Cultura e Educación publica as axudas para a promoción da lingua galega nas entidades locais

Con esta resolución, a Consellería dirixida por Xesús Vázquez crea 9 novos servizos lingüísticos que actuarán en 24 concellos

Son 138 os municipios que se benefician destas subvencións para promover a dinamización do galego dende o ámbito local

Preto dun 40% dos concellos que se beneficiarán destas axudas opta pola prestación compartida de servizos lingüísticos

Ven, 10/05/2013 - 10:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas convocadas pola Orde do 5 de febreiro de 2013 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia  para a promoción do uso da lingua galega.

Con esta resolución, repártese unha contía de 400.000 € entre os 138 concellos que acceden ás axudas a través dunha das catro modalidades establecidas na convocatoria: a primeira e a segunda, dirixidas á creación de novos servizos lingüísticos –mediante a contratación de persoal técnico especialista en dinamización lingüística- en concellos ou en agrupamentos de concellos; a terceira, subvenciona o mantemento ou o reforzo dos servizos lingüísticos que se encontraban en funcionamento na data de publicación da convocatoria e a cuarta está destinada a posibilitar o desenvolvemento de programas dinamizadores promovidos por entidades locais carentes de servizo lingüístico.

A estas axudas puideron concorrer todos os concellos ou agrupamentos de concellos cunha poboación mínima de 3.000 habitantes e nelas déuselles preferencia ao mantemento dos servizos lingüísticos e á súa creación compartida. Deste xeito, preténdese apoiar a estabilidade e a continuidade das accións dinamizadoras, así como a prestación de servizos mancomunados na Administración local, o que favorecerá unha cobertura uniforme de Galicia e unha atención que chegue a toda a cidadanía, pois máis do 50% dos municipios galegos ten menos de 3.000 habitantes.

Outra das prioridades á hora de valorar as solicitudes foi, de acordo coa convocatoria, a pertenza ou a incorporación das entidades concorrentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) promovida pola Xunta de Galicia, coa finalidade de unir os esforzos de todas elas a prol dun proxecto común de promoción da lingua. Polo que se refire ás actividades presentadas polos concellos para o fomento do galego, valoráronse máis aquelas que incidían nos cinco ámbitos fixados pola propia orde de convocatoria: deporte, mocidade, tecnoloxías da información e da comunicación, economía e servizos sociais.

As contías asignadas pódense consultar no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega. Os beneficiarios poderán imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai dende o 1 de xaneiro ao 15 de outubro de 2013.

Apoio aos servizos lingüísticos de 63 concellos

Por medio destas subvencións, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia economicamente as accións dinamizadoras de máis de 50 servizos que están actualmente en funcionamento e doutros 9 de nova creación, entre os que cómpre destacar os 4 que se radicarán en agrupamentos de concellos e outro que lles dará cobertura aos 7 municipios que integran a Mancomunidade de Ordes.

Os servizos lingüísticos levan a cabo un labor fundamental no fomento do uso do galego e mais no crecemento do seu prestixio social, tanto no ámbito interno da Administración local, coma na súa contorna social.

Actividades de dinamización noutros 57 concellos

As axudas tamén apoian o financiamento de diferentes programas de dinamización naqueles concellos que, aínda sen contar con servizo lingüístico, desenvolvan programas ou campañas de promoción do galego. Así sucede cos agrupamentos constituídos por Cerdedo, Cotobade e Campo Lameiro; Barbadás e Toén; A Veiga, O Bolo e Petín; Muíños, Bande e Lobeira e mais Piñor e Maside. Trece municipios que se suman aos 44 que solicitaron a axuda por separado.

Prestación compartida de servizos

Dos 63 concellos que, a partir da publicación desta resolución, contarán cun servizo lingüístico, 40 vano compartir. Ademais, 13 dos 57 concellos que non contan cun servizo, pero desexan implementar programas de dinamización, optaron este ano por facelo en colaboración con outras entidades locais. Estas iniciativas de cooperación en prol da promoción social do galego responden á aposta da Xunta de Galicia polo acceso dos concellos á prestación de servizos á cidadanía grazas ao aproveitamento de servizos e de sinerxías na planta municipal galega.

O mesmo obxectivo de colaboración guiou a creación da Rede de Dinamización Lingüística, que conta xa con 150 entidades que rendibilizan os seus esforzos coadxuvando na promoción da lingua galega.

Menús News node R