Cultura e Educación incorpora desde hoxe ‘Peter Punk’ á oferta de actividades da RDL para promover o uso do galego entre a mocidade nas festas locais
A iniciativa, que chegará a 36 localidades da Rede desde xuño ata setembro, desenvolve unha das liñas de actuación previstas na programación anual deste organismo para 2013
‘FalaRedes’ prosegue estes días a súa xira por concellos da Rede con pases de ‘Rosalía Pequeniña’ e ‘A nena e o grilo nun barquiño’ en Piñor, Abegondo e Dodro
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha hoxe unha nova actividade de promoción do uso do galego destinada a localidades nas que se radican entidades participantes na Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Trátase do espectáculo de rúa “Peter Punk”, que os concellos anfitrións integrarán nos seus programas de festas locais para dinamizar a lingua galega de maneira lúdica entre a mocidade.
Coa implementación da iniciativa, o departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad materializa unha das accións contempladas pola RDL na súa planificación para o ano 2013, aprobada no Consello de Membros de decembro de 2012, a proposta da súa Área Técnica.
Dinamización lingüística nas festas do verán
“Peter Punk” desenvolve un espectáculo de rúa pensado para ampliar a oferta de ocio en lingua galega dirixida á mocidade durante as festas do verán do seu concello que se moverá por 36 municipios da RDL. O coñecido espectáculo ofrece novos diálogos e números para presentar o idioma propio de Galicia como parte esencial da vida cotiá dos galegos nun formato de novo circo no que se combinan as máis variadas técnicas circenses cun humor adaptado á realidade e á lingua galegas.
A actividade arranca esta tarde en Arteixo, cun pase ás 18:30 horas no Auditorio do Centro Cívico, no marco do festival de arte na rúa “Fartar”, que se desenvolverá na localidade entre hoxe e mañá. O segundo pase será mañá, sábado, en Ribeira, ás 12:00 horas na Praza do Concello (ou na Biblioteca Municipal, en caso de choiva), no marco da programación “Xuño da cultura e das artes”.
O calendario íntegro de “Peter Punk” pódese consultar en http://www.xunta.es/linguagalega/peter_punk.
Lingua e música da man de ‘FalaRedes’
Amais desta nova actividade, a oferta de programación gratuíta destinada ao público familiar que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística para a RDL continúa cos concertos musicais “A nena e o grilo nun barquiño” e mais “Rosalía Pequeniña”, integrados en “FalaRedes 2013”, que chegan esta fin de semana durante o tempo de lecer aos concellos de Piñor, Abegondo e Dodro.
As dúas propostas coinciden en empregar a música como fonte de transmisión da lingua galega, achegándoa ao terreo dos afectos e promovendo que as cancións non só queden no teatro, senón que se poidan seguir cantando na casa, no coche ou na escola.
O programa de dinamización lingüística, que xa vai pola segunda edición, quere difundir unha imaxe moderna do galego ligándoo ao lecer, á cultura xuvenil e ás TIC, así como reforzar o uso do idioma nos galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos cativos de orixe castelanófona. Chegará, de aquí a final de ano, a máis de un cento de localidades da RDL a través de cinco propostas lúdicas.
‘Rosalía Pequeniña’
Con “Rosalía Pequeniña”, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere facer partícipes da celebración do 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos” aos membros da RDL, por medio da literatura cantada. Nela, da man de Uxía e de Sérgio Tannus, poemas como “Maio Longo” ou “Como chove miudiño” soarán a ritmo de muiñeira, rock ou blues ata completar o repertorio de 11 cancións que compoñen o espectáculo.
Poderase desfrutar do concerto familiar mañá en Dodro, ás 18:00 horas no salón multiúsos da Paxareira. A entrada, como en todas as actividades de “FalaRedes” é de balde ata esgotar o aforo.
‘A nena e o grilo nun barquiño’
“A nena e o grilo nun barquiño” é a outra proposta musical en marcha no marco de “FalaRedes 2013”, unha iniciativa pluridisciplinar con música en directo que mestura narrativa, poesía, teatro e baile. Magín Blanco, acompañado dun elenco de seis artistas en directo (músicos e actores), achega un amplo repertorio musical protagonizado polas personaxes da nena e o grilo.
Con el, a xente miúda da casa e as súas familias entrarán de cheo no mundo das aventuras para descubriren o seu mundo interior a través da ledicia e da música. Os contos e a posta en escena afondan nos valores da solidariedade, o respecto á natureza ou a propia identidade espertando a curiosidade polas cousas que nos rodean.
Mañá, sábado chegará a Piñor, cunha sesión ás 19:00 horas na antiga escola de Cotelas. O domingo, as aventuras musicais da nena e mais do grilo recalarán en Abegondo, onde se poderá ver ás 18:00 horas no centro cultural “O Salón” de Mabegondo.
Toda a información sobre “FalaRedes” está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.