‘Peter Punk’ e ‘Rosalía Pequeniña’ chegan á Estrada e a Melón esta fin de semana, da man de Cultura e Educación

O novo circo e a música en directo centran as dúas iniciativas coas que FalaRedes 2013 complementa a oferta de actividades en lingua galega nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

Ven, 28/06/2013 - 10:12
‘Peter Punk’ e ‘Rosalía Pequeniña’ chegan á Estrada e a Melón esta fin de semana
‘Peter Punk’ e ‘Rosalía Pequeniña’ chegan á Estrada e a Melón esta fin de semana, da man de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria segue a desenvolver a programación de actividades dinamización lingüística con “FalaRedes 2013” nas localidades pertencentes á  Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Esta fin de semana os concellos  anfitrións das iniciativas “Peter Punk” e “Rosalía Pequeniña” serán A Estrada (Pontevedra) e Melón (Ourense), respectivamente.

‘Peter Punk’ dinamizando a lingua nas festas estivais

“Peter Punk” achégalle a lingua á mocidade, en formato de novo circo, no marco das festas do verán por medio dun espectáculo que percorrerá Galicia ata finais de setembro combinando as máis variadas técnicas circenses cun humor adaptado á realidade e á lingua galegas e cuns diálogos e números pensados especialmente para presentar o idioma de Galicia como parte esencial da vida cotiá dos galegos. Nela, o protagonista fai gala das súas destrezas en malabares e globoflexia para ofrecerlle ao público 60 minutos de humor retranqueiro.

A aposta responde a unha das propostas que integran a planificación de actividades da RDL para o ano 2013, aprobada polo seu Consello de Membros de decembro de 2012. O pase desta fin de semana terá lugar hoxe á tarde na localidade estradense, no marco das Festas do San Paio, e poderase gozar a partir das 18:00 horas na Praza do Concello (en caso de choiva trasladarase ao Teatro Principal).

Toda a información sobre “Peter Punk” e o seus calendario pódense consultar en www.xunta.es/linguagalega/peter_punk.

‘Rosalía Pequeniña’

Ademais da programación propia da RDL, a Secretaría Xeral de Política Lingüística complementa ata finais de ano a oferta de actividades de lecer en galego coa segunda edición do programa “FalaRedes”, que ofrece entre as súas propostas o concerto musical familiar “Rosalía Pequeniña”, co gallo da celebración dos 150 anos da publicación dos “Cantares” rosalianos.

Na proposta musical, a excepcional cantante Uxía e o guitarrista brasileiro Sérgio Tannus interpretan en directo os poemas máis coñecidos da nosa poetisa máis emblemática. Fano a ritmo de muiñeira, rock ou blues renovando a imaxe da poesía fundacional do Rexurdimento galego e demostrando a vixencia das súas letras para achegárllelas á xente miúda da casa e ás súas familias por medio do afecto, da palabra cantada e da música.

Esta fin de semana poderase gozar na localidade ourensá de Melón, cunha función de entrada gratuíta o domingo ás 17:30 horas no Centro Cultural.

A partir da semana que vén, arranca “Augalingua”, outra das propostas de “FalaRedes” que circularán pola RDL durante o mes de xullo para dinamizar a lingua galega por medio de xincanas infantís nas piscinas municipais ou praias fluviais de 16 localidades.

Toda a información sobre “FalaRedes 2013” está dispoñible no web www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

Rede de Dinamización Lingüística

A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxectivo prioritario de estableceren e consolidaren vías de colaboración, de cooperación e de coordinación as administracións local e autonómica. Os seus principais propósitos son ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio social e favorecer a súa visibilidade.

Na actualidade forman parte desta RDL máis de 150 organizacións, na súa meirande parte concellos e deputacións, mais tamén macomunidades, consorcios ou outros organismos como o Consello da Cultura Galega.

Máis información en www.xunta.es/linguagalega/rede_de_dinamizacion_linguistica.

 

Menús News node R