvas e botándoos en cestos. Ao rematar a vendima, houbo que acarrexar os acios ata o soportal onde tiñamos mesas, bancos e bandexas nos que cada grupo tivo que separar os bagos dos cangallos. Cando xa fixemos a selección, exprimimos as uvas coas mans para sacarlle o zume que, logo, filtramos empregando grandes coadores que nos cedeu o persoal de cociña.

CAMIÑO DO INVERNO. Infantil

O alumnado de 5º e 6º de infantil (4 e 5 anos) fixo o percorrido do CAMIÑO DO INVERNO desde o Monte de San Vicente ata o Parque dos Condes. Ao chegar abaixo ofreceuselle unha mazá e un botellín de auga.

Esta actividade foi organizada pola Asociación de Camiños de Santiago pola Ribeira Sacra e, como todos os anos, houbo unha numerosa participación de escolares da zona. A radio ONDA CERO e o xornal EL PROGRESO foron algúns dos medios que se fixeron eco do que estivemos a facer.

 

BOLECHAS no Día Europeo da Agricultura Ecolóxica

Co motivo do Día Europeo da Agricultura Ecololóxica o alumnado de Infantil e 1º de Primaria acudimos o pasado venres, 22 de setembro, ao salón do Multiusos á presentación do novo libro dos Bolechas titulado OS ALIMENTOS ECOLÓXICOS.

Ao acto acudiron, ademais de moito alumnado dos centros escolares de Monforte,  autoridades locais e autonómicas, Pepe Carreiro o creador dos Bolechas, Pakolas que nos fixo bailar e os propios Bolechas!!!! Como gozamos da súa presenza!!!! MIrade, mirade... non ten desperdizo.