A Consellería de Cultura e Educación participa na entrega dos Premios autonómicos de Relato Curto de Coca-Cola
O secretario xeral técnico expresou o seu desexo de que estes rapaces “sementen, en non demasiado tempo, as nosas letras de grandes obras mestras”
No acto celebrado no NH Obradoiro premiáronse os 42 rapaces e nomeouse á gañadora autonómica, Elvira Fe Nerfellas, que competirá cos gañadores das outras comunidades polos 6 postos finalistas.
O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, participou no serán de hoxe na entrega dos 53ª Premios de Relato Curto de Coca-Cola enmarcados no Concurso de Talentos Mozos que a compañía organiza nas 17 comunidades españolas e celebrada no NH Obradoiro. Nesta ocasión repartíronse 42 premios aos rapaces e rapazas galegas, 6 galardoados autonómicos por cada cidade: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Entre todos eles designouse tamén a gañadora autonómica, Elvira Fe Nerfellas Rodríguez, do Instituto Laxeiro de Lalín, que competirá con outros 16 gañadores autonómicos polos 6 postos finalistas do concurso e terá como premio unha viaxe a Londres.
O secretario xeral expresou o seu desexo de que estes rapaces “sementen, en non demasiado tempo, as nosas letras de grandes obras mestras”. Deste xeito vinculou os premios de Relato Curto co éxito posterior xa que “antes que vós, neste certame foron premiados xornalistas, escritores, directores de cine, columnistas e poetas, hoxe moi recoñecidos no seu labor”, entre os que destacou a Ángeles Caso, Luís Felipe Sahagún, Lucía Etxebarría, Blanca Andreu ou Alejandro Amenábar.
Na súa intervención, Jesús Oitavén agradeceu a Begano “a súa confianza no talento da mocidade e o seu apoio á escritura creativa durante todos estes anos, mantendo vivo un concurso que resulta ser unha inspiración para o noso alumnado e unha vía para fomentar a lectura e a escritura nas aulas”.
O Premio de Relato Curto de Coca-Cola está dirixido a mozos de segundo de ESO que participan a través dos seus colexios. O profesor de literatura é o encargado de practicar o relato curto en clase e seleccionar aos alumnos que representarán ao colexio. A proba escrita realízase de xeito simultáneo en toda España cun estímulo narrativo diferente en cada edición. Un xurado de especialistas selecciona aos 17 gañadores autonómicos e entre eles aos 6 finalistas. Posteriormente un xurado estatal composto por profesionais do mundo da literatura e da comunicación decide os 3 finalistas de cada edición.
Historia
Con máis de 50 anos de existencia, o Concurso Talentos Mozos – Premio de Relato Curto é un dos premios literarios máis lonxevos de España no que levan participado máis de 10 millóns de rapaces e rapazas. O obxectivo do proxecto de Coca-Cola enmárcase en que os estudantes de España se inspiren e expresen escribindo. O certame, que moitos docentes definen como pioneiro na súa especialidade, ten un carácter único pola súa infraestrutura e o seu alcance nacional, transparencia e tradición.
En 1961 celebrouse a primeira edición do chamado, por aquel entón, Concurso Interescolar de Redacción. A iniciativa para impulsar a cultura incentivando aos nenos de 13 e 14 anos a escribir contou co apoio do Ministerio de Cultura da época.
O desenrolo deste concurso é una mostra mais do espectacular crecemento da Literatura Infantil e Xuvenil nos últimos tempos. Para os rapaces, o premio é un incentivo e un xeito de demostrar ao mundo as súas capacidades.