Cultura e Educación pon en marcha Eduemprende Avanza 2013, un plan de emprendemento que forma ao alumnado para concretar e materializar posibles ideas de negocio

O programa, dirixido ao alumnado e ex alumnado de ensinanzas secundarias post obrigatorias, concede a oportunidade de acceder á rede de viveiros de empresa dependente da Consellería.

Lun, 03/06/2013 - 19:00
 Cultura e Educación pon en marcha Eduemprende Avanza 2013, un plan de emprendem
Cultura e Educación pon en marcha Eduemprende Avanza 2013, un plan de emprendemento que forma ao alumnado para concretar e materializar posibles ideas de negocio

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha o plan Eduemprende Avanza 2013, un programa que ten como finalidade o fomento do espírito emprendedor e as iniciativas empresariais no sistema educativo de Galicia. A través dun seminario dirixido ao alumnado con calidades emprendedoras, a Xunta de Galicia ofrece a formación práctica de como concretar un plan de empresa e a oportunidade para acceder aos viveiros de empresa, cando existen posibilidades reais sobre a viabilidade do proxecto. O prazo para cubrir a solicitude de participación estará aberto ata o 17 de setembro de 2013.

Eduemprende Avanza 2013 é unha formación práctica e específica  sobre como materializar un posible modelo de negocio, idea ou proxecto de empresa. No seu desenvolvemento realizaranse talleres sobre os aspectos máis importantes do plan de empresa, claves para posicionarse no mercado ou como poñer en marcha as iniciativas do alumnado participante. Tamén abrangue experiencias emprendedoras e informarase sobre as posibilidades de participar na Rede de Viveiros de Empresa dos Centros Educativos de Galicia.  

O programa, coordinado dende a Subdirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está dirixido ao alumnado de ciclos formativos de formación profesional, ensinanzas artísticas, ensinanzas deportivas ou bacharelato matriculado nun centro educativo sostido con fondos públicos; así como aquelas persoas que finalizaron os seus estudios de calquera destas ensinanzas nos derradeiros catro anos.

A celebración do programa terá lugar nos centros educativos da rede de viveiros de empresa dependentes da Consellería de Cultura e Educación. A devandita rede está conformada por 9 centros que son o CIFP Ánxel Casal (A Coruña), o CIFP Rodolfo Ucha (Ferrol), o CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), o CIFP Politécnico de Lugo (Lugo), o CIFP Porta da Auga (Ribadeo), o CIFP Portovello (Ourense), o IES Luís Seoane (Pontevedra), o CIFP A Granxa (Ponteareas) e o CIFP Manuel Antonio (Vigo).