Cultura e Educación resolve o concurso ´Imaxina Cantares!’ de audiovisuais baseados na obra de Rosalía de Castro

A consellería dirixida por Xesús Vázquez impulsou este certame para facer partícipes aos equipos de dinamización da lingua galega da conmemoración dos 150 anos da publicación de’Cantares gallegos’

Mar, 18/06/2013 - 16:40
 Cultura e Educación resolve o concurso ´Imaxina Cantares!’ de audiovisuais base
Cultura e Educación resolve o concurso ´Imaxina Cantares!’ de audiovisuais baseados na obra de Rosalía de Castro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo público hoxe nos webs www.xunta.es/linguagalega e www.edu.xunta.es o fallo do xurado que valorou os traballos presentados ao certame “Imaxina cantares!” de curtas baseadas no poemario rosaliano “Cantares gallegos”.

Trátase dun concurso convocado pola Consellería a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa co gallo de conmemorar desde os equipos de dinamización da lingua galega  (EDLG) o 150.º aniversario da publicación da obra que marcou o inicio do Rexurdimento galego. Os case 100 traballos presentados, vídeos de menos de 10 minutos de duración elaborados por ata tres alumnos e un profesor do EDLG, reinterpretan poemas de Rosalía de Castro empregando diferentes técnicas audiovisuais.

Seis traballos premiados

Na categoría de educación infantil, os premiados foron o CRA Nosa Señora do Faro, de Ponteceso, por “Cociñamos con Rosalía” e a EEI de Lañas, da Baña, por “Viches a Rosalía?”. En educación secundaria obrigatoria obtivo o primeiro premio o IES As Barxas, de Moaña, por “Non teño medo” e o segundo, o IES As Bizocas, do Grove, por “Cantares cen anos despois”. Na categoría de bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais, outorgóuselle o primeiro premio ao IES Aquis Celenis, de Caldas de Reis, por “Agora é outro cantar” e o segundo ao IES A Guía, de Vigo, por “Eu ben vin estar o moucho”. Os centros educativos de procedencia dos EDLG gañadores reciben 300 euros no caso do primeiro premio e 200 no caso do segundo. Ademais, o profesorado responsable obtén unha certificación de Premio de Innovación Educativa.

O xurado, en vista da calidade dos traballos presentados, decidiu outorgarlles tamén mencións de honra ao CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos; ao CEIP da Barqueira, en Cerdido; ao CEE O Pedroso de Santiago de Compostela e ao IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos.

Creatividade en lingua galega

Ademais de celebrar o 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”, o certame “Imaxina cantares!” tiña por obxectivos dinamizar o uso da lingua galega entre o alumnado; fomentar a creatividade neste idioma e promover a súa presenza en novos espazos e soportes e mais fomentar a participación e o traballo en equipo.

Deste xeito, esta iniciativa únese a outros programas da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación para fomentar nas aulas a creatividade audiovisual en galego, como “Nós tamén creamos!”, que se fallará nos próximos días. Tamén ao traballo constante de moitos EDLG que ven nas TIC e no audiovisual unha vía de promoción da lingua galega, que posibilita ligala a focos de interese dos nenos e mozos e asociada ás técnicas e modos de comunicación máis actuais.