Cultura e Educación e o concello de Padrón colaborarán para achegar a formación ás persoas adultas a través da apertura dunha nova aula

O espazo dará servizo ás persoas matriculadas no programa Aula Mentor que imparte o IES San Clemente

Mér, 22/05/2013 - 11:56
 Cultura e Educación e o concello de Padrón colaborarán para achegar a formación
Cultura e Educación e o concello de Padrón colaborarán para achegar a formación ás persoas adultas a través da apertura dunha nova aula

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que facilitarán o acceso á formación ás persoas adultas grazas á apertura dunha nova aula Mentor auxiliar no concello padronés, destinada ás persoas que realizan cursos na mesma. O acordo enmárcase no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia co impulso da formación ao longo da vida, especialmente dirixida a aquelas persoas que non contan cunha titulación académica.

Esta aula auxiliar supón facilitar o acceso ao programa Aula Mentor, achegando ás persoas adultas os recursos necesarios para completar e mellorar a súa formación, cuestión fundamental na actual situación do mercado laboral. Cómpre lembrar que o pasado mes de marzo a Consellería asinou tamén un convenio coa Fundación Laboral da Construción para apertura dunha aula destas características no concello de Teo.

Ao acto de sinatura asistiu, ademais, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Equipamento para as titorías

A aula contará cos recursos técnicos e informáticos necesarios para que o alumnado matriculado nas ensinanzas que o IES San Clemente (Santiago de Compostela) imparte do programa Aula Mentor poida poñerse en contactos cos seus titores e titoras, así como para realizar as titorías telemáticas. Así mesmo, contará cunha persoa responsable, que desenvolverá as funcións de administración da aula, que será recoñecida pola Consellería como centros colaborador do IES San Clemente na formación de persoas adultas de Aula Mentor.

Pola súa banda, Cultura e Educación será a responsable da xestión administrativa do alumnado matriculado no que atinxe á xestión en liña da matrícula, a administración das probas presenciais, e a supervisión de todas as probas de avaliación, así como o pagamento das persoas responsables da titoría. Ademais, a Consellería será quen remita ao IES San Clemente as certificacións de aproveitamento do alumnado facilitadas de forma conxunta co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.

Aula Mentor en Galicia

Aula Mentor é un programa do Ministerio de Cultura, Educación y Deporte, de formación aberta, libre e a distancia a través de internet. A través del, ofrécense máis de 100 cursos en liña, con matrícula aberta e permanente e atención titorial cercana ao estudante a través dun titor a distancia que o guía, avalía e aconsella. Entre a variada oferta hai cursos de Electrónica Dixital, Nutrición, Xestión de Empresas, Turismo Rural, Teletraballo, Historia da Arte, Tributación, Contabilidade, ou Iniciación á Informática. Ao superar o curso, o alumno recibe unha certificación de aproveitamento emitida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación.

Neste momento están matriculadas neste programa en Galicia 336 persoas. Ademais do IES san Clemente, imparten o programa Aula Mentor os centros de educación de adultos EPA Santa María de Caranza (Ferrol), EPA Eduardo Pondal (A Coruña), EPA de Albeiros (Lugo), EPA de Ourense, EPA Río lérez (Pontevedra), EPA Berbés (Vigo); e os institutos IES Isidro PArga Pondal (Carballo), IES Campo de San Alberto (Noia), IES Monte Castelo (Burela), IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), IES García Barbón (Verín), IES de Rodeira (Cangas do Morrazo), IES Ramón María Aller Ulloa (Lalín) e o IES Armando Cotarelo Valledor. Ademais, a oferta formativa está dispoñible en centros, aulas auxiliares e centros colaboradores dos concellos de Abegondo, Bergondo, Boiro, Cee, Oroso, Santa Comba, Lugo e Valga.