Bibliotecas Escolares Solidarias 2022/2023

 

 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución de 25 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se resolven dúas das iniciativas integradas no programa "Bibliotecas Escolares Solidarias"do curso 2022/2023.
 
Concédense os Selos "Biblioteca Escolar Solidaria" aos 5 centros educativos que se detallan, unha vez valoradas as candidaturas presentadas.
 
Así mesmo, selecciónanse 10 experiencias de un total de 50 memorias presentadas polos centros adheridos á iniciativa "Voluntariado de Primaria", destinada ao alumnado de  5º e 6º de primaria, no curso 2022/2023.
 
Esta é unha iniciativa integrada no Plan LIA 2021/2025 de bibliotecas escolares, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades  (Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa) en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. 
 
 

Resolución do V Concurso de Podcasts - Radio na biblio

O Portal educativo publica a resolución de 15 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, relativa á convocatoria do V Concurso de Podcasts - Radio na biblio en colaboración coa CRTVG (Radio Galega). A convocatoria estaba destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que traballan a radio como ferramenta pedagóxica, integrados ou non no programa Radio na biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano   ao intelectual, escritor, activista político e cultural, articulista, editor e ensaísta Francisco Fernández del Riego.
Os podcasts seleccionados serán difundidos pola Radio Galega a través da  páxina do Diario Cultural; así mesmo, serán difundidos a través dos medios web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. 

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

 
 
Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2023, incorporan a Francisco Fernández del Riego ao seu traballo en prol da nosa lingua. O seu compromiso vital coa terra e a lingua a través do seu traballo como escritor, activista político e cultural, articulista, editor, tradutor e ensaista, convida a  facer lectores en galego a través do achegamento  a súa figura. 
 
Na imaxe a biblioteca do IES Valadares (Vigo-Pontevedra)
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2023: 
 

Celebrando o Libro e a Lectura nas Bibliotecas Escolares de Galicia

 
 
O mes de abril pon en valor o traballo que fan as persoas mediadoras , ao longo do ano, arredor do libro e alectura nas bibliotecas escolares de Galicia.
 
Imaxe da biblioteca do IES de Brión (Brión-A Coruña)
 
Velaquí algún exemplos:
 

Materiais dos Encontros PLAMBE 2022/2023

 

 
 
 
 
Os pasados 30 e 31 de marzo celebráronse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2022/2023, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a lectura, a literatura galega, a intelixencia artificial, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional. Ademais, presentaranse un total de 21 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, familias na biblioteca escolar, radio na biblio, bibliotecas LIA.3  e outros... ). 
 
Adxúntase o enlace a redeBE cos vídeos e materias aportados por relatores e relatoras. 
 

  • PROGRAMA E DOSSIER

 
 
 
 
 
 
 

Premio dos Clubs de Lectura 2023 para Manuel Núñez Singala

 
 
Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional  e Universidades , fai pública a Resolución de 21 de abril de 2023 pola que se recoñece a Manuel Núñez Singala co Premio dos Clubs de Lectura 2023. 
 
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Desde o curso pasado, contribúe a este recoñecemento o alumnado dos clubs de lectura da educación primaria. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”.   Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro(2018), María Reimóndez (2019), Andrea Maceiras (2020), Eva Mejuto (2021) e Antía Yáñez (2022).
 
Manuel Núñez Singala é un dos autores máis seguidos polo lectorado infantil e xuvenil galego.  Dous dos seus títulos, O achado do castro e  Atranco no bancoestán entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no curso 2021/2022. 
 

Día Mundial do Libro 2023

 
                                                                                           
 
Achégase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades  edítase o cartel para conmemorar este día 23 de abril de 2023.
 
Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso á Profesora da Área de Didáctica da Lingua e da Literatura na facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, Montse Pena Presas. cuxa investigación está moi centrada na literatura infantil e xuvenil contemporánea, cun foco específico na literatura galega, na educación literaria e nos estudos de xénero. Montse, creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, "que é unha celebración da mediación, de ser profe, bibliotecaria, mestra."
 
