‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’ abre a semana grande das Letras Galegas en Outes, coa colaboración de Cultura e Educación

A exposición coa que a Xunta de Galicia lle rende tributo a unha das figuras máis emblemáticas da literatura galega súmase á celebración da semana grande das Letras Galegas en Outes, no marco do seu percorrido polas localidades da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística e mais o escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas participaron no acto inagural, que tivo lugar na Casa da Cultura

Lun, 13/05/2013 - 13:50
‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’
‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’ abre a semana grande das Letras Galegas en Outes, coa colaboración de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Outes na programación conmemorativa da semana grande das Letras Galegas a través da mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”, que se poderá visitar estes días na Casa da Cultura.   

A exposición, que chega a este concello no marco da itinerancia que está a ter en localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, foi inaugurada hoxe polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a quen acompañaron o rexedor municipal, Carlos. E. López, e mais o escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.

Con ela, o departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad quere ofrecerlle á cidadanía galega a oportunidade de achegarse de primeira man á traxectoria do libro máis lido da literatura galega, Memorias dun neno labrego e, asemade, á vida e á obra dun dos autores máis prolíficos da literatura galega actual, Xosé Neira Vilas.

Neira Vilas, anfitrión da semana grande das Letras Galegas en Outes

O auditorio da Casa da Cultura acolleu, logo do percorrido inaugural pola mostra, un coloquio do escritor con preto de douscentos asistentes ao acto. Entre eles atopábase o alumnado do IES Poeta Añon e os estudantes de sexto curso dos CEIP Serra de Outes e Emilio Navasqües, acompañados polo seu profesorado e por integrantes dos equipos de dinamización da lingua galega.

Tamén acudiron á cita as 17 integrantes do club municipal de lectura, así como membros da ADISMUR (Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros), canda os seus monitores. Todos eles tiveron ocasiónde departir co autor arredor da súa obra e dos protagonistas das pezas que a conforman a súa ampla produción literaria, nomeadamente Memorias dun neno labrego e o coñecido Balbino.

Mostra-homenaxe a Balbino e ao seu creador

“Querido Balbino” articúlase en torno a dous eixos que guían o espectador a  través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia Memorias dun neno labrego -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.

A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

O catálogo explicativo da esposición pódese descargar no enlace web www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346894&name=DLFE-10916.pdf.

Achegarlle as letras galegas á cidadanía

A exposición leva en itinerancia dende abril do 2011, no que fixo medio século da publicación en Bos Aires de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés). 

Encádrase na programación que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina á RDL para contribuír á dinamización da lingua a través das nosas letras e tamén para impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.

Dende o hoxe e ata o vindeiro 20 de maio poderase visitar en Outes, tralo seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia, así comopolas localidades de Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei, Dodro, Rois e Padrón. A semana que vén chegará Fisterra e a seguinte a Pontecesures, todos eles concellos pertencentes á RDL da Xunta de Galicia.

Menús News node R