A Consellería de Cultura e Educación mostra a representantes do departamento educativo do goberno de La Rioja o funcionamento do sistema de ensino galego

Xesús Vázquez e membros do seu departamento mantiveron un encontro de traballo no que presentaron ao consejero Gonzalo Capellán as iniciativas desenvolvidas pola Consellería en materia de idiomas, novas tecnoloxías e formación do profesorado

Durante a xuntanza ambas as partes amosaron o seu interese en intercambiar experiencias e boas prácticas a prol da mellora da calidade educativa

Lun, 27/05/2013 - 17:08
A Consellería de Cultura e Educación mostra a representantes do departamento edu
A Consellería de Cultura e Educación mostra a representantes do departamento educativo do goberno de La Rioja o funcionamento do sistema de ensino galego

conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o consejero de Educación, Cultura e Turismo de La Rioja, Gonzalo Capellán de Miguel mantiveron esta mañá un encontro de traballo, acompañados por membros dos seus equipos directivos, no que afondaron no funcionamento do sistema educativo galego. Nesta xuntanza os representantes do departamento de ensino do goberno autonómico rioxano amosaron o seu interese polas diferentes iniciativas que a Consellería está a desenvolver en materia de aprendizaxe de idiomas e para a integración das novas tecnoloxías en colexios e institutos.

Ademais, Capellán e os seus colaboradores mostráronse gratamente sorprendidos pola calidade e amplitude da rede de formación do profesorado que a Xunta de Galicia sostén, froito da súa aposta polos docentes como piar fundamental para a mellora da educación; un sistema ao que se aproximaron na súa visita ao Centro Autonómico de Formación do Profesorado (CAFI). Non en balde, a Rede de Formación Permanente do Profesorado, coordinada desde o CAFI, ten desde hai un ano a certificación de calidade en base á Norma UNE-EN ISO 9001:2008.

No marco desta xuntanza ambas as partes manifestaron o seu interese en intercambiar experiencias e boas prácticas a prol da mellora da calidade educativa nas súas respectivas Comunidades. Tras a reunión e a visita ao CAFI, o equipo da Consejería de Educación, Cultura e Turismo de La Rioja desprazouse á Cidade da Cultura de Galicia para asistir á inauguración da exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido.

Aposta por idiomas e TIC

No marco do encontro mantido esta mañá en San Caetano, o equipo da Consellería expuxo aos representantes do goberno de La Rioxa as liñas fundamentais do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, fundamentado na extensión progresiva das redes galegas de Centros Plurilingües – 148 no actual curso académico-, seccións bilingües -2.373 no curso 2012/2013- e de Escolas Oficiais de Idiomas e as súas seccións. Neste sentido os membros do departamento dirixido por Gonzalo Capellán amosaron o seu interese polo funcionamento deste plan do que este curso se benefician máis de 55.000 estudantes, e grazas ao que Galicia é, con 408, a segunda comunidade en ratio de auxiliares de conversa por alumno e a terceira en número total.

Respecto da integración das novas tecnoloxías, os representantes da Consejería de Educación Cultura e Turismo de La Rioja expresaron a súa felicitación pola aposta da Xunta de Galicia a prol do Proxecto Abalar, grazas ao que en tan só tres cursos a presenza das TIC nos colexios e institutos deixou de ser anecdótica e comezou a constituír unha realidade que chega xa este ano académico ao 50% dos centros escolares que imparten educación primaria e secundaria obrigatoria – un total de 535 centro -  e a máis de 44.000 estudantes.