O conselleiro de Cultura e Educación salienta o traballo da Fundación Lois Peña Novo para que o galego sexa lingua de uso cotián en todos os ámbitos
Xesús Vázquez Abad presidiu hoxe o acto de entrega dos XIX premios desta entidade, que recoñeceron o labor do Colexio de Avogados de Santiago, do Concello de Valga e de Clodio González Pérez en prol da normalización da nosa lingua propia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu na tarde de hoxe no Castelo de Soutomaior a entrega dos XIX premios Lois Peña Novo que recoñecen o traballo a prol da lingua galega. Neste acto, ao que tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o conselleiro salientou o traballo da Fundación Lois Peña Novo para a normalización da nosa lingua propia. Neste sentido explicou que os premios “póñenlle facianas, nomes e apelidos a unha aspiración. Dito doutro xeito: puntualmente cada ano, os membros da Fundación Lois Peña Novo estannos a lembrar que dita aspiración perderá tal condición, para converterse en realidade, unicamente co traballo efectivo, voluntarioso e altruísta das persoas que hoxe, coma as de onte, desde hai máis dun século, desexamos que o galego sexa en Galicia unha lingua de uso cotián”.
Deste xeito, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu o traballo de centos de persoas que, “coa estrela da lingua na fronte, puxeron os seus coñecementos, a súa formación e, sobre todo, o seu traballo a disposición deste proxecto galeguizador; moitas delas premiadas por esta fundación, na actual edición e nas 18 anteriores”.
Os galardoados
Na XIX edición, os premiados foron o Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, polo seu compromiso coa lingua galega durante máis de dez anos; o Concello de Valga, polo desenvolvemento dunha política lingüística efectiva; así como Clodio González Pérez, polo seu labor de investigación na etnografía galega.
Respecto do Colexio de Avogados de Santiago, o conselleiro salientou o seu “traballo impagable á hora de introducir o galego nun ámbito que durante séculos lle estivo negado como é o da xustiza. Un gran avance para a lingua nos nosos tempos – engadiu- e que hoxe recoñecemos e da que nos congratulamos, por ser esta unha entidade pertencente á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, que nos permite interactuar nun labor tan fundamental para nós como é a promoción do idioma propio”.
Así mesmo Xesús Vázquez cualificou o Concello de Valga, que tamén forma parte da Rede de Dinamización, como “un referente dun labor constante e ben feito”, que mereceu o recoñecemento a través destes galardóns, en atención á implicación do seu alcalde, José María Bello Maneiro, e á eficacia de María Xosé Fernández Devesa.
Ademais, o conselleiro agradeceu o traballo de estudosos e etnógrafos que, como Clodio González Pérez, “conseguiu cos seus traballos de investigación revelarnos tesouros valiosos ocultos ata que o seu ollo axexante e curioso nolos mostrou, sen nunca pedir nada a cambio”.
Os galardóns, entregados pola Fundación Peña Novo, foron seleccionados por un xurado composto pola secretaria xeral do Consello Galego de Relacións Laborais, Marisa Peña Cebreiro; o enxeñeiro facultativo da Consellería do Medio Rural, Xosé Carballido Presas; o técnico de Cultura do Concello de Moaña, Manuel Pérez Rúa; o funcionario do concello de Redondela e premiado da anterior edición, Gonzalo Amoedo López; e a secretaria da Fundación Lois Peña Novo, Carme Pérez Vaquero.