A Consellería de Cultura e Educación presupostará para o ano que vén a redacción do proxecto do novo CEIP Sagrado Corazón se o Concello de Lugo realiza as modificacións urbanísticas necesarias no prazo de 6 meses

O secretario xeral técnico condicionou tamén o rozamento para o 2014 a que o Goberno municipal teña avanzado neste mesmo prazo de 6 meses na adquisición dos terreos

Deste xeito, o novo centro podería estar listo para o funcionamento antes de 2018, ano no que remata a cesión do edificio que ocupa na actualidade

Cómpre lembrar que a Consellería solicitou esta parcela ao Concello xa en febreiro de 2012

Xov, 13/06/2013 - 16:44

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presupostará para o próximo 2014 aredacción do proxecto do novo CEIP Sagrado Corazón, en Lugo, sempre e cando o Concello teña realizado no prazo de 6 meses as pertinentes modificacións urbanísticas para que os terreos que propoñen sexan susceptibles de ser empregados como equipamento público, así como – no mesmo prazo- o goberno municipal teña avanzado nos trámites para a adquisición da parcela. Deste xeito, o novo centro podería estar listo para o funcionamento antes de 2018, ano no que remata a cesión do edificio que ocupa na actualidade. Neste sentido cómpre salientar que a Consellería solicitou ao Concello xa en febreiro de 2012 que puxera a disposición terreos para a construción dun novo edificio para este colexio.

O secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, visitou esta mañá os terreos propostos polo Concello, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez; polo xefe territorial da Consellería en Lugo, José Jesús Ramos Ledo; e pola xefa de servizo da Unidade Técnica en Lugo, Ana Soutelo; despois de reunirse esta mañá co alcalde, Xosé Clemente López Orozco.

O secretario xeral técnico considerou, á espera dun informe técnico pormenorizado, a parcela parece axeitada. Aínda así, solicitou ao goberno municipal incrementar a súa extensión máis aló dos 8.100 metroscadrados mínimos esixidos, debido á inclinación do terreo, e para dar cabida a un posible crecemento do colexio no futuro.

No caso de que o goberno municipal realice os cambios pertinentes, consistentes nunha modificación puntual do Plan Parcial, e teña avanzado na data fixada na adquisición dos terreos, os orzamentos de 2014 de Cultura e Educación incorporarán unha partida para a redacción do proxecto deste colexio, un compromiso da Consellería coa comunidade educativa lucense, que está a demandar o novo edificio.

Menús News node R