Cultura e Educación resolve as axudas á edición de materiais didácticos para impulsar o galego nas aulas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral de Política Lingüística ás editoriais que publiquen na lingua propia de Galicia recursos didácticos para o ensino non universitario

Mediante esta liña de axudas o departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad potencia a oferta de materiais educativos en galego e favorece o tecido da industria editorial de Galicia

Xov, 20/06/2013 - 19:13
Cultura e Educación resolve as axudas á edición de materiais didácticos para imp
Cultura e Educación resolve as axudas á edición de materiais didácticos para impulsar o galego nas aulas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a orde de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 25 de xaneiro de 2013.

Con estas axudas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende garantir unha oferta ampla e de calidade de material educativo, que favoreza a aprendizaxe en galego nas aulas, amais de apoiar o sector editorial galego, xa que a meirande parte dos proxectos escollidos foron presentados por empresas da nosa Comunidade.

A Consellería destina 250.000 euros a apoiar a edición de recursos didácticos curriculares de ensino non universitario, tanto en formato impreso como en formato dixital, nunha convocatoria que abrangue tamén a confección de recursos educativos complementarios (outros materiais que afonden no coñecemento dos bloques temáticos recollidos nos currículos).

Apoio ao sector editorial galego

En virtude da resolución destas axudas, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia a viabilidade de 43 propostas didácticas das 114 solicitudes que concorreron á concesión das axudas.

As empresas editoriais adxudicatarias das subvencións son un total de 12: Edicións Xerais de Galicia S.A.; Vicens Vives Primaria S.A.; Ediciones Vicens Vives S.A.; Xerme Edicións S.L.; Editorial Luis Vives – Tambre, Editorial Galaxia S.A.; Galinova Editorial S.L.; Ediciones Don Bosco (Editorial Rodeira – Edebé); Servipost Editores S.L.; Baía Edicións A Coruña S.L.; Lado Lago, Xoán Antón (2.0 Editora) e Edicións Obradoiro S.L. (Grupo Santillana).

O texto íntegro da resolución publicada no Diario Oficial de Galicia pódese consultar no web www.xunta.es/linguagalega.

Criterios de valoración das propostas

A valoración dos proxectos presentados realizouse, dunha banda, en función da súa orixinalidade (primando obras de creación propia sobre as adaptacións) e da súa calidade, que se mediu en función da adecuación dos materiais didácticos ao currículo establecido, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos intereses e coñecementos do alumnado destinatario, do tratamento dos valores democráticos, do axeitamento á realidade galega e, por suposto, da calidade da lingua e da súa adecuación ao nivel académico do alumnado.

Ademais dos criterios mencionados anteriormente, a comisión de valoración das solicitudes tamén deu prioridade ás propostas dirixidas aos seguintes ámbitos de ensino: materiais para aulas virtuais (Programa Abalar), materiais específicos de atención á diversidade e programas de cualificación profesional inicial e programas de diversidade curricular, educación infantil, áreas de impartición non obrigatoria en galego, e materiais que estean destinados ao alumnado inmigrante e/ou que utilicen soportes audiovisuais.

Contribuír á aprendizaxe en lingua galega nas aulas

A través destas subvencións a Consellería de Cultura e Educación quere garantir unha oferta de material educativo en galego no ensino regrado que sexa á vez ampla e con calidade científica e pedagóxica. Deste xeito, dáselles cumprimento ás disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e mais na Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia referentes ás obrigas da Xunta con respecto ao fomento de materiais didácticos en lingua galega para as áreas que se imparten neste idioma.

Ademais, as cumpren a recomendación do Plan xeral de Normalización da Lingua Galega de promover materiais didácticos “en soportes diversos que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz”.

Menús News node R