Este agasallo ás bibliotecas escolares de Galicia, complétase cunha versión longa, baixo o lema Dar de ler, que afonda no papel das mediadoras e mediadores no mundo do libro.
Neste mes, e todo o ano, non esquezamos que "Para nosoutras, silandeiras e navegantas, todos os días son o día do libro."
 
 

Todos os días son o día do libro nas bibliotecas escolares de Galicia

 

 

 

 

 

"Para nosoutras, silandeiras e navegantas, todos os días son o día do libro."

 

Así resume, Montse Pena Presas, o traballo das mediadoras do mundo do libro no texto Dar de ler, cedido xenerosamente para a celebración do Día do Libro nas bibliotecas escolares de Galicia neste 2023.

 

 Ao longo de 16 cursos escolares, persoas referentes do mundo da literatura e o libro, crearon textos orixinais para crear unhas pequenas pezas de difusión editadas desde  a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

 

 Creacións que convidan ao descubrimento do territorio libre e de rebelión da lectura, que inspiran a confiar na forza das palabras, a deixarnos levar por cancións imaxinadas que nos levarán  a mundos descoñecidos. Textos que lembran que os libros esperan por nós para facernos únicos e preservar a memoria do mundo.

 

 

 

 

IX Concurso de Traballo por Proxectos

O Portal Educativo publica  a Resolucióna da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, do 13 de abril de 2023, pola que se convoca, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe),  o IX CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS, vinculados ou apoiados pola biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para traballos realizados durante o curso 2022/2023.
As modalidades nas que se pode participar son as seguintes:   
1. Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (e un 40% dos departamentos, no caso dos centros de ensinanza secundaria).
2. Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, grupo internivelar ou departamento, nas seguintes submodalidades: 
a) Traballos de grupo/nivel.
b) Traballos de grupos internivelares/departamento.
3. Proxectos realizados na materia de libre configuración de 2º de ESO Investigación e Tratamento da Información/Proxecto Competencial ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria.
 
4. Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas de ata un máximo de tres centros de ensino co fin de desenvolver un proxecto común. 
  O prazo de presentación dos traballos remata o 14 de xullo de 2023.
Imaxe do proxecto "Tecendo Identidades" do IES Arcebispo Xelmirez I, premiado na convocatoria 2021/22.

Encontros PLAMBE 2022/2023

 

 

 

 

 

 

 

Os vindeiros 30 e 31 de marzo celébranse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2022/2023, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a lectura, a literatura galega, a intelixencia artificial, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional. Ademais, presentaranse un total de 21 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, familias na biblioteca escolar, radio na biblio, bibliotecas LIA.3  e outros... ). 

 

 

Un espazo de encontro no que escribir as bibliotecas escolares de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

Día Internacional do Libro Infantil 2023

 

 
 
 
 
 
Cada un de nós é único.
E merece ser respectado,
ser lido sen prexuizos,
ter o seu espazo, o seu andel. 
 
 Vagelis Iliopolus, autor.
 Mercedes Pacheco, tradutora. 
 
 
 
Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 
A sección patrocinadora deste ano é Grecia que difunde a mensaxe de Vagelis Iliopoulos e o cartel de Photini Stephanidi co lema "Son un libro, leme"
 
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.
 
 
 
 

Materiais da Xornada de Biblioteca Creativa 2022/2023

 
 

 
 
 
 
 
 
 O pasado 10 de febreiro celebrouse, na EGAP en Santiago de Compostela, a Xornada de Formación de Biblioteca Creativa 2022/2023. 
 
