Cultura e Educación cifra no 17,9% a incidencia da folga contra o anteproxecto da LOMCE nos centros públicos galegos

O paro foi secundado por un 15% menos de efectivos da Consellería que na folga do 14 de novembro de 2012

A Consellería valora a responsabilidade da comunidade escolar, que se traduciu nunha total normalidade na xornada lectiva

Xov, 09/05/2013 - 12:27

Os datos recollidos hoxe pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos centros educativos públicos galegos amosan un seguimento – por parte dos docentes e persoal de centros da Consellería- do 17,9% da folga contra o anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), un texto que mañá pasará polo Consello de Ministros, antes de que se inicie o seu trámite parlamentario. No ensino concertado o seguimento foi do 1,79%. O paro foi secundado por un 15% menos de efectivos da Consellería que na folga do 14 de novembro de 2012.

A xornada lectiva desenvolveuse con total normalidade nos centros de ensino  -agás na localidade de Santiago de Compostela, onde permaneceron pechados pola celebración da festividade local da Ascensión -, garantindo a apertura dos mesmos para aqueles membros da comunidade escolar que decidiron non secundar o paro, cun cumprimento total dos servizos mínimos.

Por provincias, os datos de seguimento nos centros públicos foron do 21,7% na Coruña, 20,8% en Lugo, 19,1% en Pontevedra e 12,5% en Ourense. No ensino concertado o paro foi secundado polo 2% na Coruña, o 1,8% en Lugo, o 0,5% en Ourense e o 1,8% en Pontevedra. A Consellería xa trasladou esta información ao Ministerio de Cultura, Educación e Deporte, responsable de dar conta da incidencia da xornada de folga a nivel estatal.

O departamento educativo da Xunta de Galicia valora unha vez máis o comportamento responsable do profesorado, equipos directivos, nai e pais; e aposta polo diálogo como vía para o entendemento no procedemento de aprobación da nova lei, para a mellora da calidade do ensino e a prol do éxito escolar.

Un 15% que na folga anterior