Unha delegación de embaixadores dos países da Unión Europea coñece a Cidade da Cultura de Galicia

Foron recibidos polo conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez; e polo director xeral de Relacións exteriores e coa Unión europea, Jesús Gamallo

Os embaixadores tiveron a oportunidade de coñecer os edificios do complexo cultural do Gaiás e varias das exposicións que albergan como a dedicada á emigración irlandesa e a que conmemora o 150 aniversario de ‘Cantares Gallegos’, na Biblioteca e Arquivo

Lun, 20/05/2013 - 16:50
Unha delegación de embaixadores dos países da Unión Europea coñece a Cidade da C
Unha delegación de embaixadores dos países da Unión Europea coñece a Cidade da Cultura de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o director xeral de Relacións exteriores e coa Unión europea, Jesús Gamallo; recibiron esta mañá no Museo Centro Gaiás a unha delegación de embaixadores da Unión Europea de visita en Galicia.

Os embaixadores quedaron gratamente impresionados pola Cidade, que percorreron nunha visita guiada na que puideron coñecer os pormenores da arquitectura dos edificios o complexo cultural do Gaiás e as funcións dos edificios que o compoñen. Así mesmo, a delegación coñeceu algunhas das exposicións instaladas na Cidade da Cultura, “De estranxeiros a cidadáns”, unha mostra itinerante que narra a historia da emigración irlandesa a Europa durante os séculos XVI e XVII, que está instalada no Centro de Emprendemento Creativo de Galicia.

Ademais, os embaixadores tiveron a oportunidade de contemplar verdadeiras xoias da historia das nosas letras na mostra “Rosalía.150 anos de Cantares Gallegos”, un percorrido pola evolución do poemario publicado en 1863 que acolle a Biblioteca e Arquivo de Galicia. Non en balde esta exposición amosa ao público exemplares singulares e de gran valor como as edicións do poemario publicadas en vida pola autora, a primeira, de 1863, e a segunda, de 1871. Entre as pezas  da mostra tamén se contar poemas soltos que Rosalía publicara en 1861 e 1862 na revista El Museo Universal e no Álbum de la caridad, a primeira recensión de Cantares Gallegos, asinada por Ventura Ruiz Aguilera en 1864 en el El Museo Universal; as diversas edicións que viron a luz ata 1963, as primeiras publicacións conmemorativas e críticas, as primeiras edicións  lingüisticamente normativizadas, e mesmo o Cantares Gallegos ilustrado por Aguilar, de 1957, entre outras.

Esta visita enmárcase dentro da viaxe que esta vintena de embaixadores da UE acreditados en España realizaron a Galicia, cunha axenda que xirará en torno a tres eixes: fondos europeos, sectores produtivos da economía e cultura; na liña da presidencia irlandesa da UE neste primeiro semestre do ano. Ademais dos embaixadores, compoñen esta delegación o director da Oficina da Comisión Europea en Madrid e o embaixador de Croacia en España, xa que Croacia convertérase no Estado numero 28 da UE o vindeiro mes de xullo.