O Conselleiro de Educación anuncia unha lei para a corresponsabilidade no sistema educativo

Xesús Vázquez Abad explicou en TVG como vai ser a implantación do novo Decreto do Plurilingüsimo

Lun, 24/05/2010 - 13:30

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, explicou hoxe que a lei que a Xunta de Galicia ten previsto elaborar para poder consultar ás familias sobre asuntos relacionados co ensino “será moito máis ampla,e irá moito máis aló do ámbito lingüístico”. Nunha entrevista no programa ‘Bos Días’, da TVG, o conselleiro explicou que a lei anunciada o pasado xoves polo presidente da Xunta abarcará a convivencia nos centros educativos, e a corresponsabilidade de toda a sociedade no funcionamento do sistema educativo.

Así mesmo, esta lei recollerá a dignificación do labor docente. Neste sentido, o conselleiro de Educación lembrou a necesidade de recoñecer o labor “cen por cen de entrega ao alumnado” que desenvolven os docentes a diario.

Igualdade de competencias

Vázquez Abad explicou que a actitude “respectuosa co Consello Consultivo” foi a razón da retirada da consulta para as etapas de Primaria e Secundaria, atendendo ao baleiro legal sinalado neste sentido polo devandito órgano. Respecto da etapa de Infantil, o conselleiro explicou que se preguntará ás nais e pais pola lingua materna dos seus fillos, co fin de establecer a lingua predominante na aula. Con todo, Vázquez Abad fixo fincapé en que o propio Decreto establece nesta a introdución da outra lingua cooficial de Galicia. “Os rapaces galegofalantes e castelánfalantes van  convivir e irán adquirindo competencias en ambas as linguas”, resumiu.

Para etapa de Primaria e Secundaria, o Decreto establece o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, así como a liberdade do alumnado á hora de poder expresarse en calquera delas. "O obxectivo é que ao finalizar a etapa os rapaces teñan igualdade de competencias en castelán e en galego".

Así mesmo, o conselleiro de Educación explicou que o Decreto do Plurilingüismo introducirá unha lingua estranxeira no ensino, "algo que –dixo- se está a facer no resto das comunidades autónomas e que está avalado polo Consello Consultivo". Vázquez Abad explicou que o coñecemento de linguas estranxeiras, fundamentalmente o inglés, “é unha necesidade” no mundo globalizado, polo que abriu a porta a introducir o ensino de outros idiomas.