Nesta xornada, os 148 centros que integran oprograma compartiron experiencias que son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle todo tipo de linguaxes (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística...) e posibilita á comunidade educativa múltiples oportunidades de aprendizaxe, expresión e creación.
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes viaxar por estos espazos de expresión e autonomía a través das experiencias dos centros, coñecer a Medialab-Tabakalera, un espazo de creación e laboratorios cidadáns e achegarse aos obradoiros de escornabots, impresión 3D, creatividade, creación audiovisual,  caligrafía e videoxogo.
 
 
 

V Concurso de Podcasts - Radio na biblio

 
 
Portal Educativo publica a convocatoria do V Concurso de Podcasts - Radio na Biblio. A Dirección Xeral de Innovación e Ordenación Educativa fai publica a Resolución de 21 de marzo de 2023 pola que se convoca o V  Concurso de Podcasts - Radio na Biblio en colaboración coa Radio Galega (CRTVG). Poderán participar os centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades , integrados ou non no programa Radio na Biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas 2023, dedicado este ano ao intelectual, escritor, activista político e cultural, articulista, editor e ensaísta Francisco Fernández del Riego, polo que as temáticas dos podcasts, nas catro modalidades previstas, deberán tratar sobre a valoración da lingua materna, reforzar a lectura en galego ou o achegamento ao mundo da edición e da tradución, e da importancia do activismo cultural a partir dos anos 50 do que foi protagonista, entre outros, o autor homenaxeado.
 

O prazo de presentación remata o 28 de abril de 2023.
 
 

A poética da escritura

 
 
DEBERIAMOS botar áncoras
no ceo
e quedar colgados deste intre
 
durar
 
amarrados a esta luz. 
 
Dacosta Alonso, Marta. (2021). Notas sobre a extinción. Editorial Galaxia
 
Imaxe tomada na Pobra de Brollón (Lugo). Asesoría de bibliotecas escolares. 
 
En tempos confusos como os que vivimos, cómpre viaxar polas métaforas das imaxes e as palabras, asolagar as nosas bibliotecas de poesía, buscar acubillo en versos reparadores, descubrir a poética do  máis pequeno e próximo...
 
Nun curso no que "Escribir a biblioteca escolar", descubramos a poética da escritura. 
 
Recursos: 
 
Poéticas diversas nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

8M: Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero.

 
 
"A invisibilidade social da experiencia das mulleres non é <<un fracaso da comunicación humana>>. Trátase dun sesgo tramado a nivel social que persistiu moito despois de que a información acerca da experiencia feminina estea dispoñible (e a favor da cal mesmo se insistiu publicamente)."
 
Russ,J. (2019). Cómo acabar con la escritura de las mujeres. Barret & Dos Bigotes
 
Día Internacional da Muller 2023 reivindica os dereitos das mulleres  baixo o lema: "Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero", facendo un chamamento aos gobernos, aos movementos activistas e ao sector privado para acelerar os seus esforzos por conseguir un mundo dixital máis seguro, máis inclusivo e máis equitativo. Nun momento no que nos enfrontamos a múltiples crises globais, temos a posibilidade de crear un futuro mellor, non só para as mulleres e as nenas, senón para toda a humanidade e toda a vida na Terra.
 
Axenda 2030 marca como obxectivo número 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas deben apoiar a igualdade de xéneros e ofrecer lugares, e actividades, de encontro e empoderamento.
 
Na publicación elaborada polo Grupo de Traballo "Bibliotecas e Axenda 2030" do Consello de Cooperación Bibliotecaria: "A implicación das bibliotecas españolas na Axenda 2030"  apúntase que é tamén destacable o papel das bibliotecas, como institucións de fonte de coñecemento, á hora de acabar coa brecha de xénero, atender á diversidade de xénero, lograr a igualdade e  empoderar ás mulleres e as nenas. Concienciar, difundir e apoiar iniciativas na liña sinalada pola propia ONU: «a igualdade entre os xéneros non é só un dereito humano fundamental, senón a base necesaria para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible». Se se promove a igualdade no acceso á educación, á atención médica, a un traballo decente, e unha representación nos procesos de adopción de decisións políticas e económicas, impulsaranse economías sostibles, igualitarias e máis humanas. 
 
