Cultura e Educación e mais Supervisión e Control premian a proposta do CIFP Someso a prol da seguridade viaria no certame ‘Reinventa a ITV, inventa o teu futuro’

O conselleiro presidiu hoxe a entrega do galardón, grazas ao cal cada un dos membros integrantes do equipo terán unha bolsa de formación remunerada dun ano de duración nun dos centros de ITV de Galicia. O seu centro, o CIFP Someso, recibirá unha achega de 5.000 €

Ven, 14/06/2013 - 12:04
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe a entrega do premio do concurso ‘Reinventa a ITV, inventa o teu futuro’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe a entrega do premio do concurso ‘Reinventa a ITV, inventa o teu futuro’, a través do cal o seu departamento e a empresa concesionaria da inspección técnica de vehículos, Supervisión y Control S.A. apostaron pola Formación Profesional como porta de entrada ao mundo de traballo e como vía de formación de profesionais cualificados para dar resposta ás necesidades do tecido socioprodutivo de Galicia.

O premio, unha bolsa de formación remunerada dun ano de duración nun centro de ITV para cada un dos alumnos do equipo - a través do programa de bolsas de formación de Feuga-, e 5.000 euros para o centro educativo, acadouno o CIFP Someso. No acto de entrega participou o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces; o presidente de Inversiones Finisterre, Amador de Castro; o presidente de Supervisión y control, José Luis Álvarez; o presidente do xurado, Luis Moya; ademais dos membros dos equipos finalistas e os directores dos seus centros.

Proxectos finalistas

O certame convidou ao alumnado de segundo curso do ciclo superior de Automoción de centros públicos da nosa comunidade autónoma a ser unha fonte de ideas para a mellora de ITV.  Tras unha fase de visitas a estes centros, 17 equipos de estudantes presentaron os seus proxectos, dos que resultaron finalistas os CIFP Ferrolterra, Someso e Valentín Paz Andrade.  Durante a súa intervención o conselleiro sinalou o labor realizado polos participantes no certame, “un importante traballo, fundamental para o avance dos sectores produtivos galegos e da sociedade en xeral. Visitastes estacións de ITV, observastes o seu funcionamento e, a partires de aí, propuxestes melloras. Parece un exercicio sinxelo, pero estou seguro de que poucos profesionais se decatarían da pertinencia dos cambios que propoñedes se non llos mostrarades vós, co voso mirar curioso e cabeza chea de ideas”, dixo.

Dos proxectos finalistas, o CIFP Ferrolterra propuxo un novo deseño de estacións de ITV, baseado nun novo equipo multifunción que permita realizar as comprobacións de freos, suspensión e probas de foso nun mesmo box, evitando desprazamento do vehículo, minimizando os tempos mortos. Pola súa parte, o CIFP Valentín Andrade presentou un proxecto que inclúe unha campaña de concienciación a través de medios de comunicación e redes sociais para informar ao usuario da importancia deste servizo, así como unha aplicación de móbil para pedir cita e outras accións para a difusión da ITV. O proxecto gañador, do CIFP Someso, consiste nun estudo da necesidade de implantación de sistemas de diagnose para evitar o intento de engano por parte dos usuarios para superar o proceso de inspección con fallos en sistemas claves para a seguridade viaria.

O conselleiro felicitou aos gañadores e animounos a sacar o máximo proveito á nova etapa que lles chega agora. “A bolsa de formación que ides recibir cada un de vós como premio é unha oportunidade única para que completedes as competencias que vos ensinaron no voso centro ao longo do ciclo, e que agora ides poñer en práctica. Estou seguro de que sodes conscientes do privilexio que este período de aprendizaxe supón para vós, e de que saberedes aproveitalo para ampliar os vosos coñecementos e experiencia e conseguir un mellor currículo para entrar no mercado laboral. En canto ao premio económico que vai recibir o CIFP Someso – engadiu- só podo expresarlles a miña total confianza en que o van investir en seguir mellorando para ofrecer á sociedade galega profesionais como os que hoxe nos acompañan e que son quen de achegar proxectos tan innovadores”.

Emprendemento e esforzo

Xesús Vázquez salientou a importancia de promover o espírito emprendedor e empresarial en todas as etapas educativas, unha estratexia que están a desenvolver en conxunto as Consellería de Cultura e Educación e de Economía e Industria a través do Plan Eduemprende, considerando que o emprendemento é “unha competencia básica que facilitará a entrada no mundo laboral do alumnado,a demais de un estímulo para o resto da sociedade cara á mellora”.

Na mesma liña o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceulle a Supervisión y Control o seu apoio á FP galega e aos seu alumnado. Ademais, convidou a todas e todos a tomar exemplo dos estudantes participantes no concurso. “Pasamos por unha situación difícil, é certo. Pero a ilusión que amosaron todos os participantes do certame, o seu esforzo por aprender e mellorar, é a mellor baza que temos para saír adiante con éxito”, salientou.