A Consellería de Cultura e Educación e o Consello da Cultura reúnen a un coro de máis de 450 nenas e nenos para homenaxear a Rosalía cun concerto dos seus versos
O conselleiro e o secretario xeral de Cultura asistiron estat arde ao concerto ‘No bico un cantar’, celebrado en San Domingos de Bonaval, no marco da celebración do 150.º aniversario de ‘Cantares Gallegos’
No recital participou alumnado de entre 8 e 14 anos de todos os conservatorios dependentes da Consellería e de outras institucións que imparten ensinanzas musicais
A rapazada participante foi recibida esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia, onde tivo a oportunidade de facer unha visita polos diferentes espazos do complexo do Gaiás
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; asistiu esta tarde ao concerto No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía, unha iniciativa coa que a Consellería e o Consello da Cultura Galega homenaxean á nosa máis recoñecida autora, no marco do programa de actividades impulsado pola Xunta de Galicia e outras entidades para conmemorar o 150.º aniversario da publicación de Cantares Gallegos. No acto, conducido pola escritora Fina Casalderrey, estiveron presentes ademais a vicepresidenta do CCG, Rosario Álvarez; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O recital, que se celebrou na Igrexa de San Domingos de Bonaval –onde repousan os restos mortais da escritora–, reuniu a un coro de 474 nenos e nenas de entre 8 e 14 anos de todos os conservatorios dependentes da Consellería e de outras institucións que imparten ensinanzas musicais para cantar versos rosalianos baixo a dirección do Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do CCG.
O conselleiro sinalou este concerto como “un dos máis importantes e emotivos de todos os actos que se levan feito e se farán en Galicia este ano para celebrar o cento cincuenta aniversario de Cantares Gallegos. Xesús Vázquez salientou o traballo dos nenos e os seus profesores para preparar as pezas musicais que hoxe se interpretaron, “esforzo de axustar a interpretación ao son do conxunto, a xenerosidade e solidariedade de poñer a voz de cada unha, de cada un, ao servizo do grupo”. Neste sentido agradeceulles a súa participación na iniciativa así como a implicación do consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave e dos directores dos conservatorios e escolas de música. Sei que este concerto vai quedar na vosa memoria por moitos anos que pasen. E tamén na de todos os que teremos a fortuna de escoitalo, dixo.
O concerto ten para as rapazas e rapaces un dobre valor. Por unha banda significa unha recompensa ao esforzado traballo que día a día realizan na súa formación musical, que lles ocupa boa parte do horario extraescolar. Por outra, supón que os máis novos entren en contacto con obras dos mellores compositores e grupos musicais galegos de diferentes épocas que, coma eles, renderon homenaxe a Rosalía de castro poñendo música á súa obra. As obras musicais “Maio longo”, “Rosa de abril” e “Negra sombra” foron compostas para voz e piano por José Baldomir, Andrés Gaos e Xoán Montes. Juan Durán é o autor dos arranxos musicais para sexteto. A composición “En Cornes” foi realizada e arranxada por Octavio Vázquez. Os nenos cantores estiveron acompañados polo grupo de metais Hércules Brass.
Os 474 nenos e nenas que participan na actividade pertencen ao Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música de Lugo, Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Conservatorio Profesional de Música de Vigo, Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol e Conservatorio Histórico de Santiago, ao coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e á Escolanía da Catedral de Santiago “Ángeles de Compostela”.
Celebración dos 150 anos de ‘Cantares gallegos’
A colaboración da Consellería de Cultura e Educación na iniciativa No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía enmárcase no completo programa de actividades co que a Xunta de Galicia celebra en 2013 os 150.º anos da publicación de Cantares gallegos, no que se inclúe unha mostra bibliográfica arredor do poemario, cunha selección de edicións desta obra, desde a publicación primeira en 1863 ata os nosos días, partituras de composicións de tema rosaliano, adaptacións infantís, traducións etc., que se pode visitar actualmente na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.