A Consellería de Cultura e Educación incrementa en 778 o número de prazas nos 910 ciclos de Formación Profesional que se ofertan para o vindeiro curso en centros públicos

No 2013/2014 haberá a disposición da cidadanía 26.884 prazas, un 3% máis que no curso actual

A Consellería vén de autorizar 23 novos ciclos, dando resposta ás necesidades dos sectores produtivos e aos intereses da cidadanía

Ponse o acento na FP a distancia, na que Galicia é unha das Comunidades con máis oferta, con 6 ciclos novos

Ademais, refórzase a rede de Centros Integrados de Formación Profesional Inicial con 15 novos ciclos

Ven, 07/06/2013 - 18:35
A Consellería de Cultura e Educación incrementa en 778 o número de prazas nos 91
A Consellería de Cultura e Educación incrementa en 778 o número de prazas nos 910 ciclos de Formación Profesional que se ofertan para o vindeiro curso en centros públicos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de incrementar en 778 o número de prazas ofertadas en ciclos de Formación Profesional para o vindeiro curso 2013/2014 en centros públicos. Deste xeito, a cidadanía terá á súa disposición un total de 26.884 prazas, un 3% máis que no actual ano académico, nos 910 ciclos autorizados.

De acordo coas demandas das galegas e galegos, o departamento educativo da Xunta de Galicia pon o acento na ampliación da oferta a distancia, reafirmando así a posición de Galicia como unha das comunidades autónomas á cabeza nesta modalidade de FP. Así, á oferta actual nesta modalidade incorporaranse 6 novos ciclos formativos diferentes, de modo que haberá unha oferta de 38 ciclos formativos pertencentes a 15 familias profesionais diferentes, que se ofrecerán nun total de 22 centros educativos. De feito, 5 centros van ofrecer esta formación por primeira vez o vindeiro curso, en concreto, o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), o  CIFP As Mercedes (Lugo), o CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel (Ourense), o IES Luis Seoane (Pontevedra), e o IES Audiovisual (Vigo).

Ademais, refórzase a rede de Centros Integrados de Formación Profesional Inicial con 15 novos ciclos; ao tempo que Galicia contará con 3 proxectos en marcha en FP dual.

Títulos novos

Para o curso 2013-2014 o número de ciclos autorizados en centros públicos é de 910 o que supón un incremento con respecto a curso pasado de un 2,6 %, dos que 30 se ofertarán este ano como novos, algúns deles substituíndo aos equivalentes títulos da LOXSE.

Títulos de nova creación son ciclo formativo de grao superior de Márketing e publicidade, que se implantará no CIFP As Mercedes, así como o ciclo formativo de grao medio de nova creación de Vídeo-disc-jockey e son, da familia profesional de Imaxe e son, que se ofertará no IES Audiovisual de Vigo.

Do resto dos títulos novos –aínda que non de nova creación-   destaca a implantación dun total de dez títulos de formación profesional LOE, a implantación dos primeiros ciclos formativos LOE da familia profesional de Comercio e márketing, así como a de seis ciclos formativos da familia profesional de Marítimo- pesqueira, sector especialmente significativo para Galicia, que completan a oferta LOE desta familia profesional.

Ampliación da oferta a distancia e para adultos

Galicia é unha das comunidades autónomas con maior oferta de formación profesional na modalidade a distancia na actualidade. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve a incrementar para o vindeiro curso 2013-2014 aoferta de formación profesional nesta modalidade para lograr o obxectivo de tentar achegar a formación profesional ao maior número de persoas independentemente da súa situación, de xeito que se permita a posibilidade de combinar o estudo e a formación coa actividade laboral, coas cargas familiares ou con outras actividades.

Con este novo incremento, en Galicia existirá unha oferta de formación profesional na modalidade a distancia no vindeiro curso dun total de 38 ciclos formativos pertencentes a 15 familias profesionais diferentes, que se ofrecerán nun total de 22 centros educativos. Así, á oferta actual nesta modalidade incorporaranse 6 novos ciclos formativos diferentes, de oferta única no seu centro en Galicia, en concreto o ciclo de grao superior de transporte e loxística, no CIFP As Mercedes de Lugo; o ciclo de grao superior de construcións metálicas, no CIFP Someso da Coruña; o ciclo de grao superior de son para audiovisuais e espectáculos, no IES Audiovisual de Vigo; o ciclo de grao superior de desenvolvemento de aplicacións web, no CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel de Ourense; o ciclo de grao superior de deseño e amoblamento, no CIFP Politécnico de Santiago;  e o ciclo de grao medio de panadería, repostaría e confeitaría, no CIFP Paseo das Pontes da Coruña.

No caso da modalidade presencial, no réxime de persoas adultas, o aumento que se produce é de 11 novos ciclos. Así, cómpre destacar a implantación no CIFP Coroso (Ribeira), onde se ofertará o ciclo superior de Procesos e calidade na industria alimentaria, coa finalidade de dar resposta ás necesidades de formación da industria conserveira tan importante nesta comarca. Ademais, o IES Fraga do Eume completa a súa oferta neste réxime coa incorporación do ciclo medio de servizos en restauración. Por outra banda, é salientable a nova oferta que se realiza nos dous novos centros integrados de Ourense e Lugo.

Reforzo da rede de CIFP

Nos 19 centros da rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, ofértanse 15 ciclos novos o que supón un aumento dun 4,7 %. Os dous centros integrados que recentemente se incorporaron a esta rede, absorben a maior parte de este incremento.

Desta forma no CIFP As Mercedes de Lugo incorpóranse os ciclos de grao superior  Márketing e publicidade, Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos e de Transporte e loxística, este último no réxime de persoas adultas.

No CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel de Ourense implantaranse os ciclos de grao superior de Documentación sanitaria, Hixiene bucodental, Desenvolvemento de aplicacións web e  Laboratorio de análise e de control de calidade e o ciclo de grao medio de Laboratorio. Estes dous últimos ciclos teñen unha especial importancia porque por primeira vez na provincia de Ourense se ofrece ensinanzas da familia profesional de química.

FP dual

Cómpre destacar, así mesmo, que a esta oferta hai que engadir a que se realiza na modalidade de FP dual que xa ten aseguradas neste momento 45 prazas, 15 alumnos xa incorporados á empresa Coremain no ciclo superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos, 15 prazas que se ofertarán na empresa UNVI de Ourense no ciclo medio de Carrocería e outras 15 na empresa Repsol para o ciclo superior de Química industrial.