As bibliotecas  escolares de Galicia traballan, todo o curso, en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica. Arredor desta data promoven actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a creación, a busca e tratamento da información ...
 
Actividades nas bibliotecas escolares galegas:  
 

Día Mundial da Radio 2023: Radio e Paz

 

 
 
 
 
No ano 2013 a ONU aprobou a declaración da UNESCO do Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946. "Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión."  
 
Este ano, o duodécimo Día Mundial da Radio ten como lema: "Radio e Paz"En contextos de tensións afastadas ou inmediatas, os programas pertinentes e os informativos independentes sentan as bases dunha democracia sostible e unha boa gobernanza, ao reunir probas sobre o que está a ocorrer, informar os cidadáns respecto diso en termos imparciais e baseados en feitos, explicar o que está en xogo e mediar no diálogo entre os diferentes grupos da sociedade.
 
Un lema en sintonia co traballo das 167 bibliotecas escolares adscritas ao programa Radio na biblio nos tempos estraños que nos toca enfrontar,  que convida a seguir combatendo a desinformación e a traballar coa alfabetización mediática e informacional nas nosas comunidades educativas. 
 
Imaxe de CEIBE Radio, a emisora da biblioteca escolar do CEIP A Lama.
 
 

11F: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 
 
 No ano 2015, a ONU estableceu un Día Internacional para recoñecer o rol crítico que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e a tecnoloxía, a través da Resolución A/RES/70/212. A finalidade é lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.
 
Lembremos que a ciencia e a igualdade de xénero son vitais para alcanzar os ODS,  incluidos na Axenda 2030, nos que moitas das nosas bibliotecas escolares están a traballar.
 
Esta é unha data que cada ano se traballa máis nas bibliotecas cara a paliar a brecha de xénero nos sectores STEAM, visibilizando o traballo das mulleres nestas áreas e coñecendo as dificultades que atopan. Visitas de científicas, seleccións de lecturas, traballos de investigación e experimentación... son algunhas das actividades que ocupan os espazos científicos, creativos, manipulativos e colaborativos das mesmas.
 
Máis información:
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

Resolución da convocatoria do programa Lectura e Familias para o curso 2022/23

 

 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución do 2 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se dá a coñecer a relación de centros que reciben asignación para o funcionamento do programa de Lectura e familias, ao abeiro da convocatoria de 8 de novembro de 2022. Son 50 centros que se incorporan ao programa neste curso 2022/2023 e 44 centros que continuan no programa. 
 
 
Na imaxe, obradoiro do programa Lectura e Familias, ALFIN/AMI a través da robótica no CEIP de Pazos (Ferrol)
 
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Xornada Biblioteca Creativa 2022/23

 
 
O 10 de febreiro de 2023 celebrarase na EGAP a Xornada de Biblioteca Creativa que reunirá ás 148 persoas coordinadoras deste programa nas súas bibliotecas. Inaugurará a xornada Arantza Mariskal de Medialab-Tabakalera falando da biblioteca de creación e os laboratorios cidadáns e continuará con obradoiros simultáneos de escornabots, impresión 3D, prototipado, escrita creativa, narrativa transmedia, creación e creación audiovisual. Pecharán coas experiencias de tres centros que falarán da transformación dos espazos, recursos e dinamización de actividades.
 
 



  • #XBC23 

Día da Ilustración 2023

 
Cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración. Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en colaboración coa   Asociación de Profesionais da Ilustración . Unha data que serve para reivindicar o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou ilustradora histórico galego. Este ano a protagonista é María Antonia Dans, pintora "cunha profunda conciencia de xénero". 
 
Unha ocasión para traballar e reivindicar desde as bibliotecas escolares a historia da ilustración galega que non deixa de ser memoria do noso país. Para achegarnos ao valor propio das imaxes  máis aló dun cacompañamento da escrita. Neste ano para reivindicar, tamén, o traballo das mulleres no mundo da ilustración e a arte galega.
 
