Cultura e Educación e o concello de Carral entréganlle o XVI Premio de Poesía do municipio a Dores Tembrás
No marco do acto, que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, tamén foi presentado ‘Teatro’, de Roi Vidal, obra gañadora da pasada edición
Dores Tembrás recibiu este serán o XVI Premio de Poesía Concello de Carral, un certame promovido polo concello coruñés e que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura–, xunto con apoio doutras entidades, entre elas, a Deputación da Coruña.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, representou a Consellería de Cultura e Educación no acto de entrega do premio, no que tamén participaron o alcalde do municipio de Carral, José Luis Fernández Mouriño; o director de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello; e Francisco Fernández, membro do xurado da edición de 2013.
Coa súa obra Cronoloxía da urxencia, Dores Tembrás resultou a gañadora da décimo sexta edición desta iniciativa consolidada no panorama de certames literarios de Galicia. Trátase dun poemario “emocionado e emocionante” que se presenta “enfiado arredor do amor e a paixón” no que se pon en valor a simboloxía dos traballos da casa e do campo”, polo que resulta “unha poética con raíces”. Así o cualificou o xurado do certame, que estivo conformado por Mercedes Queixas Zas, Francisco Fernández Naval e Roi Vidal, baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo.
No marco do acto, que contou coa actuación musical de Vadim Yukhnevich, tamén foi presentada a obra gañadora da edición de 2012. Teatro, da autoría de Roi Vidal, foi editada por Espiral Maior coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación. A obra resultou gañadora da décimo quinta edición entre as 40 obras presentadas ao concurso, “pola súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, e que xoga cos silencios”, tal e como resaltou o xurado.
Favorecer a creación literaria en galego
O Certame de Poesía de Carral está dotado con 2.000 euros e mais coa publicación do poemario na editorial Espiral Maior. O Concello de Carral, que forma parte da Rede de Dinamización Lingüística, promove esta iniciativa coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, que tamén está a apoiar outras iniciativas dirixidas a alentar a creación literaria en galego, como o Premio de Poesía Novacaixagalicia, o Premio Ardeiro de Poesía, o Premio Arume de Poesía, o Premio de Poesía Gonzalo López Abente ou o Premio Estornela de Teatro.