A Consellería de Cultura e Educación e FEPROHOS porán en marcha o vindeiro curso os dous primeiros proxectos de Formación Profesional Dual na provincia de Pontevedra

O conselleiro e o presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría asinaron hoxe dous convenios para a formación de 30 alumnos, en colaboración cos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio

Serán tamén os primeiros proxectos de FP Dual na familias profesional de Hostalaría, no ciclo medio de Servizos en Restauración e no de Cociña e Gastronomía

Mér, 03/07/2013 - 16:22
 A Consellería de Cultura e Educación e FEPROHOS porán en marcha o vindeiro curs
A Consellería de Cultura e Educación e FEPROHOS porán en marcha o vindeiro curso os dous primeiros proxectos de Formación Profesional Dual na provincia de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra (FEPROHOS), César Sánchez Ballesteros,  asinaron hoxe dous convenios de colaboración para a posta en marcha dos dous primeiros proxectos de formación profesional dual na provincia de Pontevedra, en concreto na propia cidade do Lérez e mais en Vigo. Ao abeiro deste acordo, abrirase unha convocatoria para que 30 alumnas e alumnos se matriculen nos ciclos de grao medio en Servizos en Restauración no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra, 15 alumnos) e no de Cociña e Gastronomía no CIFP Manuel Antonio (Vigo, 15 alumnos) durante os cursos 2013/2014 e 2014/2015.

Trátase do cuarto e quinto proxectos de FP Dual que a Consellería pon en marcha, unha modalidade na que o vindeiro curso se terán beneficiado xa 75 alumnas e alumnos, grazas aos acordos asinados coas empresas Coremain, UNVI, Repsol e con FEPROHOS. Os asinados hoxe son, ademais, os primeiros relativos á familia profesional da Hostalería, unha das que máis profesionais emprega dos titulados na FP galega. Deste xeito a iniciativa supón un paso máis na estratexia que a Consellería de Cultura e Educación  está a desenvolver en prol dunha formación de calidade na que, coa axudadas empresas galegas, se facilite que o alumnado dos ciclos formativos compaxinen o seu período de estudos con traballo efectivo nunha situación real, o que contribúe á preparación dos estudantes para a súa entrada no mercado laboral.

De feito, o valor diferencial da FP Dual radica na combinación de formación curricular con traballo remunerado na empresa (arredor do 48 % dos 2 cursos que duran os ciclos), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. Os período formativos desenvolveranse nos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio, así como nas instalacións das empresas asociadas a FEPROHOS.

Ao acto, ademais dos asinantes, asistiron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o vicepresidente e a xerente de FEPROHOS, José González e Yolanda Gómez ; e a subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez Fernández. Ademais estiveron presentes o director do CIFP Carlos Oroza, Primitivo López Valcarce; e, en representación do CIFP Manuel Antonio, Manuel Hermo.

Servizos en Restauración

O proxecto no ciclo medio de Servizos en Restauración terá unha duración de 3.161 horas, ao longo de 2 cursos. Delas, 1.645 serán de formación, das que 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.049 horas impartiranse no CIFP Carlos Oroza e as outras 541 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 55 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.

Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 1.516 horas de traballo efectivo. Neste tempo o alumnado percibirá unha retribución a través do Programa de Bolsas Formación Profesional Dual – nacido ao abeiro da colaboración entre a Consellería e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA)- , cun importe que se fixará tomando como base o soldo mínimo interprofesional publicado para cada ano de duración do proxecto, e en proporción ao tempo de traballo efectivo na empresa do estudante. O importe desta bolsa, que os estudantes percibirán mes a mes, inclúe ademais a cotización ao réxime xeral da Seguridade social e as retencións tributarias exixibles.

A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:

Cociña e gastronomía

O proxecto no ciclo medio de Cociña e gastronomía terá unha duración de 3.160 horas, ao longo de 2 cursos. Delas, 1.627 serán de formación, das que 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.048 horas impartiranse no CIFP Manuel Antonio e as outras 542 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 37 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.

Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 1.533 horas de traballo efectivo. Neste tempo o alumnado percibirá unha retribución a través do Programa de Bolsas Formación Profesional Dual – nacido ao abeiro da colaboración entre a Consellería e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA)- , cun importe que se fixará tomando como base o soldo mínimo interprofesional publicado para cada ano de duración do proxecto, e en proporción ao tempo de traballo efectivo na empresa do estudante. O importe desta bolsa, que os estudantes percibirán mes a mes, inclúe ademais a cotización ao réxime xeral da Seguridade social e as retencións tributarias exixibles.

A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:

Seguimento do proxecto

Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora da alumna ou alumno, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, os devanditos CIFP designarán un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación co profesorado, e servir como interlocutor coa empresa.

Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, dos CIFP e de FEPROHOS.