Entregados os premios do IX certame “Falemos da nosa historia” coa participación de Cultura e Educación
O secretario xeral de Política Lingüística representou a Consellería na entrega dos galardóns promovidos polo equipo de dinamización da lingua galega do CEIP López Ferreiro
A iniciativa está aberta á participación do alumnado do terceiro ciclo de primaria e dos primeiros cursos de secundaria dos centros de ensino galegos
O secretario xeral de Política Lingüística presidiu esta mañá a entrega dos premios do IX certame de investigación “Falemos da nosa historia” en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
No acto, que tivo lugar no compostelán Auditorio de Galicia, participaron tamén Rebeca Domínguez, concelleira de Normalización Lingüística de Santiago; Lois Ferradás Blanco, decano da Facultade de Ciencias da Educación; José Armas Castro, profesor de Ciencias da Educación e membro do xurado; Lois Trigo Martínez, director do CEIP López Ferreiro e José Ramón Carril Vázquez, coordinador do equipo de dinamización da lingua galega.
Durante a súa intervención, Valentín García destacou a importancia deste premio para animar os escolares a escribir e investigar en galego, así como para coñecer o patrimonio lingüístico que atesouramos en ditos, refráns e modismos que o certame propón cada ano como punto de partida para a pescuda histórica. Aproveitou tamén para gabar o labor do equipo de dinamización do CEIP López Ferreiro e de todos os equipos de dinamización da lingua galega da comunidade autónoma, que, ao tempo que traballan pola imaxe social e o uso da lingua propia de Galicia, dinamizan a actividade cultural e promoven a innovación educativa dos centros.
A gavilla de Pepa a Loba
Este ano, o xurado formado polos profesores de Ciencias da Educación Bieito Silva, José Armas e Elena Sánchez decidiu outorgarlle o primeiro premio a Uxía Castro Fondo, que cursa 2º da ESO no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela. O segundo premio recaeu en Enma Fernández Bouvier, que estuda 6º de primaria no CEIP López Ferreiro, e o terceiro, en Jenifer López Becerra, alumna de 2º da ESO no CPI Viaño Pequeno de Trazo. Nos seus traballos, as alumnas premiadas tiveron que expoñer a orixe e explicación histórica do tema proposto este ano: a gavilla de Pepa a Loba.
Falemos da nosa historia
O certame “Falemos da nosa historia” comezou a súa andaina no curso 2003-2004 para homenaxear, no aniversario do seu pasamento, a Antonio López Ferreiro, historiador e novelista compostelán que lle dá nome ao centro promotor. Trátase dunha iniciativa do equipo de dinamización da lingua galega do colexio, que viu nesta convocatoria unha vía para fomentar a expresión escrita en galego e, asemade, descubrir a historia de Galicia a partir de ditos, refráns, modismos, lendas etc.
O proxecto conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Centros; da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela; da Deputación da Coruña; do Concello de Santiago; do Consello da Cultura Galega; da Fundación Pedro Barrié de la Maza; da Fundación Amigos de Galicia e da Fundación Nova Caixa Galicia.
“Falemos da nosa historia” é un concurso aberto a todo o alumnado do terceiro ciclo de primaria e do primeiro ciclo de secundaria de Galicia.