A Consellería de Cultura e Educación e Repsol porán en marcha o vindeiro curso o primeiro proxecto de Formación Profesional Dual na área da Coruña

O conselleiro e o director do complexo industrial petroleiro na cidade asinaron hoxe un convenio de colaboración para iniciar esta modalidade de formación con 15 alumnos do ciclo formativo de grao superior en Química industrial

Os asinantes salientaron esta iniciativa como unha aposta polo emprego e un estímulo para que as empresas colaboren na formación de profesionais cualificados que contribúan ao desenvolvemento do noso tecido produtivo

Ven, 24/05/2013 - 12:25
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director do Complexo Industrial de Repsol Petróleo S.A. na Coruña, Luis F. Llamas Gómez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha do primeiro proxecto de FP dual na área da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director do Complexo Industrial de Repsol Petróleo S.A. na Coruña, Luis F. Llamas Gómez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha do primeiro proxecto de formación profesional dual na área da Coruña. Ao abeiro deste acordo, abrirase unha convocatoria para que 15 alumnas e alumnos se matriculen no ciclo de grao superior en Química industrial nesta modalidade no IES A Sardiñeira, e combinen a formación no centro con formación e traballo efectivo nas instalacións de Repsol na cidade herculina durante os cursos 2013/2014 e 2014/2015.

Segundo indicaron os asinantes este proxecto experimental – o terceiro que a Consellería pon en marcha en Galicia – é unha aposta polo emprego xuvenil, dada a importancia capital que a formación práctica ten para abrir aos máis novos as portar do mercado laboral. Así mesmo, ambos coincidiron en salientar o valor da colaboración entre empresa e administración educativa nun proceso de retroalimentación no que as compañías prestan o seu apoio para mellorar e ofrecer novas posibilidades de formación ás alumnas e alumnos da FP, e do que reciben despois uns profesionais altamente cualificados, quen de impulsar o avance do noso sector produtivo.

O novidoso deste proxecto vén dado, precisamente, polo feito de que se combina a formación curricular co traballo remunerado na empresa (ata un 52,5% do total do tempo que dura o ciclo), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. O período formativo desenvolverase no IES A Sardiñeira (A Coruña) e nas instalacións de Repsol.

Ao acto, ademais dos asinantes, asistiron a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo Martínez; o concelleiro de Educación,  Francisco José Mourelo Barreiro; a subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez Fernández e mais o xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana

Este é o terceiro proxecto experimental que se pon en marcha en Galicia despois do éxito da iniciativa emprendida pola Consellería, Coremain e o CIFP Politécnico de Santiago con outros estudantes do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de sistemas de telecomunicacións e informáticos; e da presentación da colaboración en Ourense con UNVI e o IES Universidade Laboral no ciclo de grao medio en carrozaría.

Formación e traballo efectivo

Esta experiencia pioneira de FP dual terá unha duración de 3.412 horas, ao longo de 2 cursos. Delas, 1.619  serán de formación, das que 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.052 horas impartiranse no IES A Sardiñeira e as outras 538 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 29 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.

Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 1.793 horas de traballo efectivo. Neste tempo o alumnado percibirá unha retribución a través do Programa de Bolsas Formación Profesional Dual – nacido ao abeiro da colaboración entre a Consellería e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA)- , cun importe que se fixará tomando como base o soldo mínimo interprofesional publicado para cada ano de duración do proxecto, e en proporción ao tempo de traballo efectivo na empresa o estudante. O importe desta bolsa, que os estudantes percibirán mes a mes, inclúe ademais a cotización ao réxime xeral da Seguridade social e as retencións tributarias exixibles.

A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:

 

Curso 2013-2014

Curso 2014-2015

Total

Formación curricular

Formación en centro educativo (FCE)

544 h

508 h

1.052 h

Formación en empresa (FEM)

279 h

259 h

538 h

Traballo/formación en empresa (TFE)

Traballo

852 h

941 h

1.793 h

Formación complementaria

29 h

-

29 h

Total

1.704 h

1.708 h

3.412 h

Seguimento do proxecto

Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un  titor ou titora para cada estudante, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o IES A Sardiñeira designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación, e servir como interlocutor coa empresa.

Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do IES e de Repsol.

Unha oportunidade para a economía galega

A iniciativa experimental da FP dual supón, ademais dun beneficio engadido para os estudantes, unha oportunidade para as empresas. Desta forma, a compañía poderá formar a futuros profesionais, dándolles coñecementos específicos axustados ás necesidades reais do sector en Galicia.

A Consellería traballa na liña de impulsar este sistema de formación en colaboración con outras empresas galegas, de tal xeito que as sinerxías redunden nun avance para a nosa economía e para o tecido socio-produtivo.