Cultura e Educación participa na presentación de dous vocabularios galego-italiano de hostalería e gastronomía editados pola USC

O secretario xeral de Política Lingüística participou na rolda de prensa que tivo lugar no Centro de Formación e Cultura Gastronómica da Asociación Hostelería Compostela

As dúas ferramentas terminolóxicas desenvolven directrices marcadas polo Plan xeral de normalización da lingua galega no referente á implementación do corpus do idioma propio de Galicia

Mér, 12/06/2013 - 20:50
Valentín García na presentación do Vocabulario
Valentín García na presentación do Vocabulario

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García Gómez, participou hoxe na rolda de prensa de presentación de dous novos recursos terminolóxicos orientados a facilitar o uso do galego no sector do turismo e da restauración. Trátase doVocabulario Galego-Italiano: Hostalería (aloxamento, restauración, economía, lecer, viaxe) e mais o Vocabulario Galego-Italiano: Gastronomía, ambos os dous editados pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

No acto, que tivo lugar no Centro de Formación e Cultura Gastronómica da Asociación Hostelería Compostela, participaron, canda García Gómez, a concelleira compostelá de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés, a autora das publicacións, catedrática de Filoloxía Italiana e investigadora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Isabel González Fernández; os presidentes da asociacion Hostelería Compostela, Xosé Manuel Otero e Xesús Sordo; e o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González.

En palabras de García Gómez as dúas ferramentas terminolóxicasEscrito por:“constitúen pontes de comunicación que inciden na visibilidade da lingua propia de Galicia e na súa proxección no mundo por medio do sector turístico, hostaleiro e gastronómico”, amais de “desenvolveren directrices que marca o Plan xeral de normalización da lingua galegano referente á implementación do corpus do idioma propio de Galicia, que nos sinalan a necesidade de seguirmos elaborando vocabularios sistemáticos plurilingües das linguaxes de especialidade”.

O secretario xeral gabou a iniciativa da USC de impulsar os manuais “co obxectivo de atender as necesidades concretas dos ámbitos directamente relacionados co turismo no eido da comunicación, dado o interese progresivo acerca da planificación deste ámbito e da súa proxección, que están a emerxer nos sectores profesional, institucional e docente”.

Ferramentas de utilidade para a hostelería e a restauración

O Vocabulario Galego-Italiano: Hostalería (aloxamento, restauración, economía, lecer, viaxe) e o Vocabulario Galego-Italiano. Gastronomía constitúen dúas ferramentas de utilidade no eido do turismo e da restauración que veñen cubrir as necesidades terminolóxicas específicas dos sectores gastronómico e hosteleiro.

Complementan, asemade, o Dicionario italiano-galego galego-italiano que editou a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, baixo a coordinación de Isabel González, no ano 2000, e que se pode consultar aquí http://www.cirp.es/pub/docs/varios/dicItaGal.pdf.

Menús News node R