Cultura e Educación participa na entrega do VI Premio ‘Voz de Liberdade’ do Centro PEN Galicia a Salvador García-Bodaño

No acto participaron os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística

O galardón recoñécelle ao autor o compromiso e a firme loita pola democracia e polos dereitos políticos, sociais e culturais de Galicia, reflectidos na súa produción xornalística

Ven, 14/06/2013 - 20:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada nos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, participou este serán en Santiago no acto de entrega do VI Premio “Voz de Liberdade”, promovido polo Centro PEN Galicia, ao poeta e académico da lingua galega Salvador García-Bodaño.

No acto, que se desenvolveu na sede da Fundación Novacaixagalicia, participaron tamén o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o dramaturgo Euloxio R. Ruibal; o poeta Arcadio López-Casanova e o pintor Antón Pulido. No seu transcurso, o condutor do evento, Xavier Castro, deulle lectura a unha carta do presidente do PEN International, John Ralston Saul.

A entrega completouse cun recital poético a cargo de Xavier Seoane, Ana Romaní, Miguel Anxo Fernán-Vello e Román Raña, no que tamén declamou o galardoado. O cantautor Manoele de Felisa foi o encargado de pechar o acto con interpretacións á guitarra de pezas de Rosalía de Castro e do propio Salvador García-Bodaño.

VI Premio ‘Voz de liberdade’

O Premio “Voz de Liberdade” promóveo, con carácter bianual desde o ano 2003, o Centro PEN Galicia en recoñecemento a traxectorias de escritores e escritoras galegas que destacan na súa defensa da liberdade de expresión.

O xurado da VI edición, integrado por Luís González Tosar (presidente), Xavier Castro (secretario), Miro Villar, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva, salientou o “compromiso do autor e a firme loita pola democracia e polos dereitos políticos, sociais e culturais do noso país” á hora de outorgarlle o galardón, por unanimidade, a García-Bodaño.

Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel e María Xosé Queizán foron os autores e autoras cuxa traxectoria recoñeceu o Premio nas anteriores edicións.

Salvador García-Bodaño

Salvador García-Bodaño naceu en Vigo no ano 1935 e encádrase na Xeración dos 50, destacando na súa poesía a temática de Galicia e da muller. Foi cofundador do grupo “O Galo” e deu ao prelo numerosos títulos, entre os que figuran “Ao pé de cada hora” (1967), “Tempo de Compostela” (Premio da Crítica Española, 1978) e o libro de relatos “Os misterios de Monsieur D’Allier" (Premio da Crítica, 1993). Tamén traduciu abondas obras doutras linguas ao galego.

É integrante numerario da Real Academia Galega desde o ano 1992 e conta con numerosos premios e recoñecementos á súa traxectoria literaria e ao seu labor como promotor da lingua e da cultura propias de Galicia. Entre eles, cómpre salientar o Premio Cultura Galega das Letras 2012, galardón co que a Xunta de Galicia lle recoñeceu o seu valor literario como gran voz da súa xeración e o seu papel activo en diferentes iniciativas culturais.

Menús News node R