Máis do 93% do alumnado de cuarto de infantil das sete cidades galegas obtivo praza no centro educativo escollido como primeira opción para o vindeiro curso
A Consellería de Cultura e Educación ofertou neste curso un total de 10.016 prazas, 1.388 por riba das solicitudes recibidas
A caída da natalidade dos últimos anos en Galicia está a redundar nunha menor entrada de rapaces no sistema educativo cada ano
O 93,62% do alumnado que solicitou praza en 4º de educación infantil – 3 anos- nos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos das 7 cidades galegas para o vindeiro ano académico 2013/2014 obtívoa no colexio escollido como primeira opción. A ampla oferta de prazas deste curso de infantil que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon a disposición das familias destas cidades, un total de 10.016, supera en 1.388 as 8.628 solicitudes recibidas. Dentro do mencionado colectivo de alumnos de 3 anos, tan só un 6,38% non acadou unha praza no centro de primeira escolla. Para esta pequena porcentaxe, as prazas serán asignadas pola comisión de escolarización de cada zona, atendendo aos seguintes centros da súa preferencia.
Por concellos, os datos son os seguintes:
Cómpre sinalar que a caída da natalidade nos últimos anos en Galicia está a redundar nunha menor entrada de rapaces no sistema educativo cada ano. Non en balde, desde 2008 – ano ata o que os nacementos se foron incrementando- o número de nados foi diminuíndo: desde os 23.175 dese 2008 ata os 22.047 do 2010 – que son os nenos que este ano empezan o colexio en 4º de infantil-. A tendencia continúa no mesmo sentido no ano 2011, con 21.594 nacementos.