A Consellería de Cultura e Educación colaborará con asociacións de empresarios galegas para facilitar que o alumnado de FP participe no programa Erasmus

Desta forma o departamento educativo da Xunta de Galicia impulsará a formación do alumnado nos países europeos, apoiando a adquisición de coñecementos que repercutan logo nun avance do tecido socioprodutivo galego

Dáse así resposta ao alumnado de ciclos formativos, que solicitaba contar con maior posibilidade de realizar o período de formación en centros de traballo no estranxeiro

Mar, 21/05/2013 - 12:42
 A Consellería de Cultura e Educación colaborará con asociacións de empresarios
A Consellería de Cultura e Educación colaborará con asociacións de empresarios galegas para facilitar que o alumnado de FP participe no programa Erasmus

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e máis o secretario xeral da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), David Sobral Pidre; o director xerente da Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste (Aimén), Jesús Ángel Lago Gestido; e o presidente da Asociación Profesional de Establecemento de Turismo rural da provincia de Pontevedra (Agarimo), Ventura García Fafián; asinaron un protocolo de colaboración a través do cal se facilitará que o alumnado de ciclos formativos de grao superior de Galicia realicen o período de Formación en Centros de Traballo (FCT) das titulacións que están a cursar en países europeos a través do programa Erasmus. Trátase dunha nova aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola Formación Profesional como unhas ensinanzas claves de cara ao futuro, que permitirá ademais que as alumnas e alumnos adquiran competencias que contribúan logo ao avance do tecido socioprodutivo de Galicia.

A iniciativa dá ademais resposta ás demandas do alumnado, que viña solicitando contar cun maior número de prácticas no estranxeiro. Xa no presente curso a Consellería puxo en marcha o Consorcio Europa Praexuropa, co fin de facilitar a mobilidade europea dos estudantes da FP galega, co obxectivo de mellorar as súas habilidades lingüísticas, completar a súa formación académica e desenvolver habilidades persoais e competencias profesionais que lles axuden a aumentar as súas posibilidades de inserción dentro do mercado de traballo actual. Grazas a este consorcio, o centro educativo non teñen que realizar os trámites de busca de socios e empresas no estranxeiro que é unha das maiores dificultades que se presentan na organización deste tipo de prácticas no estranxeiro para estudantes

Unha oportunidade para o emprego

O protocolo de colaboración asinado hoxe será un paso máis, xa que as asociacións buscarán de entre as súas colaboradoras no estranxeiro outras compañías que se presten a acoller ao alumnado galego no período de FCT. Isto supón, ademais, que as empresas galegas poderán contar con profesionais da FP que acadaron durante a súa estadía no estranxeiro competencias para incorporalas ao noso tecido socioprodutivo, o que é, ao mesmo tempo, unha oportunidade para o emprego.

Neste momento xa participan no Consorcio un total de 19 centros de ensino, en concreto os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) Coroso (Ribeira), Politécnico de Lugo, Politécnico de Santiago, Porta da Auga (Ribadeo), Ánxel Casal (A Coruña), de Someso (A Coruña); Rodolfo Ucha (Ferrol), Carlos Oroza (Pontevedra) Valentín Paz Andrade (Vigo), As Mercedes (Lugo) e Paseo das Pontes (A Coruña); así como os IES Ribeira do Louro (Porriño), Chan do Monte (Marín), Leliadoura (Ribeira), Pintor Colmeiro (Lalín), Sanxillao (Lugo), Pontepedriña (Santiago), Ricardo Mella (Vigo), e Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia). Participa ademais a  Federación Galega de Parques Empresariais do Porriño.