Conclúe ‘Espello Deportivo’, que Cultura e Educación levou con gran éxito a 35 concellos da Rede de Dinamización Lingüística para impulsar o uso do galego no deporte

O programa desenvolveu encontros en escolas deportivas municipais cos medallistas Sofía Toro, Juan Antonio Saavedra e Chano Rodríguez, nos que tamén participou o actor ourensán Rubén Riós

O derradeiro coloquio en localidades da Rede cos deportistas terá lugar hoxe á tarde en Vilagarcía de Arousa

Ven, 14/06/2013 - 10:30
Encontro "Espello Deportivo"
Encontro "Espello Deportivo"

O programa de dinamización lingüística no eido deportivo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, “Espello Deportivo” chega ao seu fin hoxe á tarde en Vilagarcía de Arousa, logo de desenvolver un total de 35 encontros con deportistas de elite noutras tantas localidades pertencentes á RDL.

“Espello Deportivo” botou a andar no mes de abril, baixo a xestión da empresa Claqueta Coqueta, co obxectivo de dinamizar o uso do galego entre a mocidade deportista achegándolle a lingua galega a través da súa maior afección. O nadador paraolímpico Chano Rodríguez, o tirador paraolímpico Juan Antonio Saavedra e mais a regatista olímpica Sofía Toro percorreron a xeografía galega dando a coñecer as súas experiencias e a súa relación co galego como valor identitario na competición internacional. No marco do programa, os protagonistas vencellaron o uso do idioma cos valores positivos do deporte, como o liderado, o esforzo, o afán de superación ou a tenacidade.

Nos encontros, dirixidos polo coñecido actor Rubén Riós, proxectáronse vídeos monográficos protagonizados por cadanseu medallista para dar a coñecer as súas traxectorias vitais e deportivas. A partir deles, Sofía Toro, campioa nos Xogos Olímpicos de Londres; Chano Rodríguez, 16 veces medallista paraolímpico, e Juan Antonio Saavedra, gañador dunha medalla de prata nos Xogos Paraolímpicos de Londres, fixeron partícipes aos seus seareiros das súas experiencias persoais dándolles oportunidade de coñecer con detalle as súas traxectorias en coloquios distendidos e dinámicos que tiveron como colofón un divertido fotocol no que participaron tanto os protagonistas coma os asistentes aos encontros.

O derradeiro encontro en localidades da RDL terá lugar hoxe á tarde ás 17:00 horas no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, coa regatista coruñesa Sofía Toro como anfitrioa do coloquio.

Encontros en 35 puntos de Galicia

Nunha intensa xira polos concellos da RDL, o calendario de “Espello Deportivo” contemplou máis dunha trintena de localidades de toda a xeografía galega (Outes, Cabana de Bergantiños, Boiro, Ribeira, Cambados, Ortigueira, Rois, Corcubión, Santa Comba, Muxía, Xove, Cee, Teo, Vedra, Bergondo, Ames, Carral, A Pobra do Caramiñal, Aranga, Arzúa, Mesía, Padrón, Barbadás, Ourense, Xinzo de Limia, O Carballiño, Ferrol, Santiago de Compostela, O Barco de Valdeorras, Arteixo, Celanova, Ribadavia, Verín, Bande e Vilagarcía de Arousa).

Programación da RDL para o 2013

“Espello Deportivo” forma parte da programación anual de actividades da RDL para 2013 que o seu Consello de Membros aprobou, a proposta da Área Técnica, en decembro de 2012. Canda a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, financian esta iniciativa dúas das deputacións que participan na RDL, a Coruña e de Ourense. Os municipios aos que chega “Espello Deportivo” contribúen ao programa ofrecendo as súas instalacións e apoio técnico para a súa coordinación.

Ademais de “Espello Deportivo”, a RDL ofrece arestora outras iniciativas que inciden na promoción do uso do galego desde o ámbito local, como son “FalaRedes 2013” ou “Peter Punk”, cuxa programación en concellos da RDL se pode consultar en www.xunta.es/linguagalega.

A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que a día de hoxe suma máis de 150 entidades de Galicia, co obxectivo prioritario de estableceren e consolidaren vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica.

Os seus principais propósitos son os de ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio social e favorecer a súa visibilidade.

Toda a información sobre ‘Espello Deportivo’ está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/espello_deportivo.

Menús News node R