O Centro Dramático Galego da Consellería de Cultura e Educación inicia a campaña de captación escolar para a coprodución “Touporroutou da lúa e do sol”

A montaxe deste texto de Roberto Vidal Bolaño dirixido ao público infantil estrearase o 4 outubro en Santiago baixo a dirección de Eduardo Alonso

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia elaborará o caderno pedagóxico que acompañará toda a distribución especialmente dirixida a nenos maiores de 6 anos

Lun, 03/06/2013 - 11:50
O Centro Dramático Galego da Consellería de Cultura e Educación inicia a campaña
O Centro Dramático Galego da Consellería de Cultura e Educación inicia a campaña de captación escolar para a coprodución “Touporroutou da lúa e do sol”

O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou a campaña de difusión entre os centros de ensino galegos do seu próximo proxecto teatral, a coprodución xunto a compañía galega Teatro do Noroeste da obra de Vidal Bolaño para público infantil Touporroutou da lúa e do sol, que se estreará o 4 de outubro en Santiago.

A montaxe deste texto, que forma parte da programación da Xunta de Galicia con motivo de se lle dedicar este ano o Día das Letras Galegas ao dramaturgo compostelán, implicará unha intensa campaña de promoción da figura e a obra de Vidal Bolaño entre nenos e nenas de idades comprendidas entre 6 e 8 anos peferentemente; e levarase a cabo mediante a concertación de funcións escolares cos centros de ensino.

Touporroutou da lúa e do sol, texto considerado o de máis alta calidade escénica de todos os escritos para rapaces por Vidal Bolaño, contará para a súa representación coa dirección escénica de Eduardo Alonso, escenografía e vestiario de Paco Conesa e dirección musical de Bernardo Martínez.

Na coproducción colabora tamén a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia na procura da experiencia de introducir no elenco interpretativo a actores e actrices que acaban de obter a súa titulación. Este centro docente ocuparase ademais da elaboración do caderno pedagóxico de apoio.

Rexistro de reservas

As funcións escolares que se desenvolverán inicialmente no Salón Teatro de Santiago de Compostela comezarán na semana inmediatamente posterior á estrea e terán lugar de martes a venres, con dous pases cada xornada, ás 10.00 e ás 12.00 horas. Os días dispoñibles con esta programación serán o 8, 9, 10, 11, 15, 16, 17 e 18 de outubro de 2013.

As reservas de asistencia quedarán rexistradas por rigorosa orde de solicitude e poden formalizarse xa chamando ao número de teléfono do CDG 981 581 111 (extensión 11). O prezo das localidades con desconto para alumnos e grupos organizados, con reserva previa, é de 4,00 euros. Profesores e acompañantes accederán de xeito gratuíto.

O texto de Touporroutou da lúa e do solpreséntase como una "farsada choqueira para actores e bonecos, ou viceversa". Nel, catro titiriteiros contan, axudados dos máis diversos elementos, historias sobre a orixe celta da lúa e o sol, dos días e as noites, do diluvio universal e doutros moitos aconteceres.