Tamén, unha oportunidade para poñer en valor o traballo de Siro autor do cartel deste ano, unhapoderosa imaxe da que seguro teremos moitas e variadas lecturas da historia da nosa literatura.
 
Nesta data, desde a Asesoría de bibliotecas escolares queremos poñer en valor o  traballo dos ilustradores e ilustradoras  ao longo de 15 anos de creación e de colaboración na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolares galegas, que iniciáramos en 2008 , e, de paso, celebrarmos estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros educativos. Imaxes que xurden dun coidado proceso de creación a partir do lema proposto. Imaxes que son testemuña gráfica da evolución das bibliotecas escolares galegas.
 
Ilustradores/as e creadores/as dos carteis anuais:  
 

Resolución definitiva da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2022/23

 

Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se dá a coñecer a relación de centros que reciben asignación para o funcionamento de clubs de lectura, segundo convocatoria de 26 de setembro de 2022, a través da cal se incentiva esta actividade de fomento da lectura en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2022/23. 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Resolución definitiva dos centros ás iniciativas de Voluntariado para o curso 2022/23

 

 
 
Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva dos centros que se adscriben a dúas das accións incluídas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, segundo a convocatoria deste programa do  30 de novembro de 2022.
 
VOLUNTARIADO DE LECTURA-A (alumnado de 5º e 6º de primaria): 75 centros inscritos. 
 
VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA ESCOLAR (alumnado de  secundaria e outras ensinanazas): 115 centros adheridos.
 
Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades  (Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa) en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
 

Resolución definitiva do Programa Biblioteca Creativa para o curso 2022/23

 

 
 
 
Portal Educativo publica a Resolución definitiva da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa coa relación dos 25 centros que se incorporan ao Programa Biblioteca Creativa no presente curso 2022/23, así como a relación de centros de continuidade e as asignacións económicas correspondentes.
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Lecturas nas que resgardarse

 

 

 

 

Un libro é unha especie de choza que podemos levar connosco, que abrimos, onde nos coamos, onde podemos volver...

 

Michéle Petit. LER O MUNDO. Kalandraka, 2018

 

Imaxe da biblioteca Maga Tomasa do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Navia-Vigo) 

 

Achéganse os días de lecer que coinciden cos primeiros días do inverno, co tempo frío e a pouca luz no exterior. Son ocasión fantástica para ocupar parte do tempo na lectura, sós ou en compañía de amigos ou familiares.

As bibliotecas escolares comezan a difundir as súas recomendacións de lectura (tamén de cine, música, xogos, apps, fontes dixitais de interese...). Diferentes en propostas, en contido, en deseño... todas elas responden ao interese dos equipos de biblioteca por facilitar  unha escolla axeitada á hora de agasallar . Buscan, tamén, que as lectoras e os lectores desenvolvan autonomía á hora de seleccionar as súas propias lecturas, aprendendo a mirar nos libros máis aló da súa capa e das estratexias do mercado, aprendendo a escoller con criterio.

Son propostas feitas desde a especialización dos integrantes dos equipos de biblioteca. Reflicten a variedade de oferta que a industria editorial galega e foránea pon a disposición das persoas lectoras. Son, pois, un instrumento para o fomento da lectura especialmente cando inclúen unha pequena recensión que orienta sobre o contido de cada un dos títulos seleccionados. Orientacións que inclúen a recomendación da compra no comercio de proximidade.

 

As bibliotecas escolares de Galicia recomendan espazos seguros nos que coarse:

 

 

 

Materiais da Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2022-2023

Xornada de bibliotecas escolares de Galicia 

Están xa dispoñibles en RedeBE para todo o profesorado interesado os materiais da Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2022-2023, celebrada en Compostela o pasado 12 de novembro e que reuniu, presencialmente, a preto de 800 persoas, entre participantes, relatores e asesoras de formación do profesorado.