Cultura e Educación e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao clausuran o programa ‘Atrévete 2013’ que trasladou o espírito emprendedor ao alumnado ourensán

A iniciativa enmarcouse no Plan da Consellería de Emprendemento do Sistema Educativo de Galicia (‘Eduemprende’)

director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, entregou hoxe os premios do concurso ‘Atrévete a ter unha idea’

Ven, 21/06/2013 - 14:09
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira participou esta mañá na entrega de premios relativos ao concurso ‘Atrévete a ter unha idea’ no marco do programa 'Eduemprende Atrévete Ourense 2013'

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira participou esta mañá na entrega de premios relativos ao concurso ‘Atrévete a ter unha idea’ no marco do programa Eduemprende Atrévete Ourense 2013. O proxecto, clausurado no día de hoxe, é froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas e foi materializado o pasado mes de abril a través dun convenio de colaboración. O obxectivo de ambas as dúas institucións diríxese ao desenvolvemento de diferentes iniciativas para o fomento do emprendemento entre a cidadanía ourensá. O programa ‘Eduemprende Atrévete Ourense’, encadrado no Plan de Emprendemento do Sistema Educativo de Galicia (Eduemprende), impulsa o espírito emprendedor entre o alumnado de 6º de primaria dos centros educativos da provincia. No acto de clausura do programa, celebrado na sede da Asociación do Polígono San Cibrao das Viñas, tamén estivo presente o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, José Elías Mera Martínez, e o alcalde da localidade, Manuel Pedro Fernández Moreiras.

O concurso ‘Atrévete a ter unha idea’ premia cun ebook as tres mellores ideas do alumnado para a posta en marcha dun negocio. Desta volta os galardoados foron Alba Rodríguez González, do CEIP A Ponte, grazas ao traballo ‘Everywhere toys’; Iria da Mota Díaz, do CEIP Rogelio García Yáñez-Ramirás, polo seu proxecto ‘Electriria vive a electricidade’; e Cristina Guilera Iglesias, do CEIP Vistahermosa, por ‘Crealibro’.

Asemade, no marco do programa ‘Atrévete Ourense’, realizáronse xornadas de fomento do emprendemento na sede da asociación no polígono de San Cibrao das Viñas, que se combinaron con visitas a empresas da zona industrial e relatorios de persoas que decidiron iniciar a súa propia andaina profesional neste eido. Desta forma facilítase o coñecemento por parte do alumnado do tecido produtivo da provincia..

Emprendemento desde a infancia

A través desta iniciativa, no marco do Plan Eduemprende, a Consellería busca inculcar desde as etapas iniciais do ensino o espírito de esforzo e emprendemento entre as alumnas e alumnos, fomentando o seu interese pola posta en marcha de proxectos que contribúan ao avance da nosa sociedade. Cómpre salientar que este curso están xa a desenvolverse, coa axuda do Plan Eduemprende, 20 proxectos empresariais nos 9 viveiros de empresa que se atopan en funcionamento en centros educativos galegos, nos que –no marco da iniciativa FP Emprende– se presta asesoramento persoal e recursos materiais de forma gratuíta para a constitución de empresas, cun profesor titor e co apoio de equipo docente. Ademais, as iniciativas Actúa, Simula e Avanza fomentan a cultura emprendedora do alumnado desde este mesmo plan.